Voo 855 de Air India
Voo 855 de Air India | |
---|---|
O 747 do accidente
| |
Resumo | |
Data | 1 de xaneiro de 1978 |
Causa | fallo dos instrumentos, desorientación espacial, erro do piloto |
Lugar | Mar Arábigo, preto de Bombai |
Coordenadas | Coordenadas: 18°58′30″N 72°09′33″L / 18.975, 72.1592 |
Orixe | Aeroporto Santa Cruz, Bombai, India |
Destino | Aeroporto Internacional de Dubai, Dubai, Emiratos Árabes Unidos |
Finados | 213 (todos) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 747-237B |
Operador | Air India |
Rexistro | VT-EBD |
Pasaxeiros | 190 |
Tripulación | 23 |
Superviventes | 0 |
O voo 855 de Air India era un voo regular de pasaxeiros entre Bombai e Dubai que se estrelou na tarde do día de ano novo de 1978 a uns 3 km da costa de Bandra, en Bombai. Ese día a ruta estaba operada por un Boeing 747-237B con rexistro VT-EBD. Os 213 pasaxeiros e tripulantes a bordo do avión morreron. Crese que o accidente foi causado porque o capitán desorientouse espacialmente tras o fallo dun dos instrumentos de voo na cabina. Foi o peor accidente aéreo da India ata o choque de Charkhi Dadri en 1996.
Avión e tripulación
[editar | editar a fonte]O avión do accidente era un Boeing 747-237B con rexistro VT-EBD e bautizado Emperor Ashoka. Foi o primeiro 747 entregado a Air India, no mes de abril de 1971.
O capitán do voo era Mandan Lal Kukar, de 51 anos de idade. Comezou a traballar na aeroliña en 1956 e tiña 18 000 horas de voo. O primeiro oficial era Indu Virmani, de 42 anos e antigo comandante da forza aérea que se uniu a Air India en 1976 e acumulaba 4 000 horas de voo. O enxeñeiro de voo era Alfredo Faria, de 53 anos e na compañía dende 1955. Tiña unha experiencia de 11 000 horas, sendo un dos enxeñeiros de voo máis veteranos de Air India no momento do accidente.
Accidente
[editar | editar a fonte]Aproximadamente un minuto despois de engalar pola pista 27 do aeroporto Santa Cruz (no presente chamado aeroporto Chhatrapati Shivaji), o capitán Kukar realizou un xiro programado á dereita ao cruzar a costa de Bombai sobre o Mar Arábigo cara Dubai, despois do cal o avión volveu brevemente a posición nivelada. Segundos máis tarde o aparello comezou a inclinarse lentamente cara a esquerda.
Segundo a investigación, as cintas da gravadora de voces de cabina revelaron que houbo unha gran confusión entre os tres membros da tripulación de voo, que comezou xusto despois do xiro á dereita do avión. O capitán Kukar foi o primeiro en decatarse cando dixo "Que está pasando aquí, o meu instrumento..." explicando que o seu horizonte artificial "derrumbárase", indicando que aínda amosaba ao avión inclinándose cara a dereita. O primeiro oficial Virmani, cuxo horizonte artificial presumiblemente funcional indicaba agora unha inclinación á esquerda (e sen decatarse da preocupación do capitán), dixo: "O meu tamén caíu, semella estar ben". Isto indicou que o seu horizonte tamén caíra, pero crese que o capitán interpretou de xeito equivocado que os dous horizontes principais indicaban unha inclinación cara a dereita, polo que lle dixo a Virmani: "Comproba o teu instrumento". Era despois do solpor e o avión voaba cara a un escuro Mar Arábigo, deixando á tripulación incapaz de verificar visualmente as súas lecturas instrumentais co horizonte real a través das súas fiestras. A percepción errónea do capitán da inclinación do aparello fixo que engadise máis temón esquerdo aos controis. Esta acción só empeorou o problema, facendo que o Boeing 747 virase perigosamente á esquerda cara a unha inclinación de 108 graos e entrase en perda, perdendo altura rapidamente.
O Boeing 747 tiña un terceiro horizonte artificial de apoio no panel de instrumentos central entre os dous pilotos, e a transcrición das conversas da cabina amosan que o enxeñeiro de voo Faria díxolle ao capitán: "Non vaias por ese, non vaias por ese..." ou: "Non, pero vai por este capitán!" Faria estivo intentando dirixir a atención do capitán Kukar cara ao terceiro horizonte artificial, ou quizais cara a outro instrumento chamado indicador de xiro e inclinación. Isto foi cinco segundos antes do impacto. O capitán berroulle ao primeiro oficial: "Só revisa o instrumento!". O primeiro oficial respondeu: Comprobo o que?" O aparello esnafrouse contra o mar co morro inclinado uns 35 graos cara a abaixo. A gravadora de voces de cabina rexistrou brevemente o son do impacto ata que parou abruptamente. Non houbo superviventes entre os 190 pasaxeiros e os 23 tripulantes. Todo o voo durou só 1 minuto e 41 segundos.[1]
Causa probable
[editar | editar a fonte]Os restos recuperados non revelaban ningunha evidencia de estoupido, lume ou fallo eléctrico ou mecánico. Así, a teoría inicial do sabotaxe quedou descartada.
A investigación concluíu que a causa probable foi "debido a entradas de control irracionais por parte do piloto tras un completo descoñecemento da súa actitudae xa que o indicador de actitude non funcionaba ben. A tripulación non conseguiu controlar o avión en función dos outros instrumentos de voo".
O xuíz do Distrito Federal dos Estados Unidos James M. Fitzgerald, nunha decisión de 139páxinas publicada o 1 de novembro de 1985, rexeitou as acusacións de neglixencia contra Boeing Company, Lear Siegler Inc, e a Collins Division de Rockwell International Corporation nun preito relacionado co accidente.[2][3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Aviation Safety Network (ed.). "Accident description". Consultado o 27 de maio de 2018.
- ↑ Editors, History com. "Air India jet crashes just after takeoff". HISTORY (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de outubro de 2018. Consultado o 2018-12-18.
- ↑ "Theory on Air India Crash Backed by a Pilot". The New York Times (en inglés). 1985-04-21. ISSN 0362-4331. Consultado o 2018-12-18.