Wikipedia:A Galipedia é unha enciclopedia en galego, pero non só

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Galipedia é a Wikipedia en galego e a maior parte dos seus usuarios activos son persoas que falan galego. Así, é lóxico que creen e editen artigos que teñen que ver con Galicia e que lle dean relevancia na Wikipedia ás cousas ás que llela dan no mundo real.

Isto pode levar a un punto de vista reducionista, de maneira que só se vexa a realidade a través do prisma galego. A Galipedia non é unha enciclopedia exclusiva da cultura galega, senón unha enciclopedia universal, como todas as que forman parte do proxecto Wikipedia, e onde ademais é necesario respectar un punto de vista neutral e a verificabilidade de contidos. Ademais, os seus contidos poden ser consultados tanto por galegos que viven fóra de Galicia, como por persoas que non son galegas pero que poden ler este idioma.

Por outra parte, ás veces créanse artigos na Galipedia que son traducións doutras Wikipedias ou créanse dende unha fonte externa non relacionada con Galicia. Determinados temas poden ser relevantes nun contexto galego, polo que se esas traducións ou novos artigos non se realizan correctamente poden incluír erros graves de perspectiva, non contemplando na súa redacción a importancia que o acontecemento, feito ou obxecto poden ter para Galicia.

Problemas e solucións[editar a fonte]

Os problemas de perspectivas demasiado galegas ou demasiado pouco galegas poden ter diversas orixes, e dependendo do artigo e do problema pode haber varios tipos de camiños de actuación para solucionalos:

  • Se o problema é de imaxes, pódese crear un equilibrio de orixes, de maneira que haxa unha boa proporción entre imaxes dese fenómeno en Galicia e fóra.
  • Se o problema é de contidos textuais, pódese optar por crear un apartado propio dentro do artigo que trate sobre a relación do tema con Galicia sempre que sexa relevante dentro do contexto xeral do tema tratado no artigo, ou en función do seu volume, crear un artigo propio da forma xxxx en Galicia.
  • Se o problema é de ligazóns, pódese crear un equilibrio de orixes, de maneira que haxa unha boa proporción entre ligazóns dese fenómeno en Galicia e fóra (sempre que as ligazóns sexan relevantes e sigan as normas da política de ligazóns externas).

Demasiado galego[editar a fonte]

Algúns casos arquetípicos do que poderían ser artigos demasiado galegos:

  • Un artigo sobre o románico que só trate do desenvolvemento dese estilo en Galicia, con imaxes que pertencen todas elas a igrexas galegas. Neste tipo de casos recoméndase mover o artigo a un propio da forma xxxx en Galicia, no caso de este exemplo Románico en Galicia. Outro exemplo: Un artigo sobre o millo que empezase coa frase '’’O millo chegou a Galicia en...’’ e rematase falando dos concellos galegos ordenados pola súa produción de millo.
  • Un artigo sobre a Guerra da Independencia española de 1808 que só recolla información sobre o seu desenvolvemento en Galicia ou sobre John Moore que só fale da súa relación con Galicia. Neste tipo de casos os artigos deben ampliarse e reescribirse de forma neutral para que recollan o feito na súa totalidade, adaptando o contido relacionado con Galicia segundo conveña (nunha sección do artigo, nunha propia "en Galicia", ou nun artigo propio coma no caso anterior).
  • Un artigo sobre quecemento global que só inclúa ligazóns externas que levan a páxinas web de asociacións ecoloxistas galegas e da consellería da Xunta encargada do tema. Vexa tamén os casos particulares.
  • Un artigo sobre Bob Dylan que só fale das dúas veces que Bob Dylan tocou en Galicia, cando no conxunto de actuacións do cantante estas non sexan máis relevantes que outras actuacións particulares ou o propio número total delas. Pode facerse mención a este tipo de feitos en Galicia, mais sempre que sexa relevante no contexto do propio artigo.

Demasiado pouco galego[editar a fonte]

Algúns casos arquetípicos do que poderían ser artigos demasiado pouco galegos:

  • Un artigo sobre o románico que só tratase do desenvolvemento dese estilo en Francia, con imaxes que pertencen todas elas a igrexas francesas. Neste caso debe neutralizarse o artigo, incluíndo unha visión xeral do tema principal, e de ser posible e verificable a relación correspondente e relevante con Galicia.
  • Un artigo sobre a Guerra da Independencia española de 1808 que recollese escasa información sobre o seu desenvolvemento en Galicia e a presentase esparexida, de maneira que non é posible ter unha visión en conxunto de como afectou a Galicia. Neste caso pode ser recomendable expandir a información do acontecemento relacionada con Galicia, mais cómpre manter a neutralidade do conxunto do artigo.
  • Un artigo sobre o millo que non faga ningunha mención á produción de millo en Galicia nin ás variedades que se cultivan en Galicia, e que si o faga, por exemplo, desas mesmas variábeis en México e España. Ao igual que nos anteriores exemplos, debe neutralizarse o artigo, incluíndo unha visión xeral do tema principal e incluíndo a relación galega na medida do posible.

Problema de relevancia[editar a fonte]

Moitas veces prodúcense debates sobre a conveniencia de manter un artigo por mor da súa relevancia. En ocasións este problema formúlase en relación ao orixe dun tema concreto, da forma "é un artigo sobre X de nacionalidade Y; ten relevancia na wiki do idioma Y pero non fóra dela".

A relevancia ou non dun artigo debe tratarse sempre segundo a notoriedade xeral do mesmo, sen importar a orixe ou relación con Galicia ou o galego, tendo en conta o propósito da Wikipedia, a neutralidade do contido e a verificabilidade do mesmo.

Nos casos en que os contidos resulten ser unha auto promoción, a relevancia do artigo tratarase seguindo as normas relativas a inclusión de contidos promocionais e os posibles conflitos de intereses.

Casos particulares[editar a fonte]

No campo da ciencia moitos temas son conceptos universais que non sempre teñen un aspecto galego que sexa necesario ou posible salientar. Por exemplo, podemos establecer os seguintes tipos de páxinas:

  • Temas universais do tipo electrón, masa molecular, proteína, actina ou o órgano páncreas, son de carácter xeral e pouco relacionados con Galicia ou lugares concretos. Podería ocasionalmente haber en Galicia un descubridor ou investigador deses elementos ou algún centro de investigación relevante, mais habitualmente este non é o caso.
  • Temas exóticos ou moi pouco relacionados con Galicia, como o ornitorrinco, a illa de Pascua, a muralla chinesa, as pirámides maias, o canibalismo ritual en Nova Guinea etc., que só moi raramente se lles pode atopar algunha relación con Galicia. Moitas personalidades das ciencias e letras ou históricas non tiveron ou teñen relación directa con Galicia.
  • Temas de alcance planetario. Por exemplo, a redución da capa de ozono, o quecemento global, a desertización na Terra. Son páxinas tamén esencialmente globais que poden ter efecto en Galicia, mais non sempre haberá unha relación moi forte (debido precisamente ao seu carácter global).
  • Temas estudados por grandes institucións de investigación ou dependentes dos gobernos dos países máis importantes e avanzados en materia científica. Neste sentido pode ser relevante poñer que opinan os centros de investigación ou gobernamentais de Estados Unidos, da Unión Europea ou doutros importantes países sobre a toxicidade dun alimento ou medicamento por exemplo, e mesmo cal é a súa lexislación (está prohibido o produto neses países e noutros non?). Pode ser que haxa que engadir a lexislación local, mais en Galicia moitas veces son as lexislacións comunitarias ou españolas as que aplican nestes casos.
  • Literatura científica e organizacións científicas. En ciencia, as revistas científicas máis relevantes e as organizacións científicas internacionais normativas están escritas (ou usan como lingua oficial interna) fundamentalmente en inglés, que polo xeral deben ser as fontes de referencia. Normalmente non hai referencias científicas en galego en moitos campos e temas científicos.
  • Importancia mundial. Nunha páxina é importante indicar os maiores produtores mundiais de determinados produtos ou compostos químicos. A produción dese produto en Galicia pode ser inexistente ou irrelevante (no contexto mundial e ás veces mesmo no contexto galego), pero se existe o dato pode ser axeitado indicalo cando teña a relevancia requirida.
  • Referencias. As referencias en temas científicos deben ser relevantes (revistas científicas importantes, libros universitarios etc.), e ás veces non hai este tipo de referencias en galego. Poden engadirse como referencias secundarias páxinas web de organizacións (privadas) ecoloxistas internacionais importantes (Greenpeace por exemplo) e de organizacións galegas, mais non deberían ser as referencias principais.

Véxase tamén[editar a fonte]