Wikipedia:Sobre Galicia/marzo 2008

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Urraca de León e Castela, Dona Urraca, (c. de 1080 - 1126) foi unha raíña de Galicia, León e Castela desde a morte do pai, o 30 de xuño de 1109, até o 8 de marzo de 1126. Era filla de Afonso VI e da súa terceira esposa Constanza da Borgoña.

Antes da morte do seu pai, gobernou o Reino de Galicia a modo de tenza feudal, sendo nomeado seu marido, Raimundo de Borgoña, Conde de Galiza. Foi nai de Afonso Raimúndez, rei de Galicia en 1111, e futuro Afonso VII. O reinado de Dona Urraca constituíu un momento de encrucillada decisivo para o futuro dos reinos cristiáns occidentais.

Despois de enviuvar en 1107, casou en segundas nupcias con Afonso I de Aragón, parente seu afastado, unha vez que ambos eran bisnetos de Sancho III de Navarra. Isto provocou a anulación do matrimonio polo papa Pascual II, mais eles permaneceron xuntos até 1114. Ademais, a propia nobreza de León e Castela opúxose ao matrimonio, xerándose un clima de guerra civil no reino. En fin, tivo tamén que facer fronte ao propio fillo, tornado rei da Galiza, para poder manter o trono. Cando Urraca morreu, foi o seu fillo quen a sucedeu á fronte dos destinos do país.