Voo 4050 de Ukraine Air Alliance
Voo 4050 de Ukraine Air Alliance | |
---|---|
![]() O avión accidentado en 2015
| |
Resumo | |
Data | 4 de outubro de 2019 |
Causa | erro do piloto debido a fatiga |
Lugar | a 1,5 km da pista de Lviv |
Coordenadas | |
Orixe | aeroporto de Vigo |
Primeira escala | aeroporto de Lviv |
Destino | aeroporto de Istambul |
Finados | 5 |
Feridos | 3 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Antonov An-12BK |
Operador | Ukraine Air Alliance |
Rexistro | UR-CAH |
Pasaxeiros | 1 |
Tripulación | 7 |
Superviventes | 3 |
O voo 4050 de Ukraine Air Alliance era un servizo de carga entre o aeroporto de Vigo e aeroporto de Istambul, cunha escala no aeroporto de Lviv, en Ucraína. O día 4 de outubro de 2019 o Antonov An-12 que operaba o voo esnafrouse mentres realizaba unha aterraxe de emerxencia en Lviv, matando 5 dos seus 8 ocupantes.[1]
Avión
[editar | editar a fonte]O aparello accidentado era un Antonov An-12 de carga, equipado con catro motores turbohélice. O seu rexistro era UR-CAH e fora construído no ano 1968, co número de serie 8345064.[1]
Accidente
[editar | editar a fonte]O aparello engalou do aeroporto de Vigo cara a Istambul con oito persoas a bordo, sete tripulantes e un pasaxeiro, que era escolta de carga. O voo 4050 era un servizo de carga que transportaba pezas de automoción dunha empresa do Porriño para a fábrica de Renault en Istambul.[2][3] O avión tiña programada unha escala no aeroporto de Lviv para repostar combustible antes de continuar cara ao seu destino final.
O avión estaba en aproximación á pista 31 no medio dunhas condicións meteorolóxicas adversas. Aínda que non había moito vento, a visibilidade vertical era de tan só 60 metros, mentres que a visibilidade preto do chan era de 250 metros e o alcance visual na pista (RVR) era de 800 metros.
A tripulación declarou unha emerxencia e comezou a realizar unha aterraxe de emerxencia, pero non conseguiu chegar á pista. O aparello impactou contra o chan ás 7:30 a.m. a un quilómetro e medio do inicio da pista 31, preto da vila de Sokilnyky. A sección da cabina separouse e despois a carga desprazouse, esmagando e matando cinco ocupantes.[4]
Investigación
[editar | editar a fonte]A Oficina Nacional de Investigación de Accidentes Aéreos de Ucraína (NBAAI) abriu oficiamente unha investigación do accidente o 9 de outubro, catro días despois do sinistro. Os traballos da comisión no lugar do accidente tiveron lugar entre o 5 e o 7 de outubro. Neses días recuperáronse en boas condicións as dúas caixas negras, conseguindo sacarse os datos delas. Tammén se recompilou outra informacións, como as comunicacións do control de tráfico aéreo, datos de radar, información meteorolóxica, resposta dos servizos de emerxencia e datos das axudas de navegación baseadas en terra.[4]
O informe final foi publicado pola NBAAI o 8 de outubro de 2021, concluíndo que "a causa probable do accidente, a colisión dunha aeronave en servizo contra o chan durante a aproximación de aterraxe nunha densa néboa, foi o fallo da tripulación para realizar o voo nas condicións instrumentais debido á probable fatiga física excesiva, que provocou un descenso inconsciente da aeronave por debaixo da senda de planeo e o impacto no chan".[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Ranter, Harro. "Accident Antonov An-12BK UR-CAH, Friday 4 October 2019". asn.flightsafety.org. Consultado o 2025-02-25.
- ↑ "La compañía del avión siniestrado que partió de Vigo descarta la falta de combustible". Faro de Vigo (en castelán). 2019-10-07. Consultado o 2025-02-25.
- ↑ "El avión siniestrado en Ucrania llevaba piezas de automoción de una empresa de O Porriño (Pontevedra) a Turquía". GaliciaPress (en castelán). Consultado o 2025-02-25.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Accident: UAA AN12 at Lviv on Oct 4th 2019, unconscious descent below the glide path and ground impact". The Aviation Herald. Consultado o 2025-02-25.