Voto de San Nicolás

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
San Nicolás de Tolentino

O Voto de San Nicolás de Tolentino é unha ofrenda a dito santo instaurada polos veciños de Pontedeume (A Coruña) despois do incendio que padeceu a vila no ano 1621, en agradecemento pola súa intervención para aplacar o lume.

Historia[editar | editar a fonte]

Conta a tradición que en dito incendio os monxes do Convento de Santo Agostiño sacaron en procesión unha imaxe de San Nicolás de Tolentino e botaron ao lume unha reliquia ou xoia do santo. A partir dese momento o lume comezou a minguar ata a súa extinción. O feito foi considerado como un milagre.

Pouco despois do incendio reúnese a Corporación Municipal o 19 de xuño de 1621 decidindo que se vote un día para gardalo, que será o 10 de setembro de cada ano coincidindo coa súa onomástica. Ese día farase misa solemne cantada con sermón e procesión, e o día anterior vésperas solemnes no Convento de Santo Agostiño.

O 16 de maio do ano seguinte, a vila, e no seu nome o Alcalde Maior Pedro Labora, renova o Voto e determínase nomear a San Nicolás de Tolentino co-patrón da vila que tiña como único patrón a Santiago Apóstolo. Neste Voto faise referencia aos boliños de San Nicolás, pequenas pezas de pan que se consagran na misa solemne do día 10 de setembro e que se reparten entre os veciños para protexeren as súas casas do lume. Este costume lembra á reliquia que se lanzara ás chamas.

Tradición[editar | editar a fonte]

Desde entón, as familias eumesas vanse turnando na renovación do voto e a preparación dos boliños, dos que son moi celosos os eumeses, levándoos ás súas casas para protexelas dos incendios. En dous incendios posteriores nos anos 1892, cando se queimaron tres casas, e en 1941 que ardeu unha casa, botáronse ao lume os boliños.

Hoxe en día, o día 10 de setembro é un dos días grandes das Festas Patronais e continúase renovando o Voto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • San Nicolás de Tolentino, Co-patrono de la Villa de Pontedeume. DL C-1161/97