Wikipedia:Sobre Galicia/xaneiro 2008

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pedro Froilaz de Trava (Laxe, arredor de 1075-1128), conde de Traba, foi un personaxe fundamental na historia de Galiza, principalmente por térselle encomendado a educación do futuro rei Afonso VII e pola súa colaboración co bispo Xelmírez na política galega da época.

Pedro Froilaz descendía dunha liñaxe con vocación de dominio en Galicia e de enorme influencia na corte de León. Á súa vez, a súa dona Urraca Froilaz pertencía a unha familia non menos importante. Para manter o seu rol de influencia no espazo político galaico tivo que erixirse no sostedor e home de confianza do conde Don Raimundo de Borgoña, a quen Afonso VI cedera o goberno do reino de Galicia. O grao de independencia deste conde e o seu poder militar daba posibilidades de medre social e político aos Traba, máxime cando o ámbito de actuación de D. Raimundo, alén da propia Galicia, o ía configurando no máis serio candidato á sucesión de Afonso VI.