O voo 255 de Northwest Airlines foi un McDonnell Douglas MD-82 que se esnafrou pouco despois de engalar do aeroporto de Detroit o día 16 de agosto de 1987, ao redor das 8:46 p.m. EDT, matando os 6 tripulantes e a 148 dos seus 149 pasaxeiros, xunto con dúas persoas en terra. O único supervivente foi unha nena de 4 anos, Cecelia Cichan, que sufriu feridas graves.
O avión involucrado no accidente era un bimotor McDonnell Douglas MD-82, con rexistro N312RC, un derivado do McDonnell Douglas DC-9 e parte da serie McDonnell Douglas MD-80.[1] O aparello fora fabricado en 1981 e entrou en servizo con Republic Airlines, e adquirido por Northwest Airlines tras a súa fusión con Republic en 1986.[1] No momento do accidente, o avión en cuestión tiña unha librea híbrida de Northwest Airlines e Republic Airlines, coas liñas azuis de Republic, as letras vermellas de Northwest e unha cola branca.[2]
O capitán do voo 255 era John R. Maus, de 57 anos. Maus era un piloto experimentado que levaba na aeroliña 31 anos.[1] Outros pilotos que voaran con Maus describírano como un "piloto competente e capaz" que tiña unha reputación de operar "segundo as regras".[1]
O primeiro oficial era David J. Dodds, de 35 anos. Dodds tiña 8044 horas de voo, e levaba máis de 8 anos na compañía.[1] A maioría dos capitáns da aeroliña cos que voara Dodds durante o seu período de proba cualificárono dentro ou por riba da media.[1] Outros pilotos que voaran con Dodds describiron o seu rendemento en termos favorables.[1]
Ao redor das 20:32 EDT, o voo 255 deixou a porta de embarque en Detroit con 149 pasaxeiros e 6 tripulantes.[1] O paquete de despacho proporcionado pola aeroliña incluía datos de rendemento de engalaxe baseados no uso das pistas 21L ou 21R.[1] Porén, o voo foi autorizado a engalar pola pista 3C de Detroit, a pista dispoñible máis curta.[1]
O voo 255 engalou da pista 3C de Detroit ao redor das 20:44, con Maus aos controis.[1] O avión levantouse da pista a 170 nós (315km/h), e comezou a moverse dun lado a outro[1] por debaixo dos 15 m sobre o chan. A taxa de subida do MD-82 reduciuse considerablemente como resultado de que os flaps non estaban estendidos,[1] e a uns 840 m despois do fin da pista 3C a á esquerda do aparello golpeou o pau da luz dun aparcadoiro de coches de alugueiro do aeroporto.[1] O impacto causou que a á esquerda comezase a desintegrarse e incendiouse.[1] O avión virou 90º cara a esquerda, chocando contra o tellado dun establecemento de alugueiro de coches Avis. O avión. agora incontrolado, esnafrouse invertido na Middlebelt Road golpeando vehículos xusto ao norte da súa intersección coa Wick Road, matando a dúas persoas nun coches. Posteriormente rompeuse, esvarando a fuselaxe pola estrada desintegrándose e estoupando cando golpeou un paso elevado do ferrocarril e o paso superior da interestatal 94.[3]