Vitiaz (batiscafo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Vitiaz (en ruso Витязь) é un batiscafo ruso que alcanzou, o 8 de maio de 2020, o punto máis profundo do planeta Terra na foxa das Marianas, onde colocou unha bandeirola coa ocasión de celebrar o 75º aniversario da vitoria sobre a Alemaña nazi na segunda guerra mundial. Nese día estableceu un novo récord mundial para un aparato submarino autónomo e non tripulado ao pousar a 10 028 m de profundidade.[1][2]

O batiscafo tomou o nome do buque soviético de investigación oceanográfca, Vitiaz, que determinara, en 1957, o lugar máis profundo desta fosa: 11 022 m.[2]

A inmersión partiu desde o remolcador ruso Fortiy Krylov[3] e prolongouse nun espazo de máis tres horas —sen contar o mergullo e volta á superficie—, tempo durante o que o aparato gravou imaxes do fondo mariño e realizou tamén unha análise cartográfica desa zona do océano Pacífico, segundo informou a Fundación de Investigacións Avanzadas rusa. A comunicación entre o batiscafo e a superficie efectuose en tempo real, a través de canles hidroacústicos. Esta Fundación destacou nun comunicado que, a diferenza duotros aparatos submarinos que alcanzaron o fondo dos mares —o xaponés Kaiko e o estadounidense Nereus—, o Vitiaz funciona de maneira totalmente autónoma.[4]

Grazas ao emprego de elementos de intelixencia artificial no sistema de mando do aparato, este pode eludir de maneira autónoma obstáculos no seu camiño, e encontrar unha vía de saída en espazos reducidos", explicou a Fundación. Pola súa parte, o viceprimeiro ministro ruso, Iuri Borisov, destacou que a inmersión do Vitiaz é un "gran logro", tanto da ciencia como da industria da defensa nacional.[2]

Notas[editar | editar a fonte]