O voo 5960 de Swiftair (operando como voo 18D de European Air Transport Leipzig)[1] era un voo internacional de carga que se esnafrou a primeira hora da mañá do 25 de novembro de 2024 durante a aproximación final[2] ao aeroporto de Vilniust. O avión, que voaba dende o aeroporto de Leipzig/Halle en Leipzig, Alemaña, ata o de Vilnius en Lituania, chocou contra o chan preto da pista ao carón dunha casa de dous pisos en Liepkalnis. Un membro da tripulación morreu e os outros tres resultaron feridos. Ninguén en terra recibiu feridas de ningún tipo.[3][4][5]
O avión engalou do centro de conexións de DHL no aeroporto de Leipzig ás 02:08 UTC (03:08 local) do 25 de novembro. O accidente ocorreu ás 03:28 UTC (05:28 local) cando o aparello realizaba a aproximación final ao aeroporto de Vilnius. O aparello tocou terra pouco antes da pista, deslizándose e impactando contra unha casa de dous pisos no barrio de Liepkalnis, a uns 1,3 km ao norte do aeroporto e incendiouse afectando o lume á casa. Un dos dous pilotos, un cidadán hispano-francés, morreu no impacto, mentres que os outros tres tripulantes resultaron feridos.[5] Posteriormente foron identificados como cidadáns de España, Alemaña e Lituania.[7] O tripulante español resultou ferido de gravidade, mentres que os outros dous tiñan feridas menos graves.[8] O persoal de emerxencias atribuíu a súa supervivencia a que a cabina da aeronave quedou separada tras o impacto da fuselaxe, que se incendiou.[9] O piloto foi trasladado a España para ser atendido.[10]
Os 13 ocupantes da casa foron evacuados con seguridade.[11] Pecháronse varias estradas en Liepkalnis, mentres que as autoridades instaron á xente a non viaxar á zona.[9][2] Varios edificios e un coche tamén foron golpeados polo avión.[7]