Winter Is Coming

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

"Winter Is Coming"
episodio de Game of Thrones
Episodio no.Tempada 1
Episodio 1
Dirixido porTim Van Patten
Escrito por
MúsicaRamin Djawadi
FotografíaAlik Sakharov
Editado porOral Norrie Ottey
Estrea orixinal17 de abril de 2011
Duración62 minutos[1]
Convidado(s)
Cronoloxía de episodios
← Anterior
Seguinte →
"The Kingsroad"
Game of Thrones (tempada 1)
Lista de episodios de Game of Thrones

"Winter Is Coming" é o episodio piloto da serie de televisión de fantasía medieval da HBO Game of Thrones. É o primeiro episodio da primeira tempada, e foi escrito polos creadores da serie David Benioff e D. B. Weiss, nunha adaptación fiel dos primeiros capítulos do libro de George R. R. Martin A Game of Thrones. O episodio foi dirixido por Tim Van Patten, refacendo o traballo feito polo director Tom McCarthy no episodio piloto sen estrear.

Como primeiro episodio da serie, introduce o mundo e os personaxes principais da serie. O episodio céntrase na familia Stark, e en como o seu señor, Eddard "Ned" Stark, se ve involucrado na política logo de que o rei o escolla para substituír o seu administrador ("Hand of the King") que morreu recentemente. O episodio recibiu valoracións moi positivas, e foi visto inicialmente por 2,2 millóns de espectadores nos Estados Unidos. Unha semana antes da estrea do episodio, HBO fixo que os 15 primeiros minutos da serie estiveran dispoñibles para velos en liña.

O título do episodio é o lema da Casa Stark, que é mencionado numerosas veces no episodio e ó longo da serie.

Sinopse[editar | editar a fonte]

Alén do Muro[editar | editar a fonte]

No continente de Westeros, os membros da Night's Watch rastrexan os movementos dos salvaxes alén do gran Muro, a enorme barreira de xeo que hai no norte, e descobren Camiñantes Brancos demoníacos e a salvaxes convertidos en non mortos. Namentres, o único supervivente da expedición marcha cara ó sur.

En King's Landing[editar | editar a fonte]

Velando o corpo de Jon Arryn, a Man do Rei, Jaime Lannister asegura á súa irmá xemelga, a raíña Cersei Lannister, que se Arryn lle tivese dito a alguén sobre eles, xa terían sido executados.

En Pentos[editar | editar a fonte]

O príncipe exiliado Viserys Targaryen artella reclamar o trono do seu pai das mans do rei Robert Baratheon, a arranxa un casamento entre a súa irmá Daenerys e señor da guerra dothraki Khal Drogo. Como agasallos de voda, Daenerys recibe libros sobre os Sete Reinos de Ser Jorah Mormont, un cabaleiro exiliado leal ós Targaryen, e tres ovos petrificados de dragón do Maxister Illyrio Mopatis, quen axudou a arranxar a voda.

No Norte[editar | editar a fonte]

Introdúcense os Stark de Winterfell: Lord Eddard "Ned" Stark, a súa muller Lady Catelyn, os seus fillos, o herdeiro Robb, a filla máis vella Sansa, a filla máis nova Arya, o fillo de dez anos Bran, e o fillo máis novo, Rickon, así como o bastardo de Ned Jon Snow e o seu pupilo Theon Greyjoy.

Ned leva ós seus fillos a presenciar a execución do desertor Will. Ignorando as advertencias de Will sobre os Camiñantes Brancos, Ned decapítao, insistindo en que os Camiñantes están extintos dende antigo. Os Stark atopan un cervo morto, símbolo da Casa Baratheon, e un loba prehistórica morta, símbolo dos Stark, cuxos cadelos son adoptados polos nenos Stark.

Chegan novas sobre a morte de Lord Arryn, amigo de Eddard e cuñado de Catelyn. Winterfell recibe a corte real, incluíndo o rei Robert, a súa muller a raíña Cersei, os seus fillos, o príncipe herdeiro Joffrey, a princesa Myrcella e o príncipe Tommen, así como Jaime, membro da Garda Real, e o irmán máis novo de Cersei e Jaime, Tyrion Lannister, un anano coñecido como "The Imp". Robert presenta os seus respectos a Lyanna Stark, a súa prometida morta e irmá de Ned, nomea a Ned como nova Man do Rei e suxire un compromiso entre Sansa e Joffrey. Catelyn recibe unha mensaxe da súa irmá Lysa, a viúva de Arryn, que sospeita que o seu marido foi asasinado polos Lannister. Ned acepta a regañadentes a posición de Man do Rei.

Bran rube por unha torre abandonada e descobre a Cersei e a Jaime tendo sexo. Para manter a relación incestuosa en segredo, Jaime empurra a Bran pola fiestra abaixo.

Produción[editar | editar a fonte]

Concepto e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Algúns estudios de Hollywood contactaran con George R. R. Martin sobre a posibilidade de adaptar a súa serie de libros A Song of Ice and Fire nun filme. Porén, Martin declarou que os libros non podían ser adaptados nun filme porque tería que eliminarse moito do seu contido, mais que si poderían ser convertidos nunha serie de televisión.[2] En xaneiro de 2006, David Benioff contactou co axente literario de Martin, quen lle enviou os primeiros catro libros de A Song of Ice and Fire.[3] Benioff levou uns poucos centos de páxinas do primeiro libro, A Game of Thrones,[4] chamou a D. B. Weiss e díxolle: "Se cadra estou tolo, pero non me divertira tanto lendo algo en aproximadamente 20 anos. Así que bota unha ollada porque creo que podería ser unha gran serie de HBO".[5] Weiss, que leu o primeiro libro en dous días, estivo moi entusiasmado sobre un posible proxecto televisivo baseado nos libros. Arranxaron un encontro con Martin, que lles preguntou se sabían quen era a verdadeira nai de Jon Snow, e estivo satisfeito coas súas respostas.[4]

En marzo de 2006, unhas poucas semanas despois do encontro con Martin, Benioff e Weiss presentaron a idea a Showtime e despois a Carolyn Strauss de HBO, aceptando Strauss a proposta.[4][6] HBO adquiriu os dereitos das novelas para convertelas nunha serie de televisión,[7] con Benioff e Weiss como guionistas e produtores executivos da serie. A serie comezou a fase de desenvolvemento en xaneiro de 2007.[8] A serie comezou co primeiro libro da serie "A Game of Thrones", escrito en 1996, coa intención de cada novela da serie formaría a base para os episodios dunha tempada.[8] Porén, Benioff e Weiss tiveron que volver presentar unha proposta despois de que Carolyn Strauss renunciase á presidencia de HBO en 2008.[9] Os primeiros dous borradores do guión piloto, escritos por Benioff e Weiss, foron presentados en agosto de 2007 e xuño de 2008 respectivamente.[10] Se ben HBO encontrou os dous borradores do seu gusto, o piloto non aprobado até novembro de 2008.[11]

Guionización[editar | editar a fonte]

Os cocreadores da serie, David Benioff e D. B. Weiss, escribiron o guión do episodio.

Escrito polos creadores da serie David Benioff e D. B. Weiss, o primeiro episodio inclúe o argumento dos capítulos 1–9 e 12 (Prologue, Bran I, Catelyn I, Daenerys I, Eddard I, Jon I, Catelyn II, parte de Arya I, Bran II, Daenerys II). Algúns cambios na adaptación inclúen a secuencia dos eventos no prólogo (nos libros, é Gared e non Will quen sobrevive á expedición e Eddard decapítao despois, e o material de Arya aparece antes da chegada da familia real), novas escenas que amosan a perspectiva dos xemelgos Lannister, e a noite de vodas de Daenerys amosa a Drogo que non espera o consentimento dela para ter sexo.[12]

Rodaxe[editar | editar a fonte]

Sean Bean interpreta a Ned Stark na serie.

Tom McCarthy foi escollido para dirixir o piloto, rodado entre o 24 de outubro e o 19 de novembro de 2009 en localizacións de Irlanda do Norte, Escocia e Marrocos.[13] Porén, o piloto foi considerado insatisfactorio e tivo que ser rodado de novo.

O novo episodio piloto foi rodado en 2010 polo novo director Tim Van Patten, e varios dos actores que aparecían no piloto orixinal non regresaron á serie. Tamzin Merchant foi substituída no papel de Daenerys Targaryen por Emilia Clarke, e Jennifer Ehle foi substituída no papel Catelyn Stark por Michelle Fairley.[14] Ademais, Ian McNeice foi substituído no papel de Illyrio por Roger Allam,[15] Richard Ridings[16] no papel de Gared por Dermot Keaney, e Jamie Campbell Bower[16] no papel de Ser Waymar Royce por Rob Ostlere.[17]

Outra diferenza é que o piloto orixinal contén escenas rodadas en Escocia, e escenas de Pentos rodadas en Marrocos,[18][19] mais no episodio estreado, Winterfell foi filmado nunha combinación de localizacións en Irlanda do Norte, mentres que as escenas de Pentos foron rodadas en Malta.[20] O castelo de Doune, en Escocia, foi usado orixinalmente para recrear Winterfell, e o seu gran salón foi empregado para algunhas tomas do interior. Algunhas escenas sobreviviron, pero non foi práctico regresar a Escocia para a nova rodaxe, e unha réplica do gran salón do Castelo de Doune foi recreado en Belfast para a serie. O castelo de Ward en Irlanda do Norte foi empregado para a nova rodaxe para filmar a entrada do rei Robert no castelo de Winterfell.[21] O aparcadoiro serviu como patio central do castelo, e a bodega serviu como cripta da familia Stark.[22] O parque forestal de Tollymore foi usado para escena de inicio onde se produciu o encontro cos Camiñantes Brancos.[23]

Tódalas escenas rodadas en Marrocos foron rodadas de novo en Malta.[18] O piloto orixinal reutilizou os escenarios de Kingdom of Heaven en Marrocos para recrear Pentos e o lugar da voda de Drogo e Daenerys.[24] En Malta, o Palacio Verdala, o palacio de verán do século XVI do presidente de Malta, foi usado para as escenas de exterior da mansión de Illyrio. A Xanela Azul foi utilizada como escenario para a voda.[25] Porén, a rodaxe na Xanela Azul xerou certa controversia cando un ecosistema protexido foi danado por un subcontratista.[26]

Na escena de sexo, a daquela embarazada Lena Headey foi substituída por dobre de corpo; o equipo de produción agochou o seu embarazo durante o resto da tempada.[27] Na escena na que os Stark atopan un cervo asasinado por un lobo prehistórico cando regresaban da execución, utilizouse un animal real e non unha recreación. Como o cervo levaba morto durante dous días, fedía tanto que os actores tiveron que ter conta que non se vise reflectido nas súas caras.[28] Algunhas escenas rodadas nunca foron estreadas, como un flashback da morte do irmán de Eddard Stark, e a morte de Jon Arryn.[29]

Piloto orixinal[editar | editar a fonte]

O piloto orixinal de 2009 tivo unha acollida moi pobre nunha proxección privada con amigos, un dos cales, Craig Mazin, dixo a Benioff e Weiss, "Vós rapaces tedes un problema masivo", e dixo que debían "cambiar todo" cando lle preguntaron por ideas.[30] Foi tan rexeitado que Kit Harington bromeou que cando amolaba a Benioff e Weiss, eles ameazaban con estrear o episodio en YouTube.[31] Weiss dixo sobre a proxección: "Observalos vendo o piloto foi unha experiencia dolorosa e profundamente humillante, porque son persoas moi intelixentes e claramente non estaba funcionando para ningún deles a un nivel moi básico".[32][33] Por exemplo, nunca se especificou que dous dos principais personaxes, Jaime e Cersei Lannister, eran de feito irmán e irmá, un punto principal no argumento da serie.[33]

HBO non tomou ningunha decisión durante catro meses despois de que o piloto fose presentado.[33] En marzo de 2010, anunciouse a decisión de HBO de dar luz verde á serie,[34] coa produción da serie programada para comezar en xuño de 2010.[35] Porén, HBO esixiu unha nova rodaxe do piloto, e quixo que tódalas escenas de Marrocos foran eliminadas.[18] Un cameo de George RR Martin como un nobre pentoshi na voda de Daenerys tamén foi eliminado.[36] Arredor do 90% do piloto foi rodado de novo en 2010, con algúns cambios de actores e un director diferente.[32]

Episodio estreado[editar | editar a fonte]

O piloto orixinal permaneceu sen estrear, aínda que unhas poucas escenas foron rescatadas para o primeiro episodio emitido.[37] Isto inclúe as escenas de Sansa con Catelyn (as imaxes de Michelle Fairley como Catelyn foron inseridas sobre a interpretación de Jennifer Ehle),[32] A cabalgada de Will polo bosque (mantida aínda que interpretada cun actor diferente), a maioría do festín en Winterfell, e a escena de Ned e Robert na cripta. Esa escena foi unha das poucas que foron rodadas en 35 mm, e como consecuencia pode verse un certo gran de filme na versión HD do episodio.[28]

Acollida[editar | editar a fonte]

Preestrea[editar | editar a fonte]

O 3 de abril de 2011, dúas semanas antes da estrea da serie, os primeiros 15 minutos de "Winter Is Coming" foron estreados como un avance exclusivo da páxina web da HBO.[38] Dave Banks da revista Wired considerou a preestrea "moito mellor do agardado".[39] Scott Stinson do National Post de Toronto declarou "sabes que non estás a ver un drama de televisión cando hai dúas decapitacións nos primeiros 15 minutos."[40]

Audiencia[editar | editar a fonte]

O primeiro episodio de Game of Thrones obtivo unha audiencia de 2,2 millóns de espectadores na súa emisión orixinal, con 2 millóns de espectadores adicionais nas repeticións emitidas durante a mesma noite. O día despois da estrea, HBO lanzou seis minutos adicionais do episodio, engadindo outros 1,2 millóns de espectadores.[41] As repeticións emitidas durante a semana seguinte fixeron medrar a audiencia total a 6,8 millóns.[42]

Internacional[editar | editar a fonte]

A serie estreouse en HBO Canada ó mesmo tempo que nos Estados Unidos.[40] O 18 de abril de 2011, estreouse no Reino Unido e Irlanda a través de Sky Atlantic, sumando 750 000 espectadores, un récord de audiencia na canle.[41] Comezou a emitirse en América Latina o 8 de maio de 2011.[43][44] O xornal Dominion Post de Nova Zelandia relatou nun artigo sobre as leis de dereitos de autor que a popular serie de televisión foi descargada a través de servizos de compartir arquivos de xeito regular antes da estrea no mercado.[45] En Australia, o lanzamento do 17 de xullo quedou en gran medida escurecido pola estrea de A Dance with Dragons, mais segundo The Sydney Morning Herald tivo éxito "especialmente entre as mulleres, que non son consideradas un público obxectivo das sagas de loita de espadas".[46]

Resposta da crítica[editar | editar a fonte]

A resposta da crítica ó primeiro episodio da serie foi positiva. O portal Rotten Tomatoes rexistrou 10 recensións do episodio e xulgou o 100% deles como positivos, cunha puntuación media de 8,5 sobre 10. O consenso da páxina web foi "Winter is Coming é unha introdución a unha viaxe marabillosamente sombría que honra o seu material orixinal cunha execución estelar e un elenco impresionante."[47] James Poniewozik de Time considerouno un "epic win" (vitoria épica),[48] e Jace Lacob de The Daily Beast considerouno "inesquecible".[49] Alan Sepinwall de HitFix escribiu que malia ser moi cedo para dicir se Game of Thrones pertencía ó panteón de HBO con series como The Sopranos ou The Wire, ten moitas cousas en común con elas.[50] Matt Fowler de IGN escribiu que o piloto "lévanos sen esforzo, fielmente, ó longo do libro, mais tamén consegue capturar o espírito maxestosamente morboso das páxinas de Martin e convertelas en emocionantes programas de televisión.".[51]

Moitos dos eloxios da crítica estaban dirixidos ós valores de produción e ás interpretacións: Scott Meslow de The Atlantic declarou que "o inmenso elenco da serie é case unanimamente forte, e a terra de fantasía de Westeros séntese vívida e vese incrible.".[52] Alan Sepinwall tamén cualifica o elenco como "realmente excepcional", e declara que a serie é unha "festa para os ollos", posuíndo tódalas localizacións o seu propio aspecto memorable.[50] A secuencia de inicio, coa vista aérea do mundo onde a serie está ambientada e cos diferentes escenarios xurdindo del, tamén foi aclamada.[50][52]

O 19 de abril, menos de dous días despois da estrea inicial, HBO anunciou que a serie sería renovada para unha segunda tempada.[53] Nunha conferencia de prensa, os executivos de HBO anunciaron a súa satisfacción coa audiencia inicial, que compararon favorablemente con True Blood.[54]

Galardóns e nomeamentos[editar | editar a fonte]

Ano Galardón Categoría Nomeados Resultado Ref.
2011 Premio Portal Mellor episodio Gañador
Premios Primetime Emmy Dirección sobresaínte para unha serie de drama. Tim Van Patten Nomeado [55]
Premios Primetime Creative Arts Emmy Maquillaxe excepcional para unha serie dunha soa cámara (sen próteses) Paul Engelen e Melissa Lackersteen Nomeado
2012 Premios Golden Reel Mellor edición de son — efectos de son de forma curta e foley en televisión. Gañador
Premios Directors Guild of America Serie dramática Tim Van Patten Nomeado [55]
Visual Effects Society Efectos visuais de apoio sobresaíntes nun programa de transmisión Lucy Ainsworth-Taylor, Angela Barson, Ed Bruce e Adam McInnes Gañador

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Game of Thrones 01". HBO. Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2017. Consultado o 22 de agosto de 2017. 
  2. Davis, Cindy (12 de marzo de 2012). Pajiba, ed. "Mindhole Blowers: 20 Facts About "Game of Thrones" That Might Leave You Crippled, a Bastard or a Broken Thing". Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  3. Cogman, Bryan (6 de novembro de 2014). Inside HBO's Game of Thrones. Gollancz. ASIN B00P187U0Y. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Mitchell, Elvis (8 de maio de 2013). UpClose: Game of Thrones with David Benioff and D. B. Weiss (FULL LENGTH). KCRW. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2013. Consultado o 15 de maio de 2013. 
  5. Windolf, Jim (abril de 2014). Vanity Fair, ed. "The Gathering Storm". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  6. Radish, Christina (20 de marzo de 2013). Collider, ed. "Producers David Benioff, Dan Weiss & George R.R. Martin Talk GAME OF THRONES Season 3 and 4, Martin’s Cameo, the End of the Series, and More". Arquivado dende o orixinal o 18 de decembro de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  7. Martin, George R.R. (9 de abril de 2010). Not A Blog, ed. "Winter Is Coming... Around the Globe". Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2012. Consultado o 8 de xaneiro de 2012. 
  8. 8,0 8,1 Fleming, Michael (16 de xaneiro de 2007). Variety, ed. "HBO turns Fire into fantasy series". Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2012. Consultado o 26 de maio de 2011. 
  9. Vanity Fair, ed. (24 de marzo de 2014). "The Surprising Connection Between Game of Thrones and Monty Python". Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2017. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  10. Martin, George R. R. Not a Blog, ed. "Ice & Fire on HBO". Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2012. Consultado o 26 de maio de 2011. 
  11. Hibberd, James (11 de novembro de 2008). The Hollywood Reporter, ed. "HBO orders fantasy pilot 'Thrones'". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 26 de maio de 2011. 
  12. Garcia, Elio. Westeros.org, ed. "EP101: Winter is Coming". Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2011. Consultado o 26 de maio de 2011. 
  13. Lacob, Jace (4 de abril de 2011). The Daily Beast, ed. "Game of Thrones: 10 Secrets About HBO's Adaptation". Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2016. Consultado o 9 de xaneiro de 2012. 
  14. Ryan, Maureen (21 de maio de 2010). Chicago Tribune, ed. "Exclusive: 'Game of Thrones' recasts noble role". Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2016. Consultado o 8 de xaneiro de 2012. 
  15. Tonnel, Merwin (17 de setembro de 2010). "Changement d’acteur pour Illyrio Mopatis". Arquivado dende o orixinal o 14 de decembro de 2010. Consultado o 8 de xaneiro de 2012. 
  16. 16,0 16,1 Martin, George R.R. (20 de outubro de 2009). Not A Blog, ed. "Three for the Prologue". Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2009. Consultado o 8 de xaneiro de 2012. 
  17. 18,0 18,1 18,2 Itzkoff, Dave (8 de abril de 2010). New York Times, ed. "A Heroic Fantasy for Skeptics". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2011. Consultado o 7 de xaneiro de 2012. 
  18. Martin, George R. R. Not a Blog, ed. "Magic in Morocco". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2011. Consultado o 26 de maio de 2011. 
  19. Westeros.org, ed. (24 de maio de 2011). "Interview with Harry Lloyd". Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2011. Consultado o 7 de xaneiro de 2012. 
  20. Cogman, Bryan (6 de novembro de 2014). "Chapter II: Winterfell". Inside HBO's Game of Thrones. Gollancz. ASIN B00P187U0Y. 
  21. Jennings, Mike (febreiro de 2012). Den of Geeks, ed. "46 things we learned from the Game Of Thrones Blu-rays". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  22. Cogman, Bryan (6 de novembro de 2014). "Chapter I: The Wall". Inside HBO's Game of Thrones. Gollancz. ASIN B00P187U0Y. 
  23. National Geographic, ed. (21 de abril de 2016). "George R.R. Martin Talks Santa Fe, Interactive Art, and 'Game of Thrones'". Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  24. McGloin, Catherine (18 de abril de 2016). Skyscanner, ed. "44 incredible Game of Thrones locations". Arquivado dende o orixinal o 13 de novembro de 2015. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  25. Peregin, Christian (17 de novembro de 2010). "‘Total elimination of ecosystem’ at Dwejra". The Times (Malta). Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2016. Consultado o 21 de agosto de 2011. 
  26. Vineyard, Jennifer (7 de xuño de 2013). "Lena Headey on The Purge, Game of Thrones Nudity, and Finding Peace in Horror Movies". Vulture. Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2013. Consultado o 8 de xuño de 2013. 
  27. 28,0 28,1 Jennings, Mike (29 de febreiro de 2012). "46 things we learned from the Game Of Thrones Blu-rays". Den of Geek. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2012. Consultado o 1 de marzo de 2012.  Citando o material extra da versión Blu-ray da tempada 1.
  28. Vincent, Alice (27 de xaneiro de 2016). "Game of Thrones cut a 'lunatic' Jon Arryn death scene from pilot". Arquivado dende o orixinal o 01 de setembro de 2017. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  29. johnaugust.com (ed.). "Scriptnotes, Ep 235: The one with Jason Bateman and the Game of Thrones guys — Transcript". Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  30. Nicholson, Rebecca (21 de outubro de 2017). The Guardian, ed. "'I'm not always going to play swords and horses': Kit Harington on life after Game Of Thrones" (en inglés). ISSN 0261-3077. Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2017. Consultado o 22 de outubro de 2017. 
  31. 32,0 32,1 32,2 Robinson, Joanna (3 de febreiro de 2016). Vanity Fair, ed. "Game of Thrones Show-Runners Get Extremely Candid About Their Original "Piece of Sh—t" Pilot". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  32. 33,0 33,1 33,2 Birnbaum, Debra (15 de abril de 2015). Variety, ed. "‘Game of Thrones’ Creators: We Know How It’s Going to End". Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  33. Hibberd, James (2 de marzo de 2010). The Hollywood Reporter, ed. "HBO greenlights 'Game of Thrones'". Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2011. Consultado o 26 de maio de 2011. 
  34. Poniewozik, James (3 de marzo de 2010). Time, ed. "HBO Picks Up Thrones, Places Bet on Dustin Hoffman". Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  35. Jackson, Matthew (17 de decembro de 2012). Blastr, ed. "Why you'll never see the Thrones cameo George R.R. Martin filmed". Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2016. Consultado o 03 de xuño de 2019. 
  36. O'Neill, Phelim (19 de abril de 2011). The Guardian, ed. "Game Of Thrones: don't believe the gripes". Londres. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2015. Consultado o 24 de maio de 2011. 
  37. Hatzigiannis, Marielena (4 de abril de 2011). ""Game of Thrones" preview wows (VIDEO)". CBS News. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2012. Consultado o 9 de xaneiro de 2012. 
  38. Banks, Dave (4 de abril de 2011). "10 Reasons Why You Should Watch Game Of Thrones". Wired. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2013. Consultado o 9 de xaneiro de 2012. 
  39. 40,0 40,1 Stinson, Scott (14 de abril de 2011). "Game of Thrones is behead of the class". National Post. Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2013. Consultado o 9 de xaneiro de 2012. 
  40. 41,0 41,1 Hibberd, James. Inside TV, ed. "'Game of Thrones' premiere ratings are in". Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2014. Consultado o 24 de maio de 2011. 
  41. Hibberd, James. Inside TV, ed. "'Game of Thrones' ratings steady for second episode". Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2012. Consultado o 26 de maio de 2011. 
  42. La Tercera, ed. (19 de abril de 2011). "HBO renueva Game of Thrones para una segunda temporada". Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2015. Consultado o 10 de xaneiro de 2012. 
  43. Gutiérrez Segura, Eduardo (8 de maio de 2011). La Crónica de Hoy, ed. "Game of thrones, una guerra sensual y sangrienta". Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2013. Consultado o 10 de xaneiro de 2012. 
  44. Torrie, Bronwyn (3 de setembro de 2011). Dominion Post, ed. "Where you stand under new copyright law". Consultado o 10 de xaneiro de 2012. "Shows such as the much-talked about American epic fantasy Game of Thrones become overnight sensations but, with the prospect of waiting years for it to hit our TV screens, Kiwis download them in droves."
  45. Birmingham, John (30 de xullo de 2011). The Sydney Morning Herald, ed. "Hit and Myth". Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2011. Consultado o 10 de xaneiro de 2012. 
  46. Traducido do orixinal: "Winter is Coming is an introduction to a wonderfully bleak journey that honors its source material with stellar execution and an impressive cast." Véxase Rotten Tomatoes (ed.). "Winter Is Coming". Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2016. Consultado o 24 de maio de 2016. 
  47. Poniewozik, James (25 de abril de 2011). TIME, ed. "Epic Win! HBO's Bloody, Bold Game of Thrones". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2011. Consultado o 24 de maio de 2011. 
  48. Lacob, Jace. Televisionary, ed. "Where Wolves Prey: An Advance Review of HBO's Unforgettable Game of Thrones". Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2011. Consultado o 24 de maio de 2011. 
  49. 50,0 50,1 50,2 Sepinwall, Alan. HitFix, ed. "HBO's 'Game of Thrones' an epic, mature, well-crafted fantasy series". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2011. Consultado o 24 de maio de 2011. 
  50. Fowler, Matt. IGN, ed. "Game of Thrones: "Winter is Coming" Review". Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2012. Consultado o 8 de abril de 2011. 
  51. 52,0 52,1 Meslow, Scott. The Atlantic, ed. "'Game of Thrones' Premiere: 'Winter Is Coming'". Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2011. Consultado o 24 de maio de 2011. 
  52. Martin, George R. R. (19 de abril de 2011). Not A Blog, ed. "Second Season!!!". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2011. Consultado o 8 de xaneiro de 2012. 
  53. Itzkoff, Dave (19 de abril de 2011). New York Times, ed. "HBO Orders a Second Season of ‘Game of Thrones’". Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2011. Consultado o 10 de xaneiro de 2012. 
  54. 55,0 55,1 "Game of Thrones". Emmys.com. Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2017. Consultado o 5 de marzo de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]