Virxe da Rocha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°07′07″N 08°51′40″O / 42.11861, -8.86111

Virxe da Rocha.

A Virxe da Rocha é un monumento do concello pontevedrés de Baiona, situada na aba do monte de San Roque, a 100 m sobre o nivel do mar.

A Virxe da Rocha en Baiona[editar | editar a fonte]

A idea da súa construción foi do enxeñeiro Laureano Salgado Rodríguez. A primeira pedra colocouse o 18 de setembro de 1910, colocándose sobre ela unha pequena caixa de cinc con dúas moedas de ouro, dúas de prata e dúas de bronce, ademais dunha copia da acta de tal acontecemento. A súa execución foi lenta debido ás dificultades económicas, sendo inaugurada o 14 de setembro de 1930.

Mide 15 m de altura. A talla en pedra foi realizada por Antonio Palacios, e a cara e as mans, que son de mármore branco, foron feitas polo valenciano Mariano Benlliure. A coroa está rodeada dun nimbo de azulexos e pedra que descansa sobre os ombreiros. O interior do monumento é oco e ten unha escaleira de caracol que permite subir ó barco que a Virxe sostén na man dereita. Con capacidade para cinco persoas, serve de miradoiro cara ao océano Atlántico.

A carón do monumento levantouse máis tarde o parque recreativo "Mercedes de la Escalera" de gran superficie, dotado de Via Crucis, restaurado en 2014, bancos e mesas de pedra, no que se celebra o último domingo de agosto a popular romaría dedicada á Virxe.

A Virxe da Rocha en Tui[editar | editar a fonte]

O último domingo do mes de agosto celébrase en Caldelas de Tui, a festa na honra á Virxe da Rocha. As festas celébranse, normalmente, desde o sábado ata o martes, sendo o luns o seu día grande.

Desde hai uns anos, como anticipo ás festas, celébrase o Rocha Rock, un festival de rock no que actúan grupos dos arredores.

O luns, o seu día grande, miles de persoas achéganse ata a festa, para cear a típica empanada na ribeira do río Miño.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]