Wikipedia:Artigo destacado/setembro 2022

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Star Wars é unha película estadounidense de 1977 do subxénero de ciencia ficción space opera, escrita e dirixida por George Lucas; renomeada como Star Wars: Episode IV - A New Hope en 1999.

O guión foi redactado por George Lucas mentres dirixía a súa primeira longametraxe, influenciado principalmente polos cómics de Flash Gordon, as películas sobre samurais de Akira Kurosawa e a obra The Hero with a Thousand Faces de Joseph Campbell. A trama describe a historia dun grupo de guerrilleiros —coñecidos como a Alianza Rebelde— que ten como obxectivo destruír a estación espacial Estrela da Morte, creada polo opresor Imperio Galáctico. Dende unha perspectiva xeral, a historia enfócase nun mozo campesiño chamado Luke Skywalker, quen, de xeito repentino se converte nun heroe conforme acompaña o Mestre Jedi Obi-Wan Kenobi, nunha misión que o levará a unirse á Alianza Rebelde para axudarlles a destruír a estación espacial do Imperio.

A partir do seu lanzamento mundial, o 25 de maio de 1977, foi considerada un fito na historia do cine, principalmente polo uso de efectos especiais innovadores na época. Ademais, é unha das películas de máis éxito de tódolos tempos, así como unha das máis influentes na cinematografía contemporánea. Obtivo sete premios Óscar dun total de dez candidaturas.