Vitelo (ovo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
A xema (vitelo) dun ovo de galiña

O vitelo,[1] deuteroplasma ou plasma xerminativo é a parte do protoplasma do cigoto que contén substancias nutritivas,[2] tales como lípidos, glícidos, proteínas, vitaminas, e minerais.

O vitelo provén na súa maioría do óvulo, e serve para a nutrición do embrión, polo menos nas súas fases iniciais.

As proteínas funcionan en parte como alimento por si mesmas e, en parte, para a regulación do almacenamento e subministración dos outros nutrientes. Por exemplo, nalgunhas especies a cantidade de xema nun ovo afecta aos procesos de desenvolvemento que seguen á fecundación.

O vitelo non é un material de células vivas, como o citoplasma, senón un material en gran parte pasivo, é dicir, un deuteroplasma (elementos inactivos do protoplasma, principalmente o material nutritivo que contén o saco vitelino),[3] de aí o sinónimo deuteroplasma. O material alimentario e as estruturas de control asociadas fornécense durante a ooxénese. Parte do material almacénase máis ou menos na forma en que o corpo materno o subministrou, en parte como procesado por tecidos non xerminais no ovo, mentres que parte do procesamento biosintético na súa forma final acontece no propio ovocito.[4]

Diferenzas entre as especies[editar | editar a fonte]

Algúns tipos de ovos non conteñen vitelo, por exemplo, porque se producen en situacións nas que a subministración de alimentos é suficiente (como no corpo do hospedador dun parasito) ou porque o embrión se desenvolve no corpo da nai, que subministra o alimento, normalmente a través da placenta. Dise que os sistemas reprodutivos nos que o corpo da nai subministra directamente o alimento ao embrión son matrotróficos, e que aqueles nos que o embrión é subministrado polo vitelo son lecitotróficos. En moitas especies, como todas as aves, e na maioría dos réptiles e insectos, o vitelo adopta a forma dun órgano especial de almacenamento construído no tracto reprodutivo da nai. En moitos outros animais, especialmente especies moi pequenas, como algúns peixes e invertebrados, o material do vitelo non se encontraa nun órgano especial, senón no interior do ovo.

A cantidade de vitelo está relacionada coa historia evolutiva das especies. Así, os pequenos animais que producen grandes cantidades de ovos para aseguraren a súa supervivencia presentan ovos oligolecitos ou mesolecitos, polo que o embrión debe desenvolverse rapidamente antes de esgotar as súas reservas nutritivas. As aves e os réptiles necesitan ovos polilecitos para aseguraren a nutrición de embrións complexos que se desenvolven fóra da nai. Os mamíferos producen ovos pequenos desprovistos case de vitelo, debido ao desenvolvemento da placentación, a pesar da súa orixe evolutiva a partir de especies de ovos polilecitos. Porén, durante a gastrulación dos mamíferos séguese un esquema moi similar ao dos ovos polilecitos a pesar de ser máis complexo.

Clasificación dos ovos segundo o vitelo[editar | editar a fonte]

Pola cantidade de vitelo[editar | editar a fonte]

  • Oligolecitos ou microlecitos: pouca cantidade.
  • Mesolecitos ou heterolecitos: cantidade media.
  • Polilecitos ou megalecitos: gran cantidade.

Pola distribución do vitelo[editar | editar a fonte]

  • Isolecito: uniformemente distribuído.
  • Telolecito: concentrado nun polo (polo vexetal), mentres que no outro extremo se encontra o polo animal, que constitúe o disco embrionario.
  • Centrolecito: concentrado no centro.

Vitelo nas aves[editar | editar a fonte]

Nas aves o vitelo está formado por dous compoñentes:

  • O vitelo amarelo, que é o maior dos dous compoñentes.
  • O vitelo branco, que forma unha parte central bulbosa (látebra) prolongándose nun colo que se expande baixo o disco embrionario, formando o chamado núcleo de Pander.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. vitelo, 2ª acep. no Dicionario da RAG.
  2. Garrido, Carlos (1977): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Corunha: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-87305-12-1, p. 336.
  3. MOSBY (2010): Diccionario Mosby Pocket de Medicina, Enfermería y Ciencias de la Salud. 6ª ed. Ámsterdam, Países Baixos: Elsevier Mosby. ISBN 978-84-8086-682-8.
  4. Barnes, R. S. K., et al. 2001, p. 347..

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]