Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2021

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Luis Suárez Miramontes, nado na Coruña o 2 de maio de 1935, é un ex futbolista e ex adestrador de fútbol galego. Alcumado "o arquitecto", xogaba de centrocampista e está considerado por moitos o mellor futbolista galego da historia e un dos mellores futbolistas do século XX. En 1960 converteuse no primeiro e único xogador nacido na Península Ibérica en gañar un Balón de Ouro. Xogou sete anos no Barcelona, co que gañou dúas ligas, dúas Copas do Xeneralísimo, e dúas Copas de Feiras, e destacou especialmente durante a etapa na que o adestrador foi o arxentino Helenio Herrera, que lle deu preferencia por diante do ídolo da afección, Kubala, o que provocou unha división entre "kubalistas" e "suaristas". Foi nesta época cando gañou o Balón de Ouro, superando nas votacións a Puskás e Seeler.

Comezou a xogar ao fútbol no seu barrio natal de Monte Alto e na praia de Santo Amaro e en 1949 entrou a formar parte da nova canteira do Deportivo da Coruña, a chamada Escola Scopelli, creada ese mesmo ano co impulso de Alejandro Scopelli. Mediada a tempada 1953/54 debutou co primeiro equipo na Primeira División e fíxose rapidamente coa titularidade, nun equipo no que xogaban entre outros Oswaldo, Moll, Pahiño e Arsenio. As súas boas actuacións espertaron o interese do FC Barcelona, que o fichou xa antes do remate da tempada. Foi 32 veces internacional coa selección española, coa que marcou 14 goles. Disputou os Mundiais de 1962 e 1966 e capitaneou á selección na Eurocopa de 1964, onde España conseguiu o seu primeiro título despois de derrotar na final á Unión Soviética de Lev Iashin.