Wang Fuzhi
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 1619 Hengyang |
| Morte | 1692 |
| Relixión | Confucianismo |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Filosofía |
| Ocupación | filósofo, autor de poesía ci, historiador, poeta, escritor |
| Obra | |
Obras destacables
| |
| Descrito pola fonte | Qingdai Xuezhe Xiangzhuan Biografía das 700 personalidades senlleiras da dinastía Qing, (p.1526-1527) Guochao Xianzheng Shilüe |
Wang Fuzhi (en chinés: 王夫之; pinyin: Wáng Fūzhī; Wade-Giles: Wang2 Fu1-chih1), nome de cortesía Ernong (而農), tamén coñecido polo pseudónimo Chuanshan (船山), nado en Hengyang (Hunan) en 1619 e finado en 1692, foi un ensaísta, historiador e filósofo chinés de finais da dinastía Ming e comezos da Qing.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Wang naceu no seo dunha familia de eruditos de Hengyang, na provincia de Hunan, en 1619. Comezou a súa educación nos clásicos chineses sendo moi novo. Aprobou os exames de acceso á función civil ós vinte e catro anos, mais a súa carreira truncouse pola invasión manchú e a posterior fundación da dinastía Qing.
O autor permaneceu leal ós Ming, loitando contra os invasores; en consecuencia, tras a derrota, pasou o resto da súa vida fuxindo deles. Refuxiouse ós pés do Chuanshan, o monte que lle deu o seu alias. Wang finou en 1693, malia que se descoñecen o lugar e os detalles do seu pasamento.
Pensamento
[editar | editar a fonte]Dise que Wang Fuzhi escribiu arredor de cen libros, mais a meirande parte deles perdéronse. O resto compiláronse na obra Chuanshan yishu quanji (en galego: Escolma póstuma de Chuanshan). Tamén redactou un comentario sobre o Zizhi tongjian, titulado Du tongjian lun (en galego: Comentarios sobre a lectura do Tongjian).
Wang foi un seguidor de Confucio. Segundo el, a filosofía neoconfuciana que dominaba a China do seu tempo distorsionara as ensinanzas do mestre. Así, elaborou os seus propios comentarios sobre os clásicos confucianos (entre eles, cinco sobre o Yijing), desenvolvendo gradualmente o seu propio sistema filosófico. Wang abordou temas moi variados, entre os que destacan a metafísica, a epistemoloxía, a ética, a poesía e mais a política. Ademais de Confucio, outras das súas influencias foron Zhang Zai e Zhu Xi, dous importantes neoconfucianos de comezos da dinastía Song.
Metafísica
[editar | editar a fonte]A metafísica de Wang é unha variedade de materialismo. Defendeu que só existe o qi (氣) ou enerxía; xa que logo, o li (理) ou principio, un concepto central do pensamento neoconfuciano máis ortodoxo (a escola de Zhu Xi), non existe de xeito independente, senón que se trata dun principio do qi. Neste sentido, a súa metafísica representa a continuación e desenvolvemento do sistema de Zhang Zai. A súa obra máis representativa nesta materia é o seu Comentario sobre a «Corrección da ignorancia» do mestre Zhang. Este traballo recibiu eloxios como un antecedente do materialismo durante o período marxista da República Popular da China.
Ética
[editar | editar a fonte]As ideas metafísicas de Wang conducírono cara a unha moral naturalista. En concreto, pensaba que os desexos humanos non son inherentemente malos, senón un feito inevitable e esencial da nosa natureza. Polo contrario, cría que os desexos son potencialmente beneficiosos, xa que a moral natural dos seres humanos debe fundamentarse nos nosos sentimentos cara ós demais. Para Wang, os problemas só aparecen por unha falta de moderación. Ademais, os desexos das persoas son a principal evidencia da nosa relación co mundo en tanto que seres materiais, e a natureza humana desenvólvese ó interactuar coa realidade na que vivimos.
Epistemoloxía
[editar | editar a fonte]
Wang afirmou a necesidade de empregar tanto a experiencia como a razón: debemos estudar o mundo empregando os sentidos, e razoar con tino sobre el. O coñecemento e a acción están interrelacionados, xa que esta é a base de aquel. A obtención do saber é un proceso laborioso e lento, polo que non existe a iluminación súbita.
Política e historia
[editar | editar a fonte]As ideas de Wang sobre historia e política fixérono moi popular na China moderna. O goberno, segundo o pensador, debería beneficiar ó pobo, non ós que exercen o poder. A historia é un ciclo continuo de renovación, un movemento de progreso gradual da sociedade humana. Así, pois, hai períodos de caos e necesidade e outros de estabilidade e prosperidade, dependendo do grao de virtude do emperador e das súas xentes; porén, a tendencia subxacente é de mellora. Isto é o resultado das leis naturais que gobernan ós individuos e á sociedade. Wang pensaba que o poder dos señores feudais era maligno, e debería limitarse mediante o aumento dos impostos, o que conduciría a un aumento no número de campesiños con terras de seu.
Chuanshan yishu
Nos seus escritos, Wang asumiu unha forte posición contra os manchús, que tentou expresar de maneira sistemática nun contexto histórico e filosófico amplo. Tamén insistiu en que os chineses deberían distinguirse dos que non o son, xa que cada pobo debería permanecer nos seus propios territorios e respectar a soberanía do resto, para así evitar posibles invasións ou integracións.[1]
Para alén do seu confucianismo, recoñeceu a "necesidade de traballar dentro do sistema", un principio asociado co legalismo.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Wang, Ke-Wen (1997). "Anti-Manchuism". Modern China: An Encyclopedia of History, Culture, and Nationalism (en inglés). Routledge. ISBN 0-8153-0720-9.
- Zhu, Jianfei (2004). Chinese Spatial Strategies: Imperial Beijing, 1420-1911 (en inglés). Psychology Press. ISBN 978-0-415-31883-9.