Wikipedia:Sobre Galicia/novembro 2019

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Santaia de Curtis, tamén coñecida coma Santa Eulalia de Curtis, é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Curtis. Cunha extensión de 31,6 km², tiña segundo o padrón municipal de 2018 unha poboación de 1.772 habitantes (875 mulleres e 897 homes) distribuída en 54 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.793 habitantes.

A parroquia dá nome ao concello. Está dividida en dous distritos: Santaia e Teixeiro. Dos 54 núcleos de poboación, 36 son do distrito de Santaia e 18 do distrito de Teixeiro. A capital municipal áchase na vila de Teixeiro.

Curtis forma parte da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo. Varias rutas do Camiño de Santiago pasaban antigamente pola parroquia. Unha variante do Camiño do Norte está sinalizada desde o ano 2010.

Eclesiasticamente denomínase Santa Baia de Curtis e pertence ao arciprestado de Sobrado, igual cás demais parroquias do concello.