Wikipedia:Artigo destacado/febreiro 2021

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Colombia, oficialmente República de Colombia, é un país que se atopa no recuncho noroccidental de América do Sur, o que a fai posuidora de costas nos océanos Atlántico e Pacífico. Na costa norte e noroeste está o Mar Caribe, e ten fronteira continental con Venezuela ó leste, o Brasil ó sueste, o Perú e Ecuador ó sur, e Panamá e o Océano Pacífico ó oeste. Limita vía marítima con Costa Rica ó oeste; Nicaragua, Porto Rico e Honduras, ó noroeste; a República Dominicana, Xamaica e Haití ó norte. É unha república constitucional e unitaria que abrangue trinta e dous departamentos.

O territorio que hoxe é Colombia estivo habitado orixinariamente por pobos indíxenas como os muiscas, os quimbaya e os taironas. Os conquistadores españois chegaron en 1499 e comezaron un proceso de conquista e colonización que culminou coa creación do Vicerreinado de Nova Granada, con capital en Bogotá. A independencia do país produciuse en 1819, pero no ano 1830 "Gran Colombia" colapsou coa secesión de Venezuela e Ecuador. Nos actuais Colombia e Panamá xurdiu a República de Nova Granada. A nova nación experimentou co federalismo como Confederación Granadina (1858), e como Estados Unidos de Colombia (1863), antes de que se declarase a República de Colombia en 1886. A secesión de Panamá produciuse en 1903. Dende a década de 1960, o país sufriu un conflito armado asimétrico de baixa intesidade, que escalou na década de 1990, e que minguou dende o ano 2005.

Colombia é un país etnicamente diverso e a súa poboación descende dos habitantes indíxenas, dos colonizadores españois, dos africanos levados ó país como escravos e dos inmigrantes de Europa e Oriente Medio do século XX, o cal contribuíu a unha herdanza cultural diversa. Isto tamén está influído pola variada xeografía de Colombia, xa que as diferentes paisaxes do país resultaron no desenvolvemento de marcadas identidades rexionais. A meirande parte dos centros urbanos atópanse nas terras altas das montañas dos Andes, mais o territorio colombiano tamén abrangue selva amazónica, chairas tropicais e as costas Caribe e Pacífica.