Wikipedia:Artigo destacado/xaneiro 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O osíxeno ou oxíxeno (pronunciado /oks/), é un elemento químico de número atómico 8 e símbolo O. Forma parte do grupo dos calcóxenos e é un non metal reactivo e forte axente oxidante que forma compostos facilmente coa maioría doutros elementos, principalmente en forma de óxidos. Ten a segunda electronegatividade máis alta de todos os elementos químicos, só superado polo flúor. Medido pola súa masa, o osíxeno é o terceiro elemento máis abundante do universo, tras o hidróxeno e o helio, e o máis abundante na codia terrestre como parte de compostos óxidos, formando practicamente a metade da súa masa. En condicións normais de presión e temperatura, dous átomos do elemento enlázanse para formar o diosíxeno, un gas diatómico incoloro, inodoro e insípido con fórmula O
2
. Esta substancia constitúe o 20,8% da atmosfera e resulta necesaria para soster a vida terrestre. Non obstante, varios estudos dos niveis de osíxeno atmosférico indican unha progresión global descendente da proporción deste elemento, principalmente a causa das emisións procedentes da queima de combustibles fósiles.

É un gas incoloro, inodoro e insípido. Unha gran parte das clases maiores de moléculas orgánicas dos organismos vivos conteñen osíxeno, como as proteínas, ácidos nucleicos, carbohidratos e graxas, así como nos constituíntes maioritarios inorgánicos de cascas animais, dentes e ósos. A maior parte da masa dos organismos vivos ten o osíxeno, un dos compoñentes da auga, como o principal constituínte das formas de vida. Participa de forma moi importante no ciclo enerxético dos seres vivos, esencial na respiración celular dos organismos aerobios.