Wikipedia:Artigo destacado/maio 2012

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alemaña (en alemán: Deutschland) é un estado federal da Europa central. Alemaña está bordeada polo norte co mar do Norte, Dinamarca, e o mar Báltico, polo leste con Polonia e a República Checa, polo sur con Austria e Suíza, e polo oeste con Francia, Luxemburgo, Bélxica e os Países Baixos. O territorio alemán espállase ao longo de 357.021 km² e está influenciado, na meirande parte do territorio por un clima temperado estacional.

Cunha poboación por riba dos 82 millóns de habitantes, constitúe o país máis poboado entre os membros da Unión Europea e o terceiro entre os países cunha maior comunidade estranxeira. A rexión chamada Xermania, habitada polos Xermanos, foi coñecida e documentada antes do ano 100 a. C. Dende o século X os territorios alemáns formaron parte do Sacro Imperio Romano que duraría ata o ano 1806. Durante o século XVI, as rexións setentrionais alemás convertéronse no centro da Reforma protestante. Como nación-estado moderno, a primeira unificación alemá produciuse en 1871, durante a Guerra francoprusiana. Trala Segunda Guerra Mundial, Alemaña foi dividida en dous estados separados polas fronteiras formadas polas tropas aliadas en 1949. Os dous países reunificáronse de novo en 1990. Alemaña foi un membro fundador da Comunidade Económica Europea en 1957, convertida na Unión Europea en 1993. Asemade, o país forma parte da Zona Schengen e adoptou a moeda da Unión, o Euro, en 1999.