Cando o voo 903 estaba trepando aos 10 000 pés (3 000 m), a tripulación informou de que o seu motor número 3 estaba ardendo e necesitaban regresar con prioridade ao Cairo. Cando o avión estaba de volta o motor separouse do avión, forzando á tripulación a intentar unha aterraxe de emerxencia no deserto, a unhas 65 millas ao norte do Cairo. O avión caeu preto da vila de Ityai el Barud, matando aos 55 ocupantes, incluídos 23 estadounidenses e a estrela de cine exipcia Camelia.
Os rescatadores atoparon os restos espallados uns 460 m despois de camiñar 24km para chegar a eles. O avión estaba case completamente queimado. Os corpos das vítimas estaban moi carbonizados, atrasando a súa identificación. Un correspondente de United Press International informou que o avión esnafrárase nun ferrocarril de vía estreita ao chocar contra o chan e rompera un tramo considerable de vía.
Unha ducia de nacións estaba representada entre os 48 pasaxeiros. Entre os estadounidenses destacaba a presenza de Aubrey William Schofield, executivo dunha compañía petrolífera; e do Dr. Everett Moore Baker, decano de estudantes no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts. Mr. Schofield era xestor da división de produción do hemisferio leste da Gulf Oil Company e estivera traballando como xestor da Kuwait Oil Company. O Dr. Baker estivera en Bombai para presidir a conferencia anual do Servizo de Estudantes Internacionais. Tamén morreron o arquitecto Maciej Nowicki, que estivera traballando no deseño da nova cidade de Chandigarh, e o matemático indio S. S. Pillai, que estaba de camiño para participar no Congreso Internacional de Matemática na Universidade Harvard.
Despois dunha intensiva investigación, pénsase que a causa probable do accidente foi un fallo no rolamento mestre do eixo do motor número 3 . O fallo causou que as bielas traseiras se quentasen e fallasen rasgando as paredes do cilindro e o cárter. No proceso, as liñas de combustible abríronse, o que causou o lume. A acumulación de lodo nos cegoñais, bloqueando o fluxo de aceite, pénsase que foi a causa.[1]