Wen Yiduo
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 2 de novembro de 1899 Xian de Xishui, República Popular da China |
| Morte | 15 de xullo de 1946 Kunming, República Popular da China |
| Causa da morte | homicidio |
| Lugar de sepultura | Dian Lake (en) Babaoshan Revolutionary Cemetery (en) |
| Educación | Universidade Tsinghua School of the Art Institute of Chicago (en) |
| Actividade | |
| Ocupación | poeta, escritor |
| Empregador | Universidade Tsinghua |
| Partido político | Liga Democratica da China (pt) |
| Membro de | |
| Familia | |
| Fillos | Wen Lipeng |
| Irmáns | Wen Jiasi |
| Parentes | Wen Liming, filho do filho |
| Premios | |
| Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Wen Yiduo (en chinés tradicional: 聞一多; en chinés simplificado: 闻一多; en pinyin: Wén Yīduō), nado en Huanggang o 24 de novembro de 1899 e finado en Kunming o 15 de xullo de 1946, foi un poeta e erudito chinés, coñecido pola súa poesía nacionalista. Foi asasinado polo Kuomintang.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Wen Yiduo naceu como Wen Jiahua o 24 de novembro de 1899 en Huanggang, na actual provincia de Hubei, durante os derradeiros anos da dinastía Qing. Tras recibir unha educación tradicional confuciana, continuou os seus estudos na Universidade Tsinghua.
En 1922 viaxou aos Estados Unidos para estudar Belas Artes e Literatura no Instituto da Arte de Chicago. Durante esta época publicou a súa primeira colección de poesía, Hongzhu (en galego: Candea vermella). En 1925 regresou á China para ensinar nunha universidade. En 1928 saíu do prelo a súa segunda escolma, Sishui (en galego: Auga morta). Nese mesmo ano uniuse á Sociedade da Lúa Crecente e escribiu ensaios e poesía. Tamén principiou a edición das súas investigacións sobre literatura clásica chinesa.
Ao comezar a segunda guerra sino-xaponesa, como moitos intelectuais do noroeste da China, emigrou a Kunming, en Yunnan. Alí continuou dando clases na Universidade Asociada Nacional do Suroeste. Porén, en 1931 deixou de escribir poesía e pasou a involucrarse na crítica social.[1] Nesta liña, en 1944 fíxose politicamente activo apoiando á Liga Democrática da China. A súa tendencia a expresarse sen ataduras levou ao seu asasinato por axentes secretos do Kuomintang, tras a lectura dun panexírico no funeral do seu amigo Li Gongpu.[2] O poeta Guo Moruo escribiu unha oda a Wen Yiduo en 1947, pouco despois do seu pasamento, empregando o tráxico evento como exemplo "da frustración e vulnerabilidade característica da vida dos artistas na China" naquel tempo; tamén o comparou co célebre vate Qu Yuan.[3]
Hai un monumento a Wen Yiduo no campus da Universidade Normal de Yunnan en Kunming, así como unha grande estatua. Un pequeno memorial no seu nome pode atoparse no camiño da súa antiga casa preto do lago Verde de Kunming, que na actualidade é unha escola infantil. Tanto Wen como a súa dona, Gao Zhen, descansan no Cemiterio Revolucionario de Babaoshan, en Beijing.
Poesía
[editar | editar a fonte]A poesía de Wen Yiduo destacou pola súa experimentación formal coas regras e formas do chinés clásico. Inspirouse na obra de autores ingleses como John Keats, Alfred Tennyson e Robert Browning, tentando "recapturar o ethos da sociedade chinesa premoderna".[4]
As pezas do seu segundo libro, Sishui, teñen unha "musicalidade desacougante" e tratan sobre temas "duros e lancinantes" que expoñen as inxustizas sociais e a corrupción.[5]
Crítica literaria
[editar | editar a fonte]Segundo David Hawkes, Wen iniciou o culto a Qu Yuan como o "primeiro poeta patriótico da China";[6] nas palabras do autor:[7]
Malia que Qu Yuan non escribiu sobre a vida do pobo nin cantou os seus sufrimentos, podemos considerar con xustiza á verdade que actuou coma o líder da revolución dun pobo e tratou de vingalo. Qu Yuan é a única persoa en toda a historia chinesa que pode ser chamado sen ambaxes "o poeta do pobo"Wen Yiduo, Shenhua yu shi (en galego: Mito e poesía)
De acordo coa súa propia confesión, "son un adorador de Qu Yuan"; en 1944, comezou a "cristalizar, como ninguén antes, os temas de Qu Yuan".[3]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Commons ten máis contidos multimedia sobre: Wen Yiduo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hawkes, David (1974). "The Quest of the Goddess". Studies in Chinese Literary Genres (en inglés). University of California Press. pp. 42–68. ISBN 0-520-02037-5.
- Li, Lincoln (1994). Student Nationalism in China, 1924–1949 (en inglés). SUNY Press. ISBN 9780791417508.
- Schneider, Laurence (1980). A Madman of Ch'u: the Chinese Myth of Loyalty & Dissent (en inglés). University of California Press. ISBN 0-520-03685-9.
- Wang, David Der-wei (2010). "Chinese Literature from 1841 to 1937". The Cambridge History of Chinese Literature, Vol. II: From 1375 (en inglés). Cambridge University Press. pp. 413–564. ISBN 978-0-521-85559-4.
- Wen, Yiduo (1956). "Renmin de shiren: Qu Yuan [Qu Yuan: o poeta do pobo]". Shenhua yu shi (en chinés). Guji chubanshe.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Retrato de Wen Yiduo, por Jiang Qiming (Universidade Baptista de Hong Kong)