Wikipedia:Artigo destacado/abril 2021

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nelson Rolihlahla Mandela, nado en Mvezo o 18 de xullo de 1918 e finado en Xohanesburgo o 5 de decembro de 2013, foi un activista, líder político e filántropo surafricano, presidente do país dende 1994 ata 1999. Foi o primeiro xefe de estado de raza negra do país e o primeiro elixido nunha elección democrática completamente representativa. O seu goberno centrouse na disolución do apartheid procurando combater o racismo institucionalizado e fomentar a reconciliación racial. De ideoloxía nacionalista africana e socialista, presidiu o Congreso Nacional Africano (CNA) dende 1991 ata 1997.

Mandela naceu no seo da familia real tembu do pobo xosa. Estudou dereito na Universidade de Fort Hare e na Universidade de Witwatersrand antes de traballar como avogado en Xohanesburgo. Alí comezou a involucrarse na política nacionalista africana e anticolonialista, uníndose ó CNA en 1943 e cofundando a súa Liga Xuvenil en 1944. O CNA encomendouse á disolución do apartheid, o sistema de segregación racial establecido polo goberno de raza branca minoritaria dominante do Partido Nacional. Mandela foi nomeado presidente da rama de Transvaal do CNA, acadando notoriedade coa súa participación na Campaña de Desafío de 1952 e no Congreso do Pobo de 1955. Foi arrestado en varias ocasións por sedición e xulgado no chamado Xuízo por Traizón de 1956, quedando en liberdade. Influenciado polo marxismo, uniuse en segredo ó Partido Comunista Surafricano (PCS). Malia que inicialmente comprometeuse coa protesta pacífica, cofundou a organización armada Umkhonto we Sizwe en 1961 xunto con outros membros do PCS e liderou unha campaña de sabotaxe contra o goberno. En 1962 foi arrestado por conspirar para derrocar o estado e sentenciado a cadea perpetua no Xuízo de Rivonia.

Pasou os seguintes 27 anos en prisión, primeiro na illa Robben e posteriormente na prisión Pollsmoor e na prisión Victor Verster. Tras unha crecente presión doméstica e internacional e temendo unha guerra civil racial, o presidente F. W. de Klerk liberouno en 1990. Mandela e de Klerk negociaron a fin do apartheid e organizaron as eleccións xerais multirraciais de 1994 nas que Mandela liderou ó CNA para obter a maioría converténdose no presidente do país. Liderando un goberno de coalición que promulgou unha nova constitución, Mandela centrouse na reconciliación entre os grupos raciais do país e creou a Comisión para a Verdade e a Reconciliación para investigar abusos dos dereitos humanos no pasado.