Wikipedia:Sobre Galicia/febreiro 2008

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Santa María de Aciveiro é un mosteiro medieval beneditino que vertebrou a vida económica e social da Comarca de Tabeirós - Terra de Montes desde a súa fundación no século XII ata a exclaustración producida pola desamortización no século XIX, concretamente no ano 1842, data da súa poxa. A data da súa fundación posiblemente sexa a documentada no chamado Tombo Grande (1617) do mosteiro, que toma como referencia unha inscrición situada na parede sur da igrexa monacal que establece o 4 de febreiro do ano 1135 como o momento no que doce relixiosos beneditinos de Claraval, chamados polo rei Afonso VII, proceden a súa constitución.