Walter Winchell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Walter Winchell
Walter Winchell 1960.JPG
Nacemento7 de abril de 1897
 Nova York
Falecemento20 de febreiro de 1972
 Os Ánxeles
Causacancro de próstata
NacionalidadeEstados Unidos de América
Ocupaciónpresentador de televisión, xornalista, locutor de radio e actor
Premiosstar on Hollywood Walk of Fame
editar datos en Wikidata ]

Walter Winchell, nado en Nova York o 7 de abril de 1897 e finado nos Ánxeles o 20 de febreiro de 1972, foi un xornalista estadounidense, considerado o inventor da columna de sociedade actual.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Winchell naceu en Nova York, fillo de Jennie (Bakst) e o vendedor Jacob Winchell, inmigrantes xudeus rusos.[1] Na súa mocidade actuou en varias compañías de vodevil e espectáculos.[1]

Comezou a súa carreira no xornalismo na década de 1920, tras publicar varias informacións de rumores relacionadas coas xiras dos grupos de espectáculos. En 1924 foi contratado por New York Evening Graphic como columnista da sección de sociedade e cronista de sucesos. Cinco anos despois pasou a formar parte do cadro de New York Daily Mirror,[2] propiedade de William Randolph Hearst, e a súa columna comezou a distribuirse a outros xornais de todo o país pertencentes a King Features.[3]

Debutou na radio en maio de 1930, contratado por Blue Network[4] (propiedade de NBC ata 1943, e posteriormente de ABC) para narrar novas de sociedade e espectáculos, dentro dun espazo patrocinado pola empresa Lucky Strike. Grazas ao seu estilo para contar as historias e as súas exclusivas, Winchell logrou un espazo propio nesa cadea e pasou a ser un dos reclamos para as vendas dos diarios de Hearst. Mantendo o mesmo estilo, introduciu novas de política para ser un dos primeiros que atacou directamente a Adolf Hitler e os partidos estadounidenses de ultradereita. Coa entrada dos Estados Unidos na segunda guerra mundial, as súas columnas pasaron a estar dominadas por ese tema.

Walter Winchell tivo unha evolución política: aínda que na década de 1930 defendeu ideas consideradas como de esquerda e apoiou o presidente Franklin D. Roosevelt, ao rematar a guerra pasou a ter unha ideoloxía conservadora e antisoviética, chegando a apoiar teses como as de McCarthy na súa columna e no seu programa. O programa de radio pasou a ser retransmitido de forma simultánea para televisión en 1955 por ABC, mais a perda de espectadores provocou que o espazo televisivo fose cancelado. A súa fama comezou a caer e pasou a realizar outros traballos como a narración da serie The Untouchables ou un espazo de variedades, e finalmente acabou por caer no esquecemento como xornalista. En 1957 deixou a radio e en 1963 desvinculouse definitivamente da empresa Hearst.

O suicidio do seu fillo en 1968 levouno a anunciar a súa retirada definitiva dos medios de comunicación. En 1972, faleceu nos Ánxeles vítima dun cancro de próstata. Está enterrado no Greenwood/Memory Lawn Mortuary & Cemetery de Phoenix.[5]

Estilo[editar | editar a fonte]

Winchell marcou unha tendencia á hora de revelar segredos dos famosos e diversos espectáculos, e o seu estilo foi continuado por outros xornalistas como Ed Sullivan e Louella Parsons. O seu estilo é coñecido nos Estados Unidos como gossip column (literalmente, "columna de rumores"), e estaba baseado en frases curtas cheas de linguaxe coloquial e evasivas para eludir a desaprobación dos editores, escribendo para todo tipo de lectores. No seu programa de radio narraba as novas de xeito rápido e valéndose dun telégrafo, que facía sonar para crear unha sensación de urxencia. Dada a súa influencia no público, os comentarios de Winchell podían afectar a carreira profesional dun artista ou mesmo de políticos e xornalistas, especialmente despois da segunda guerra mundial.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Leonard, Thomas C. (xaneiro de 1999). Winchell, Walter. American National Biography Online. ISBN 9780198606697. doi:10.1093/anb/9780198606697.article.1602802. Consultado o 11 de marzo de 2018. 
  2. Gardner, Ralph D. (2001). "The Age of Winchell". Consultado o 19 de febreiro de 2015. 
  3. [archives.nypl.org/the/21480 Walter Winchell papers, 1920-1967], New York Public Library for the Performing Arts
  4. Dunning, John (1998). On the Air: The Encyclopedia of Old-Time Radio (Revised ed.). Nova York: Oxford University Press. pp. 708–710. ISBN 978-0-19-507678-3. Consultado o 9 de setembro de 2019. 
  5. "Mrs. Winchell's Little Boy". TIME Magazine. 26 de marzo de 1972. Consultado o 17 de outubro de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]