Voo 11 de Continental Airlines
Voo 11 de Continental Airlines | |
---|---|
Boeing 707 de Continental Airlines
semellante ao do accidente | |
Resumo | |
Data | 22 de maio de 1962 |
Causa | bomba |
Lugar | Union Township, condado de Putnam |
Coordenadas | Coordenadas: 40°32′49″N 93°03′28″O / 40.54706389, -93.05784722 |
Orixe | aeroporto O'Hare |
Destino | aeroporto Charles B. Wheeler |
Finados | 45 (todos) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 707-124 |
Operador | Continental Airlines |
Rexistro | N70775 |
Pasaxeiros | 37 |
Tripulación | 8 |
Superviventes | 0 |
O voo 11 de Continental Airlines foi un accidente dun Boeing 707 que estoupou nas proximidades de Centerville, Iowa, mentres se atopaba en ruta dende o aeroporto O'Hare de Chicago ata Kansas City o día 22 de maio de 1962. O avión esnafrouse nun campo de trebos preto de Unionville, no condado de Putnam, en Missouri, matando os 45 tripulantes e pasaxeiros a bordo. A investigación determinou que a causa do accidente foi un atentado suicida cometido como unha fraude de seguros. O mesmo aparello fora secuestrado no ano anterior operando o voo 54 cara a Cuba.
Avión
[editar | editar a fonte]O aparello, como o voo 54 de Continental Airlines, fora secuestrado o 3 de agosto de 1961 nos Ánxeles por dous homes, Leon e Cody Bearden, que demandaron voar a Cuba.[1] O secuestro foi frustrado cando a policía disparou aos pneumáticos do avión.[2]
Accidente
[editar | editar a fonte]Thomas G. Doty chegou á porta de embarque despois de que as portas pechasen. Aínda que a política da aeroliña era que unha vez as portas estivesen pechadas non se reabrirían, a Doty permitíuselle embarcar.[3]
O voo 11 saíu de O'Hare ás 8:35 p.m. e realizouse sen problemas ata xusto antes do río Mississippi, cando se desviou do seu plan de voo cara ao norte para evitar unha liña de tormentas.[4] Nas proximidades de Centerville, Iowa, a imaxe de radar do avión desapareceu do alcance do Servizo de Seguimento de Voo de Waverly, Iowa. Ao redor das 9:17 p.m. houbo un estoupido no baño dereito da parte de atrás do avión facendo que a cola se separase da fuselaxe.[5] A tripulación iniciou os procedementos para un descenso de emerxencia coas máscaras de fume debido á densa neboa que se formou na cabina xusto despois da descompresión. Na separación da cola o resto da estrutura do avión inclinouse cara a abaixo de forma violenta, causando que os motores se desprendesen, tras o cal o aparello comezou a xirar de forma descontrolada. A fuselaxe do Boeing 707, sen a cola e con parte da á esquerda e a meirande parte da á dereita intactas, esnafrouse contra o chan e caeu por unha pendente de 10 graos nun campo de alfalfa.
Testemuñas tanto en Cincinnati, Iowa como en Unionville informaron que escoitaron ruídos fortes e estraños ao redor das 9:20 p.m., e dous deles viron un gran lampo ou bóla de lume no ceo. Un bombardeiro B-47 Stratojet que voaba dende a Base Aérea de Forbes en Topeka, Kansas, atopábase a unha altura de 26 500 nas proximidades de Kirksville, Missouri. O comandante do aparello viu un lampo brillante no ceo diante e enriba da posición do seu avión. Despois de consultar os seus rexistros de navegación estimouse que o lampo ocorreu ás 9:22 p.m. preto do lugar onde o radar perdeu o rastro do voo 11. A meirande parte da fuselaxe atopouse preto de Unionville, pero os motores e partes da sección de cola e da á esquerda apareceron ata a seis millas de distancia do resto do avión.
Das 45 persoas a bordo 44 estaban mortas cando chegaron os servizos de emerxencia. Un pasaxeiro de 27 anos, Takehiko Nakano de Evanston, Illinois, estaba vivo cando os rescatadores o atoparon, pero morreu unha hora despois no hospital debido ás lesións internas que tiña.[6]
Investigación
[editar | editar a fonte]Axentes do FBI descubriron que Doty, un home casado cunha filla de cinco anos, mercara un seguro de vida da compañía Mutual of Omaha por valor de 150 000 dólares, o máximo dispoñible; a súa morte deixaría outros 150 000 dólares doutros seguros (algúns mercados no aeroporto) e outros beneficios. Doty fora arrestado pouco antes por roubo a man armada, e tiña que enfrontarse en pouco tempo a unha audiencia preliminar sobre o asunto. Os investigadores determinaron que Doty mercara seis cartuchos de dinamita por 29 centavos cada un pouco antes do accidente, e foron capaces de deducir que se colocara unha bomba na papeleira do baño dereito da parte traseira do avión. Doty entrou no baño co seu maletín e inmolouse, matando todas as persoas a bordo do avión. O motivo era que a súa dona e a súa filla puidesen cobrar os 300 000 dólares dos seguros de vida. A súa viúva intentou cobrar os cartos, pero, cando a morte de Doty foi declarada un suicidio, a póliza foi anulada e a muller só cobrou un reembolso de tres dólares.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Boeing 707-124 N70775 El Paso International Airport, TX (ELP)". 143.95.41.247. Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2019. Consultado o 2019-01-09.
- ↑ "Fifty years ago this week, Continental Flight 11 fell out of the sky over Unionville". Kansas City Pitch (en inglés). Consultado o 2019-01-09.
- ↑ KCCI (ed.). "Memorial honors Continental Flight 11". Consultado o 20 de maio de 2018.
- ↑ The New York Times (ed.). "Jet Carrying 45 Crashes in Iowa on Way to Coast". Consultado o 24 de maio de 2018.
- ↑ The New York Times (ed.). "Wreck indicates jet ripped apart; C.A.B. Studies Evidence of Sudden Decompression". Consultado o 24 de maio de 2018.
- ↑ Chicago Tribune (ed.). "Jet Broke Up at 39,000 ft., Experts Say". Consultado o 24 de maio de 2018.