Wikipedia:Sobre Galicia/febreiro 2020

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A hidria de Xerusalén é unha pía de pedra de case un metro de altura conservada na igrexa de Santa María de Cambre. Considerada pola tradición como un dos seis recipientes nos que Xesús de Nazaret transformou a auga en viño nas vodas de Caná, a peza áchase moi deteriorada debido ao costume popular de raspar a pedra para elaborar remedios cos que tratar diversas doenzas. Fixo parte da exposición Gallaecia Petrea do ano 2012.

A pía bautismal da igrexa de Cambre non é a única escultura que foi considerada ao longo dos séculos como unha das "hidrias de Caná". Na actualidade existen en Europa máis dunha trintena deste vasos, todos aparecidos entre os séculos X e XVI. A primeira referencia documental conservada da hidria de Cambre data do ano 1519, nun preito pola xurisdición eclesiástica da igrexa de Santa María de Cambre. Nese mesmo século dous estudosos, o Licenciado Molina e Ambrosio de Morales, deron tamén noticia da reliquia nas súas obras sobre o "reyno de Galicia".