Wampum
O wampum, coñecido tamén como colar de wampum ou cinto de wampum, é un adobío elaborado á base de cunchas empregado polos nativos americanos no nordés do continente como obxecto diplomático e relixioso, e tamén como moeda.[1][2][3][4][5][6]
Aínda que a palabra wampum se utilizou con frecuencia para se referir a diferentes tipos de doas, cunchas ou obxectos con doas, en puridade ten que ver só cun tipo específico de doas, que se distingue doutras por unha combinación de catro criterios: o material empregado —certas cunchas mariñas que se achan exclusivamente na costa atlántica—, a súa forma tubular e o seu tamaño —de 3 a 5 mm de diámetro e de 7 a 10 mm de lonxitude—.
Alternando as cores das doas, exclusivamente branco e púrpura, ilustrábanse adoito variados motivos, como cadrados, rombos, hexágonos, triángulos, cruces, liñas paralelas e/ou oblicuas, zigzags, círculos, machadas, edificios, figuras animais ou humanas etc.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra wampum é unha abreviatura de wampumpeague ou wampumpeake, unha palabra algonquina meridional de Nova Inglaterra. Adoptada na lingua inglesa a principios do século XVII, esta expresión simplemente significa "cordel de cunchas brancas". Consonte a explicación de J. N. B. Hewitt:[7]
| “ | Wampun (forma contracta do algonquino de Nova Inglaterra ampûmpeak, wampûmpeage ou wampômpeag, expresado foneticamente como wanpanpiak ou wanbabiag, cuxos compoñentes léxicográficos son wamp, para wanb, un derivado de wab, "ser branco"; umpe ou ompe, por anbi ou anpi, "un cordel (de doas de cuncha)"; ak ou ag, o signo gramatical do plural animado. Como a expresión indíxena era demasiado incómoda para ser pronunciada doadamente polos colonos de Nova Inglaterra, estes dividiron a palabra-frase en wampum e peak ou peage, sen ter en conta a liña exacta de separación fonética entre os compoñentes lexicolóxicos da expresión). | ” |
Os neerlandeses denominaban o wampum coas expresións sewan ou zeewant no pidgin de Delaware.[8]

Os franceses e os canadenses utilizaban para se referir ao wampum as expresións collier ou collier de porcelaine ("colar" ou "colar de porcelana"), mentres que os ingleses falaban de wampum belts ("cintos de wampum").[10] En ambos os casos referíanse ao mesmo obxecto, que se intercambiaba durante reunións diplomáticas oficiais. Na actualidade, os obxectos de wampum clasifícanse adoito segundo a súa forma como colares ou cintos.[11]
Cómpre indicar que a principios do século XVII, a palabra francesa porcelaine ou pourcelaine refería á nácara e á substancia pulida das cunchas dun determinado molusco da familia Cypraeidae empregada na xoiaría.[12]
É importante distinguir entre os colares e as pólas de wampum, xa que estas últimas consistían só en doas enfiadas nun cordel. Estas doas comerciábanse individualmente ou atadas xuntas para formaren unha única unidade de varios centos de doas.[13]
As perlas brancas de esnoguy
[editar | editar a fonte]O explorador francés Jacques Cartier desembarcou na illa de Montreal e visitou a aldea de Hochelaga en 1535. Os habitantes desta aldea apreciaban particularmente as doas brancas feitas con cunchas, ás que estes iroqueses do río San Lorenzo chamaban esnoguy —ou eſurgni— na transcrición de Lescarbot— .[14]
| “ | A cousa máis preciosa que teñen neste mundo é o esnoguy, que é branco como a neve, e que sacan do río en corbinotz ("buguinas"), dos que fan patenotres (unha especie de rosario; e úsano como nós usamos o ouro e a prata; e considérano a cousa máis preciosa do mundo. — Jacques Cartier [15] |
” |
Cartier foi tamén o primeiro europeo en describir o wampum.[16] No entanto, o esnoguy non é estritamente wampum, xa que procede de cunchas de auga doce.[10]
Comercio das doas de wampum
[editar | editar a fonte]
Crese que o comercio de doas discoidais entre os grupos da costa atlántica que tiñan acceso a cunchas mariñas e os grupos xeograficamente arredados destas fontes de subministración, como os iroqueses e outros grupos da rexión dos Grandes Lagos, comezou antes da chegada dos europeos a América. Con todo, só logo do contacto entre europeos e nativos americanos as doas tubulares se estenderon cara ao interior. O uso crecente de puntas de metal e ferramentas europeas, ás que os nativos americanos pasaron a ter acceso, levou a un aumento considerable na produción de doas, ata o punto de que a rexión da costa leste pasou a coñecerse como "terra do wampum", e os pobos algonquinos que vivían ao longo da costa atlántica, como os narragansetts e os pequots, que as producían, foron chamados "mestres de moeda".[18][19][20][21][22]
O wampum converteuse nunha mercadoría importante no comercio de peles. Foi a través deste produto que os neerlandeses e os ingleses puideron obter os milleiros de peles que precisaban para o comercio. Na procura de beneficio por riba de todo, decatáronse axiña do enorme potencial do wampum. Parece que o mellor xeito de animar os nativos americanos que vivían nas rexións interiores do continente a traeren as súas peles aos comerciantes europeos era proporcionarlles wampum. O wampum era a fonte do comercio de castores, e só con bens, sen wampum, non podían obter castores dos indios, tal e como lles explicou William Stuyvesant, gobernador dos Novos Países Baixos, aos directores da Compañía Neerlandesa das Indias Occidentais en 1660.[23]
Estas doas foron adquiridas polos neerlandeses a produtores nativos americanos a cambio de diversos bens comerciais fabricados en Europa. Logo, con estas doas, os neerlandeses dirixíronse aos pobos nativos americanos máis ao oeste, que lles subministraban peles. Ao enviaren as doas desde a costa cara ao interior, fomentouse a exportación de peles ás colonias, onde os investidores acadaron grandes beneficios ao envialas a Europa. Lynn Ceci explica o movemento destes intercambios, que adoptou a forma dun triángulo comercial.[24][25][26]
Á medida que o comercio medraba, estalaron guerras de conquista co obxectivo de controlar as fontes de subministración de doas e bens comerciais entre os grupos implicados no comercio. Por exemplo, os mohawks —iroqueses— subxugaron os mohicanos —un pobo algonquino produtor de doas— arredor de 1629, e os ingleses atacaron os pequots —tamén un pobo algonquino— arredor de 1637.[27][28] O ataque do exército británico á Primeira Nación Pequot, que naquel momento controlaba a maior parte da produción de doas de América, e a guerra resultante, foi considerado por moitos historiadores como o primeiro xenocidio na historia dos Estados Unidos".[29]
Uso do wampum como moeda
[editar | editar a fonte]| “ | Os grupos algonquinos de Nova Inglaterra tamén participaron no comercio de doas de cuncha, intercambiándoas cos iroqueses por peles. Os colonos neerlandeses e ingleses subministráronlles axiña a estes algonquianos ferramentas de ferro para poderen fabricalas eles mesmos e aumentaren así a súa produción, o que lles permitiu inserirse de camiño entre os dous grupos de nativos americanos como intermediarios. A demanda de doas de cuncha foi tan grande entre os iroqueses que se empregaban como moeda no comercio de peles. O seu valor mesmo se estableceu legalmente en Nova Inglaterra: en 1637, o seu valor fixouse en catro doas por penique. [30] | ” |
En Nova Holanda e Nova Inglaterra
[editar | editar a fonte]
Debido á grave escaseza de moeda metálica nas colonias neerlandesas, provocada pola negativa da Compañía Neerlandesa das Indias Occidentais a subministrarlles moedas metálicas aos colonos, estes recorreron ao wampum como forma de moeda. A elección deste produto non só se baseaba no feito de ser moi demandado polos nativos americanos que subministraban peles, senón que o wampum tamén cumpría outros criterios que o facían apto como moeda: as doas son duradeiras, de doado manexo (pequenas e lixeiras), accesibles (próximas á costa) pero relativamente escasas e difíciles de producir (arredor de 36 a 48 doas por día), o que axuda en certa medida a previr a falsificación. Finalmente, a súa divisibilidade facíaas moi útiles: calculado en doas soltas ou en brazas, o wampum podía cubrir unha ampla gama de prezos de bens e servizos. Logo de ser declarado o wampum como moeda de curso legal nos Novos Países Baixos, establecéronse varias leis e ordenanzas para regular o valor das doas.[31][32][33]
Inflación
[editar | editar a fonte]O uso excesivo resultante agravou o problema da inflación que xa existía. En 1628, unha pel de castor valía unhas 252 doas de wampum brancas. Oito anos despois, a mesma pel valía unhas 1.440 doas".[29]
Mala calidade e falsificación
[editar | editar a fonte]Cando non era a sobreabundancia de doas en circulación a que diminuía o seu valor, era a súa mala calidade a que facía que este flutuase. De feito, como o proceso de transformación de cunchas en doas non estaba suficientemente regulado nas colonias neerlandesas, había doas de mala calidade ou feitas con outros materiais en circulación, o que causaba insatisfacción entre os usuarios. A falsificación levou os ingleses —que empregaban o wampum como moeda de xeito máis superficial— a crear a primeira moeda metálica de América do Norte en 1652 en Massachusetts. Como resultado, o wampum en circulación, tanto o de boa como o de mala calidade, quedou moi desvalorizado e inundou a economía neerlandesa, que se desestabilizou polo aumento do custo das mercadorías.
Na ausencia doutra moeda oficial, o 'dumping' de doas de mala calidade disparou os prezos dos produtos neerlandeses, as propiedades e os salarios. O custo destes produtos subiu axiña case un 400 %. Os agricultores, traballadores e soldados neerlandeses empobrecéronse. Este debilitamento abriu camiño á expansión da colonización británica".[29]
Nos anos seguintes, como os comerciantes ingleses xa non estaban ligados ao wampum, puidéronlles ofrecer máis aos nativos americanos a cambio das súas peles, o que danou aínda máis a economía neerlandesa, que colapsou en 1664.[34] En Massachusetts, o wampum deixou de usarse oficialmente como moeda en 1661 e, ao ano seguinte, Rhode Island tamén puxo fin ao seu uso como moeda, aínda que na práctica o wampum continuou empregándose para certas transaccións durante uns anos máis.[35]
En Nova Francia
[editar | editar a fonte]En Nova Francia, ao careceren de acceso doado ás moedas en uso en Francia naquel momento, as autoridades recorreron a varios materiais, obxectos ou bens intercambiables para lles outorgar valor como moeda de curso legal. Por exemplo, empregábanse peles de alce e de gato montés, trigo, millo e fabas, e máis tarde, en 1685, a coñecida como "moeda de cartas" asinadas polo intendente da metrópole. Estes bens podíanse usar como moeda porque unha autoridade gobernamental así o decretara e instituíra, especificando os termos do seu uso. Aínda que os habitantes e os comerciantes xeralmente confiaban na sinatura do intendente, as leis e os regulamentos podían seguir obrigándoos a aceptar as mercadorías ofrecidas.[36]
Así e todo, está claro que os franceses nunca adoptaron o wampum como medio de pagamento, ao contrario dos neerlandeses e dos ingleses, que o fixeron durante o mesmo período.[37][38][39] A razón é sinxela: o seu acceso a esta fonte era demasiado limitado. O wampum era escaso na Nova Francia e o que había dispoñible tiña que se usar para manter a enorme rede de relacións diplomáticas cos aliados nativos americanos, unha rede que, desde o punto de vista francés, xustificaba as súas reclamacións coloniais sobre o territorio. Os franceses gardaban milleiros de doas e ducias de colares nos almacéns reais, porque sabían que eran esenciais para manteren as boas relacións cos seus aliados nativos americanos.
Ao ler os libros de contas e os inventarios do contido dos almacéns do rei no século XVIII, vese que os franceses contaban adoito o número de ringleiras e de doas nos colares que recibían. Fosen franceses, ingleses ou americanos, todos lles asignaban sistematicamente aos wampums que recibían un valor en libras ou na moeda que estivese en uso; todos convertían o valor simbólico do obxecto en valor monetario. Isto trasladou o valor de cualitativo e subxectivo a cuantitativo e obxectivo.
Entre as Primeiras Nacións
[editar | editar a fonte]Non hai probas de que os amerindios do Pays-d'en-Haut, do val do San Lourenzo e da Confederación Iroquesia empregasen doas de wampum como medida do valor das mercadorías comerciadas, nin nos seus intercambios comerciais nin no seu comercio interno, como se empregaron diversas cunchas en determinadas sociedades melanesias, por exemplo. Aínda que comerciaban con roupa, alcohol, ferramentas de metal, machados, caldeiras, armas de fogo, pólvora, chumbo, peles, carne, peixes, redes, canoas, millo, tabaco —en resumo, todo o que necesitaban e do que non dispuñan no seu territorio—, non hai razón para crer que o wampum xogase un papel salientable entre os demais artigos comerciados. Como sinalou o erudito historiador André Vachon, a quen sen dúbida se lle debe a primeira investigación seria publicada en francés sobre o wampum: "Non hai indicios, por exemplo, de que este produto, un obxecto de intercambio frecuente entre nacións, se utilizase dentro da mesma tribo para mercar alimentos, utensilios e servizos, que probablemente nunca se valoraron en termos de grans ou brazas de porcelana".[40]
De feito, o sistema económico das sociedades iroquesas, a través do cal se distribuía a riqueza, non requiría este tipo de transacción monetaria. Tomando como exemplo a economía hurona, Conrad E. Heidenreich explica:[41]
| “ | Malia ter existido unha economía de troco entre as tribos dos huróns e as demais, non hai probas dun sistema de troco entre os propios huróns. Non hai indicios de que os bens e os servizos se redistribuísen en Huronia mediante transaccións comerciais nin calquera tipo de sistema de mercado. De feito, non hai probas da existencia de mercados nin dunha xerarquía de aldeas baseada en principios comerciais. Os bens e os servizos intercambiábanse sobre unha base completamente diferente. […] Sen dúbida, a redistribución de bens facíase principalmente a través de agasallos. Todos os membros dunha liñaxe recibían unha parte dos bens acumulados por un membro individual. […] Alén da liñaxe, os bens distribuíanse durante varias cerimonias institucionalizadas de intercambio de agasallos. — Heidenreich |
” |
Declive no uso económico
[editar | editar a fonte]Tamén cómpre sinalar que a ausencia de uso económico é evidente en dous aspectos que son fundamentais para o estudo das culturas: a mitoloxía e a lingüística. De feito, ningún concepto económico aparece no mito fundacional iroqués, no que os antepasados mitolóxicos estableceron a tradición de intercambiar colares de wampum na diplomacia intertribal. Do mesmo xeito, os estudos lingüísticos amosan que as linguas iroquesas e algonquianas non fan referencia á moeda nin a ningún concepto económico ao se referir aos colares de wampum.
Finalmente, é importante salientar que, para cando o intercambio de colares de wampum acadou o seu apoxeo, na segunda metade do século XVIII, o wampum non se usara como moeda nas colonias europeas desde había un século. Aínda que o wampum se distribuíu a moi grande escala nalgún momento, nunca alcanzou o punto de saturación nin sufriu desvalorización entre os grupos iroqueses. As doas desapareceron efectivamente da circulación comercial nestas colonias, pero o seu uso diplomático en forma de colares mantívose intenso durante todo o século seguinte. Semella que en determinadas rexións do Nordés, o wampum se valoraba por razóns alleas ás súas propiedades económicas ou ao seu uso comercial. En resumo, unha vez que as doas se inserían en colares, a súa función pasaba a ser completamente diferente.
Uso do wampum con fins diplomáticos: os colares de porcelana
[editar | editar a fonte]
Os criterios polos que se valora o wampum dependen tanto da xeografía como da cultura dos grupos que o usaron. Aínda que o comercio triangular de Lynn Ceci é extremadamente útil para comprender o papel do wampum na dinámica económica das colonias neerlandesas e inglesas a principios do século XVII, non nos permite comprender os moitos outros aspectos do uso do wampum. Fóra desta dinámica comercial, o wampum tiña un propósito moi diferente.
Os pobos iroqueses do interior facían un uso especial do wampum nos seus encontros diplomáticos oficiais con grupos veciños ou estranxeiros. As doas tecíanse en colares de varios tamaños, que contiñan desde uns cantos centos ata máis de dez mil doas. Estes colares ofrecíanse para apoiar o discurso que se estaba a pronunciar, para facelo lexítimo e oficial. O intercambio de wampum realizábase segundo normas de protocolo e rituais precisos e específicos, ás veces prestados do mito fundador iroqués.[43][44]
Durante a era colonial, este sistema diplomático rexía gran parte do nordeste americano. Neste sentido, unha demarcación xeográfica no canto dunha cultural demostra ser máis relevante. Ademais de atopar esta práctica entre os iroqueses e os andastes, tamén se atopou entre certos grupos algonquinos que ocupaban o norte do río San Lourenzo e o val do Ottawa, así como entre os hurón-wendat da baía Xeorxiana, que mesmo poderían telo estendido ao val do San Lourenzo e aos Grandes Lagos durante a súa dispersión arredor de 1650. O espazo xeopolítico e cultural do Pays-d'en-Haut —rexión dos Grandes Lagos—, tal como o define Gilles Havard, estaría parcialmente incluído no que se podería chamar o corazón ou núcleo desta tradición, onde o uso de wampums na diplomacia é esencial.[45]
O desenvolvemento do uso dos wampums nas relacións internacionais tivo lugar, xa que logo, neste espazo específico, onde os encontros e o contacto se produciron con gran intensidade, implicando unha gran diplomacia e manobras políticas. Neste contexto produciuse o desenvolvemento do intercambio e a entrega de wampums e outros agasallos, mediante unha serie de protocolos sincréticos creados para mellorar a comunicación. Estas reunións formais desenvcólvense nun contexto diplomático e débense cumprir o que os investigadores estadounidenses chamaron o "protocolo do wampum". Aceptar un wampum implica aceptar as palabras que acaban de ser pronunciadas, e rexeitalo significa rexeitar o acordo.
A maioría dos observadores da época sinalaron o papel central que desempeñaban os wampums nas reunións internacionais e no mantemento de boas relacións diplomáticas:
| “ | Os salvaxes de América do Norte sempre empregaron colares, tanto para se adornar como para xestionar os asuntos da súa nación. Estes colares son tan esenciais para aqueles que falan en nome das súas nacións que non se lles daría credibilidade ás súas palabras a menos que primeiro lle presentasen un colar á persoa coa que estaban a tratar, colocándoo diante dela. Rematado o discurso, o indio ao que se lle fala colle o colar e substitúeo por outro para dar a súa resposta. Se hai varias propostas que facer, preséntanse tantos colares ou tantas pólas de porcelana como sexan necesarias. — Anónimo. Ca. 1726-1727[46] |
” |
De feito, cómpre sinalar que, en xeral, os encontros entre grupos de nativos americanos se caracterizaban todos por un intercambio de agasallos, que permitía a renovación constante das alianzas entre grupos.[47][48][49] Se o intercambio de wampum forma parte dun sistema máis xeral de intercambio de bens, é porque o agasallo de presentes atopa un produto axeitado á súa natureza no wampum.[50][51] Así, os agasallos eran tanto unha proba tanxible e material do discurso pronunciado como un testemuño de boa vontade e bos sentimentos:
| “ | Presentan entre os pobos e xestionan todos os asuntos do país: enxugan bágoas, apaciguan a ira, abren portas en países estranxeiros, liberan prisioneiros, levantan os mortos. A xente fala e responde case exclusivamente a través de agasallos: por iso, nos discursos, un agasallo considérase equivalente a unha palabra. Os agasallos concédense para animar os homes a ir á guerra, para os convidar á paz, para atraer unha familia ou unha nación a vir vivir contigo, para satisfacer ou pagar a quen recibiu algunha lesión ou ferida, sinaladamente se se verteu sangue. — Relations des Jésuites ... dans la Nouvelle-France (1642) [52] |
” |

Os colares que se intercambiaban durante as reunións formais gardábanse durante varios anos para que as mensaxes que transportaban se preservasen e se retivesen. Con este fin, o coidador dos wampums asegurábase de que o seu significado se repetise periodicamente diante dos membros da comunidade. Os wampums eran, xa que logo, portadores de mensaxes; contiñan palabras faladas que estaban, nun certo sentido, codificadas no obxecto. Neste sentido, os wampums intercambiados establecían os termos dos acordos que gobernarían o futuro, ao tempo que daban fe dos acordos pasados. A maioría das testemuñas da época que observaron estas prácticas sinalaron o papel de "arquivos" atribuído aos wampums.[54]
A mediados do século XVIII, o Chevalier de la Pause explicou:[55]
| “ | Os colares de porcelana e as pólas son a moeda universal entre os salvaxes; [...] son o vínculo entre nacións e individuos, un compromiso inviolable e sagrado que sanciona palabras, promesas e tratados; como non teñen uso da escritura, crean unha memoria local a través destes colares, cada un dos cales significa un asunto ou circunstancia particular; os caciques da aldea son os gardiáns destes colares e fano coñecer aos mozos, que así aprenden a historia e os compromisos da súa nación. — Chevalier de la Pause |
” |
Wampum de dúas filas
[editar | editar a fonte]
O colar de dúas filas (Kaswentha) dos iroqueses simboliza un acordo de respecto mutuo e paz entre eles e os europeos, inicialmente cos neerlandeses que se asentaran na América do Norte.[56]
| “ | Consonte a tradición oral iroquesa, o cinto de wampum de dúas ringleiras representa o tratado de 1613 entre os haudenosaunee e os neerlandeses, e os posteriores acordos cos franceses e cos ingleses. Un fondo de doas brancas simboliza a pureza do acordo. Dúas rigleiras de doas moradas representan o espírito dos nosos respectivos antepasados. Tres doas de wampum separan as dúas ringleiras, como símbolo da paz, a amizade e o respecto. As dúas ringleiras representan dous camiños paralelos, dúas embarcacións que navegan xuntas polo mesmo río. Unha delas, unha canoa de cortiza de bidueiro, representa os pobos indíxenas, as súas leis, os seus costumes e as súas tradicións, mentres que a outra, un barco, representa os europeos, as súas leis, os seus costumes e as súas tradicións. Viaxamos xuntos, lado a lado, pero cada un no seu propio barco, sen que ningún intente gobernar o barco do outro. O wampum de dobre fío simboliza a relación entre os nosos pobos e o compromiso cun diálogo aberto e honesto. — Guide terminologique autochtone (2006) [57] |
” |
Uso do wampum con fins de transmisión cultural
[editar | editar a fonte]Ademais dos usos do wampum como moeda ou na diplomacia mencionados anteriormente, o obxecto tamén desempeñou un papel importante na tradición oral, particularmente na transmisión da historia oral. Este uso do wampum presenta unha perspectiva menos relacionada coa historia do encontro entre europeos e nativos americanos, o que pode explicar por que raramente se menciona neste contexto.
Segundo a perspectiva indíxena dos pobos que o empregaban, o wampum é tradicionalmente un medio para preservar a memoria das alianzas e dos conflitos —fosen con europeos ou non—.[58] Así, nel pódense rexistrar acontecementos históricos importantes, como a Gran Lei da Paz da Confederación Iroquesa. Xa que logo, o wampum pode ter valor como documento histórico, no seu enfoque funcionalista, aínda que cómpre facer unha distinción entre a tradición oral e os documentos históricos. Isto toca o tema das probas a través da tradición oral, na que certas indicacións lingüísticas poden aclarar a interpretación.[59]
Wampum contemporáneo
[editar | editar a fonte]
Os artistas continúan deseñando e tecendo cintos e colares de relevancia histórica, así como outros baseados nos seus propios conceptos.[60] Este é o caso, en particular, da fábrica de wampum construída pola Nación Unquachog en Long Island, Nova York, onde se fabrican doas para o uso de artistas indíxenas como Ken Maracle,[61] Elizabeth Perry[62] e Lydia Chavez, que as utilizan nas súas creacións de cintos tradicionais e xoias contemporáneas. A fábrica está en funcionamento desde 1998 e contribuíu ao renacemento do uso do wampum na vida indíxena contemporánea: por exemplo, a nación Seneca encargou réplicas de cinco cintos históricos de wampum, completadas en 2008 por Lydia Chavez e feitas con doas fabricadas no territorio da nación india Unkechaug en Long Island.[63]
En 2014, a nación india Shinnecock asegurou a preservación dun sitio tradicional de fabricación de wampum chamado Ayeuonganit Wampum Ayimꝏup ("Aquí fabricábase o wampum"). Parte do sitio orixinal foi ocupado por un parque.[64][65]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "wampum". Encyclopaedia Britannica (britannica.com).
- ↑ "Wampum". L'Enciclopédie Canadienne (thecanadianencyclopedia.ca).
- ↑ "wampum". Enciclopedia.cat
- ↑ Beauchamp, W. M. (1901).
- ↑ Orchard, W. C. (1929). Páxina 61.
- ↑ Breton, P. N. (1894).
- ↑ Hewitt, J. N. B (1915). Páxina 619.
- ↑ Starna, W. A. (2013). From Homeland to New Land: A History of the Mahican Indians, 1600-1830. University of Nebraska Press. Páxina 236. Nota 32. ISBN 978-0-8032-4495-5
- ↑ Bacqueville de La Potherie, C. C. (1722). Histoire de l'Amérique septentrionale. Vol. I. Nion et Didot, París. Páxina 334 (bis).
- 1 2 Lainey, J. C. (2004). Páxinas 29 [nota 7] e 33 [nota 31].
- ↑ "Wampum". McCord Stewart Museum Montreal (Musee-mccord-stewart.ca).
- ↑ Vachon, A. (1970). Páxina 260.
- ↑ "Wampum". Onondaganation.org
- ↑ "This is that which … they call Wampum". En Early American Studies. Vol. 15. Nº 1, 2017. Páxinas 1-36.
- ↑ Cartier, J. (1843). Voyages de découverte au Canada, entre les années 1534 et 1542. Cowan et Fils, Quebec.
- ↑ "Jacques Cartier et la découverte du Canada". En L'Histoire. 67. Maio de 1984.
- ↑ "Navajo Indian Man Wearing Large Silver Earrings, and Wampum Necklace". Southern Methodist University (Digitalcollections.smu.edu).
- ↑ Beauchamp, W. M. (1901). Páxinas 330-331, 338.
- ↑ Orchard, W. C. (1929). Páxina 68.
- ↑ Vachon, A. (1970). Páxina 268.
- ↑ Ceci, L (1980). Páxinas 844. Nº 30.
- ↑ Ceci, L. (1982). Páxina 100.
- ↑ Ceci, L. (1980). Páxina 841.
- ↑ Fenton, W. N. (1971). Páxina 441.
- ↑ Ceci, L. (1980). Páxina 844.
- ↑ Ceci, L. (1982). Páxina 98.
- ↑ Fenton, W. N. (1971). Páxina 442.
- ↑ Ceci, L. (1980). Páxinas 844-845.
- 1 2 3 Ledoux, J. (2017). "Les wampums comme monnaie d’échange. Histoire de la première crise financière de l’actuel New York". Radio-Canada (ici.radio-canada.ca). 30 de setembro.
- ↑ Turgeon, L. (2005). Páxina 21.
- ↑ Beauchamp, W. M. (1901). Páxinas 351-356.
- ↑ Rosendale, S. W. (1895).
- ↑ Woodward, A. (1932).
- ↑ Ceci, L. (1980). Páxinas 846-847.
- ↑ Rosendale, S. W. (1895). Páxina 18.
- ↑ McCullough, A. B. (1987). Páxina 21.
- ↑ Vachon, A. (1970). Páxina 276.
- ↑ Herman, M. W. (1956). Páxina 28.
- ↑ Shortt, A. (1925).
- ↑ André Vachon (1970). Paxinas 275-276
- ↑ Heidenreich, C. E. (1971).
- ↑ "The belt of wampum delivered by the Indians to William Penn at the "Great Treaty" under the Elm Tree at Shackamoxon in 1682". Historical Society of Pennsylvania. Ca. 1857.
- ↑ Druke, M. A. (1985). Páxinas 92-96.
- ↑ Lainey, J. C. (2004). Páxinas 38-49.
- ↑ Havard, G. (2003). Páxinas 11-14.
- ↑ Mémoire concernant les colliers de porcelaine des Sauvages, leurs différents usages, et la matière dont ils sont composés. Ca. 1726-1727. Páxina 24.
- ↑ Jaenen, C. J. (1985). "The Role of Presents in French-Amerindian Trade". En Cameron; D. (dir). Explorations in Canadian Economic History. Essays in Honour of Irene M. Spry. University of Ottawa Press. Páxinas 231-250.
- ↑ Jacobs, W. R. (1950).
- ↑ Cook, P. (1995). "Symbolic and Material Exchange in Intercultural Diplomacy. The French and the Hodenosaunee in the Early Eighteen Century. En Fiske, J. et al. (dir). New faces of the Fur trade, Selected Papers of the Seventh North American Fur Trade Conference. Michigan State University. Páxinas 75-100.
- ↑ Druke, M. A. (1985). Páxinas 89, 92.
- ↑ Smith, T. J. (1983). Páxinas 27-28.
- ↑ Relations des Jésuites. Vol. 3. 1642. Páxina 53.
- ↑ "Iroquois Chiefs from the Six Nations Reserve reading Wampum belts in Brantford, Ontario". Librery and Archives Canada. Governement of Canada (Recherche-collection-search.bac-lac.gc.ca).
- ↑ Lainey, J. C. (2004). Páxinas 54-56.
- ↑ "Les ‘Mémoires' du chevalier de la Pause". En Rapport de l'archiviste de la province de Québec. 1933. Páxina 325.
- ↑ Gadacz, R. R. (2015). "Wampum". En Encyclopédie canadienne. 20 de maio de 2015.
- ↑ Guide terminologique autochtone. Union des municipalités du Québec (UMQ). 2006. Contraportada.
- ↑ Vigneault, L. (2017).
- ↑ Bourcier, A. (2000). Páxinas 403-421.
- ↑ "Wampum". Elizabeth James-Perry (elizabethjamesperry.com).
- ↑ "The Wampum with Ken Maracle". Indigenous Corporate Training Inc. (ictinc.ca).
- ↑ "Elizabeth Perry Original Wampum Art". Bazaar.culturalsurvival.org
- ↑ "About us". Wampummagic.com
- ↑ "Ayeuonganit Wampum Ayimꝏup". Nativelongisland.com
- ↑ "Shinnecock Wampum Factory Site Preserved by Southampton Town". En East End Beacon (eastendbeacon.com). 13 de setembro de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Wampum |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Beauchamp, W. M. (1901). "Wampum and Shell Articles Used by the New York Indians". En Bulletin of the New York State Museum. Vol. 8. Nº 41. Páxinas 319-480.
- Bourcier, A. (2000). "Aspects linguistiques de la preuve par tradition orale en droit autochtone". En Les Cahiers de droit. Vol. 41. Nº 2.
- Breton, P. N. (1894). "Wampum". Illustrated History of Coins and Tokens Relating to Canada. Páxina 10.
- Ceci, L (1980). "The First Fiscal Crisis in New York". En Economic Development and Cultural Change. Vol. 28. Nº 4. Páxinas 839-847.
- Ceci, L. (1982). "The Value of Wampum Among the New York Iroquois. A Case Study in Artifact Analysis". En Journal of Anthropological Research. Vol. 38. Nº 1. Páxinas 97-107.
- Ceci, L. (1989). "Tracing Wampum’s Origins: Shell Bead Evidence from Archaeological Sites in Western and Coastal New York". En Hayes, C. F. et al. Proceedings of the 1986 Shell bead Conference, Selected Papers. Rochester Museum and Science Center. Páxinas 63-80.
- Druke, M. A. (1985). "Iroquois Treaties, Common Forms, Varying Interpretations". En Jennings, F. (dir.). The History and Culture of Iroquois Diplomacy. An Interdisciplinary Guide to the Treaties of the Six Nations and Their League. Syracuse University Press, Nova York. Páxinas 85-98.
- Fenton, W. N. (1971). "The New York State Wampum Collection: the Case for the Integrity of Cultural Treasures". En Proceedings of the American Philosophical Society. Vol. 115. Nº6. Decembro. Páxinas 437-461.
- Havard, G. (2003). Empire et métissages. Indiens et Français dans les Pays d'en Haut, 1660-1715. Presses de l'Université de Paris-Sorbonne, Paris. 2003. ISBN 978-2840502814
- Heidenreich, C. E. (1971). Huronia: a history and geography of the Huron Indians, 1600-1650. McClelland and Stewart, Toronto. ISBN 978-0-7710-4076-4
- Herman, M. W. (1956). "Wampum as a Money in Northeastern North America". En Ethnohistory. Nº 3. Páxinas 21-33.
- Hewitt, J. N. B (1915). "Wampun". En Manuel des Indiens du Canada. J. de L. Taché, Ottawa. Páxinas 619-626.
- Jacobs, W. R. (1950). Wilderness Politics and Indian Gifts : the Northern Colonial Frontier, 1748-1763. University of Nebraska Press, Lincoln.
- Lainey, J. C. (2004). La «monnaie des Sauvages». Les colliers de wampum d’hier à aujourd’hui. Septentrion, Sillery, Québec. ISBN 978-2-89448-394-7
- McCullough, A. B. (1987). La monnaie et le change au Canada, des premiers temps jusqu’à 1900. Direction des lieux et des parcs historiques nationaux, Ottawa. ISBN 9780660921013
- Orchard, W. C. (1929). Beads and beadwork of the American Indians : a study based on specimens in the Museum of American Indian, Heye Foundation. Vol. 11. Museum of the American Indian, Nova York.
- Rosendale, S. W. (1895). The Involution of Wampum as Currency ; the Story Told by the Colonial Ordinances of New-Netherland, 1641-1662. Albany.
- Shortt, A. (1925). Documents relatifs à la monnaie, au change et aux finances du Canada sous le régime français. Vol. 1. Bureau des publications historiques, Ottawa.
- Smith, T. J. (1983). "Wampum as Primitive Valuables". En Research in Economic Anthropology. Nº 5. Páxinas 225-246.
- Turgeon, L. (2005). "Les ceintures de wampum en Amérique. Objets matériels et échanges interculturels". En Communications. Nº 77. Páxinas 17-37.
- Vachon, A. (1970). "Colliers et ceintures de porcelaine chez les Indiens de la Nouvelle-France". En Les Cahiers des dix. N° 35. Páxinas 251-278.
- Vigneault, L. (2017). Repenser le temps et l’espace, du wampum au selfie. En RACAR : Revue d'art canadienne / Canadian Art Review. Vol. 42. Nº2. Páxinas 87-99.
- Woodward, A. (1932). "A Brief History of Wampum". En The Numismatist. Vol. 45. Nº 12. Decembro. Páxinas 753-763.