Wikipedia:Artigo destacado/xullo 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A execución da familia imperial rusa, pertencente á dinastía Romanov, tivo lugar en Ekaterimburgo a noite entre o 16 e 17 de xullo de 1918. O tsar Nicolao II, a súa esposa a tsarina Alexandra e os seus cinco fillos (Olga, Tatiana, María, Anastasia e Aleksei) foron fusilados xunto a un grupo de axudantes que decidiron acompañalos no seu exilio, entre os que destacan Eugene Botkin, Anna Demidova, Aleksei Trupp e Ivan Kharitonov. O fusilamento foi executado por un grupo de bolxeviques dirixidos por Iakov Iurovski baixo as ordes do Soviet Rexional dos Urais.

O lugar no que se agocharon os corpos foi descuberto en 1979 polo detective Aleksandr Avdonin, pero o achado dos restos non se publicou ata 1989, durante o período da glasnost.

A identidade dos restos quedou confirmada mediante unhas investigacións forenses e do ADN, tralas cales os restos foron enterrados na fortaleza de San Pedro e San Paulo de San Petersburgo en 1998, 80 anos despois da súa execución, nun funeral ao que non asistiron importantes membros da igrexa ortodoxa rusa, que se mostraban receosos de recoñecer a autenticidade dos restos. En 2007 descubriuse un segundo enterramento, máis pequeno, que contiña os restos dos dous nenos Romanov que faltaban no enterramento principal. Porén, os restos atopados nesta segunda tumba están gardados nun depósito estatal á espera de que se realicen novas análises xenealóxicas. En 2008, tras un considerable e prolongado litixio, o Fiscal Xeral de Rusia rehabilitou a familia Romanov como "vítimas da represión política". En 1993 o goberno pos-soviético abriu un litixio criminal, mais ninguén foi acusado en base a que os executores estaban xa mortos.