Voo 541 de Air Philippines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 541 de Air Philippines
Boeing 737 semellante ao do accidente.
Resumo
Data  19 de abril de 2000
Causa  erro do piloto
Lugar  Sámal, Davao do Norte
Coordenadas  Coordenadas: 7°09′24″N 125°42′03″L / 7.15666667, 125.70083333
Finados  131 (todos)
Aeronave
Tipo de aeronave Boeing 737-2H4
Operador  Air Philippines
Rexistro  RP-C3010
Pasaxeiros  124
Tripulación  7
Superviventes  0

O voo 541 de Air Philippines era un voo regular doméstico operado por Air Philippines dende o Aeroporto Internacional Ninoy Aquino en Manila ata o Aeroporto Internacional Francisco Bangoy en Davao City, Filipinas. O 19 de abril de 2000 o Boeing 737-2H4 que operaba o voo esnafrouse en Sámal, Davao do Norte, mentres se aproximaba ao aeroporto, matando os 124 pasaxeiros e 7 tripulantes a bordo do aparello. É o peor accidente aéreo ocorrido en Filipinas e o segundo peor dun Boeing 737-200, tras o voo 091 de Mandala Airlines que se estrelou cinco anos despois.[1]

Accidente[editar | editar a fonte]

O avión, un Boeing 737-2H4 con rexistro RP-C3010, anteriormente pertenceu a Southwest Airlines e foi entregado en febreiro de 1978. Air Philippines mercouno 20 anos despois.

O 19 de abril de 2000, o voo 541 de Air Philippines, con 131 pasaxeiros e tripulantes, deixou Manila ao redor das 5:30 a.m., voando cara Davao City, no sueste de Mindanao, a unhas 600 millas de Manila.

Durante a súa aproximación ao aeroporto ao redor das 7:00 a.m., un DC-9 de Cebu Pacific estaba na pista preparándose para saír cara Cebú. Pouco despois o voo 541 comezou un circuíto de espera voando a través de nubes baixas, mentres agardaba a que avión na pista engalase. Mentres realizaba o circuíto o aparello golpeou contra un cocoteiro a 500 pés sobre o nivel do mar e esnafrouse a poucas millas ao oeste do aeroporto.[2] O avión incendiouse e desintegrouse sen que houbese superviventes.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Habitantes da illa dixeron que o avión estaba voando a baixa altura e golpeou un cocoteiro, que arrincou parte da súa á. Dixeron que intentou subir cos motores a plena potencia, pero non foi capaz e esnafrouse. O avión desintegrouse e incendiouse cando caeu nun bosque de cocoteiros. Traballadores do aeroporto dixeron que había brétema no momento do accidente.[3]

O aeroporto internacional de Davao non tiña un equipamento completo para aterraxes instrumentais, e as ateraxes visuais suspendéranse temporalmente antes do accidente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. CNN (ed.). "Air Philippines crash kills all 131 on board". Archived from the original on 13 de novembro de 2007. Consultado o 17 de xaneiro de 2017. 
  2. Aviation Safety Network (ed.). "Accident description". Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2011. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  3. "Flight 541airplane crash aftermath". Consultado o 2019-1-7.