Vulcano (planeta hipotético)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vulcan nun diagrama do Sistema Solar fabricado para diversas escolas en 1846, pouco antes do descubrimento de Neptuno pola mesma persoa que o teorizou: Urbain Le Verrier.[1]

O Planeta Vulcano foi un hipotético planeta intramercurial proposto en setembro do 1859 polo matemático e astrónomo francés Urbain Le Verrier.

Argumentos da súa existencia[editar | editar a fonte]

No 1840, o director do Observatorio de París; François Arago, e o matemático francés Urbain Jean Joseph Le Verrier trataron de explicar a variación de 43 segundos de arco que se detectou no perihelio do planeta Mercurio. O seu estudo construíuse baseándose na Lei da Gravitación Universal de Isaac Newton.

En 1843, Le Verrier publicou a súa teoría na que propoñía a existencia dun pequeno planeta que perturbaba a órbita de Mercurio, do mesmo xeito que a órbita de Urano se ve perturbada pola órbita de Neptuno, tal e como el mesmo predixera con anterioridade.

Procura de Vulcano[editar | editar a fonte]

Tras a publicación da hipótese de Le Verrier, numerosos astrónomos afeccionados e mesmo profesionais afirmaron velo. Entre 1826 e 1843 o astrónomo afeccionado Heinrich Schwabe, farmacéutico de profesión, tentou atopar o planeta observando os arredores do Sol sen obter ningún resultado. Porén, Schwabe descobre o ciclo decenal das manchas solares que se facían visibles baixo a fotosfera solar, mentres buscaba infrutuosamente o hipotético planeta Vulcano.

Debido á súa proximidade ao Sol, máis reducida que a de Mercurio, Vulcano era invisible practicamente todo o tempo. Só durante as eclipses solares podía tentarse a súa procura.

Malia o prestixio de Urbain Le Verrier era, no momento, considerable, poucos astrónomos crían seriamente na existencia do devandito planeta. Tras a eclipse total de xullo no 1860 observada desde España, non foi posible enxergar a Vulcano ,a pesar das melloras instrumentais e fotográficas. O astrónomo alemán Christian Heinrich Friedrich Peters confesou á prensa: “Non penso ser como un parrulo salvaxe, que voa detrás dos paxaros míticos de Le Verrier”.[Cómpre referencia] Tras o falecemento deste, o 23 de setembro de 1877, a existencia de Vulcano corría perigo, ao perder un apoio tan importante.

O clímax da súa baldía busca chegou coa eclipse total de sol do 29 de xullo de 1878, visible nos Estados Unidos. Gran número de astrónomos norteamericanos desprazaron os seus instrumentos, reloxos e cámaras fotográficas por boa parte da xeografía nacional, para faceren un varrido sistemático das inmediacións solares. Nunha das principais expedicións, dirixida polo astrónomo James Craig Watson na cidade de Rawlins (Wyoming), estivo o propio Thomas Alva Edison non só para asistir ao evento senón para probar un dos seus novos inventos, un termómetro moi sensible á calor solar. Outro equipo non menos importante, dirixido por Simon Newcomb, instalouse en Separtion (Wyoming), preto do equipo anterior. Aínda que as observacións non foron definitivas nin estaban claras, por mor da extensa coroa solar, Watson estivo convencido o resto da súa vida de observar non un, senón dous planetas intramercuriales. Peters criticou estas observacións tras asegurar que só se trataban das estrelas. [Cómpre referencia]

Durante a seguinte expedición a unha nova eclipse solar total, en 1883, o astrónomo Edward S. Holden, sucesor de Watson, efectuou novamente delicadas observacións das inmediacións solares. Tampouco tivo éxito na súa procura, a pesar das melloras instrumentais.

Fin da procura[editar | editar a fonte]

No 1877, Le Verrier faleceu convencido de que descubrira outro planeta, aínda que a procura de Vulcano finalizou ao demostrarse errónea a súa hipótese.

Finalmente, no 1915, Einstein explicou a orixe do corremento perihélico de Mercurio utilizando a súa teoría da relatividade xeral. As variacións na órbita producíanse como subproduto da forza gravitacional do Sol. As súas ecuacións predixeron a órbita de Mercurio, así como as do resto dos planetas, cunha precisión sen precedentes.

Dende entón, quedou descartada a hipótese da existencia do planeta Vulcano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "LOC file of the solar system, as seen in 1846". Consultado o 2 de enero de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]