Wikipedia:Proxectos pedagóxicos/Profesorado/Seguimento dos alumnos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.




Seguimento das tarefas
Deben avaliarse os contidos achegados polos alumnos, calidade da redacción, capacidade de síntese, uso axeitado das fontes, pero ó traballar nun contorno colaborativo, tamén se poden ter en conta outros aspectos relacionados coa wiki, como usan as páxinas de conversa para comunicarse cos outros usuarios, e a súa actitude nestas páxinas. Pero, a maiores, a Wikipedia permite un seguimento exhaustivo das contribucións dos usuarios. Isto pode facerse con varias ferramentas:

  • Contribucións dun usuario: esta páxina amosa tódalas achegas que fixo un usuario, está ordenada polas datas e horas nas que foi realizando as modificacións. É unha páxina que mostra a información de forma básica, pero permite seguir a actividade detallada dun usuario. Tamén se pode acceder a esta páxina premendo na ligazón "Contribucións do usuario" na caixa "Ferramentas" que hai no lateral esquerdo (Nota: esta ligazón só sae cando se está consultando a páxina dun usuario da wiki).
  • Historial de edicións dun artigo: tódalas páxinas das Wikipedias teñen un historial de edicións que permite visualizar tódalas modificacións realizadas na mesma. Isto permite comparar os cambios realizados entre diferentes versións, saber que usuario fixo cada modificación e a data e hora na que a fixo. Para acceder a esta información só hai que premer na lapela "Historial" da páxina.
  • Contador de edicións: esta ferramenta amosa o número de edicións dun usuario e outras estatísticas da súa actividade. Hai que indicarlle o proxecto no que se quere facer a consulta, no caso da Galipedia gl.wikipedia.org.
  • Contribucións dos usuarios a un artigo: este trebello mostra os datos de edición de tódolos usuarios que editaron un artigo. Hai que indicarlle o proxecto no que se quere facer a consulta, no caso da Galipedia gl.wikipedia.org, e o nome do artigo que se quere consultar.
  • Contribucións dun usuario a un artigo: esta páxina permite consultar tódalas edicións que un usuario fixo nun artigo. Hai que indicarlle o proxecto no que se quere facer a consulta, no caso da Galipedia glwiki, e o nome do artigo que se quere consultar.
  • Wikiscan: nesta web hai gran cantidade de información xeral da wiki, e tamén proporciona información sobre as edicións dos usuarios, permitindo obter información comparada das edicións dun grupo de usuarios (para isto hai que premer na ligazón "Users", e logo engadir os nomes de usuario na caixa ó lado do botón "List users").
  • WikiBlame: esta páxina permite atopar un texto dentro de tódalas modificacións dun artigo.