Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2020

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O dengue é unha doenza infecciosa tropical causada polo virus do dengue que se transmite por mosquitos. Os síntomas típicos son unha febre alta, dor de cabeza, vómitos, dores musculares e articulares, así como unha erupción cutánea característica. Estes síntomas adoitan presentarse entre os tres e os catorce días trala infección, e a recuperación pode levar entre dous e sete días. Esta doenza transmítese polas picaduras de varias especies de mosquitos do xénero Aedes, principalmente a especie Aedes aegypti.

Existe unha vacina para o dengue aprobada e comercialmente dispoñible nunha serie de países. Outros métodos de prevención son a redución dos hábitats dos mosquitos e a limitación da exposición ás súas picaduras. O tratamento do dengue é mediante terapias de apoio, mediante a hidratación por vía oral ou intravenosa para casos leves e moderados da doenza, aínda que para casos máis graves poden ser necesarias as transfusións sanguíneas, e non deben utilizarse antiinflamatorios non-esteroides como o ibuprofeno no seu tratamento.

O dengue converteuse nun problema de saúde global dende a segunda guerra mundial e é unha doenza común en máis de 110 países. Entre 50 e 528 millóns de persoas resultan infectadas cada ano, e aproximadamente entre 10 000 e 20 000 delas falecen cada ano a causa da enfermidade. As primeiras descricións dun brote desta doenza datan do ano 1779, aínda que o seu espallamento e causa viral non quedaron definidos por completo ata comezos do século XX. A maiores da propia eliminación dos mosquitos transmisores, existen traballos en curso para desenvolver medicamentos para o tratamento directo do virus, aínda que esta doenza está clasificada como unha doenza tropical desatendida.