Wikipedia:Nota de prensa polos 125000 artigos

Esta páxina está semiprotexida
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe do faro de Muxía cargada por un dos colaboradores da Galipedia.

Hoxe, 14 de setembro de 2015, a Galipedia, a enciclopedia libre en galego, superou os 125.000 artigos. No momento de acadar esta cifra o proxecto sitúase na posición 45 por número de artigos entre todas as wikipedias da Fundación Wikimedia, grazas á colaboración de todos os seus usuarios.

Dende a súa creación, no ano 2003, a Galipedia foi aumentando o seu número de artigos, pero sobre todo foi aumentando a súa calidade grazas a unha revisión constante dos seus contidos. Proba disto é a consecución de 43 artigos de calidade, que son algúns dos mellores artigos que hai no proxecto, e que nalgúns casos son superiores ós das wikipedias noutras linguas.

Na Galipedia todo o mundo pode colaborar sen importar o seu nivel académico, hai tarefas axeitadas para cada un, e pouco a pouco todo se pode aprender. Ademais hai tamén formas de colaborar que non implican editar artigos, unha forma moi importante de axudar ó proxecto é subir fotografías con licenza libre dos lugares da nosa terra, as aldeas, os ríos, os castros, os petróglifos, as praias, etc, son todos sitios especiais que se teñen unha foto no seu artigo aumentan de forma doada a súa calidade.

Por iso, dende o proxecto, sempre animamos á xente a que participe na creación da enciclopedia de todos, e se non sabes por onde comezar pide axuda na Taberna que sempre hai alguén para botar unha man ós que empezan!