Virus neurotrópico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
"Neurotrópico" redirixe aquí. Non confundir con Neurotrófico

Un virus neurotrópico é un virus que ten a capacidade de infectar as células do tecido nervioso. Neurotrópico significa en xeral, que ten afinidade selectiva polo tecido nervioso.[1][2]

Terminoloxía[editar | editar a fonte]

Un virus neurotrópico dise que é neuroinvasivo se pode acceder ou entrar no sistema nervioso, e que é neurovirulento se pode causar doenzas no sistema nervioso.[3] Ambos os termos aplícanse a infeccións do sistema nervioso central, aínda que algúns virus neurotrópicos son moi neuroinvasivos para o sistema nervioso periférico (por exemplo o virus herpes simplex). Virus neuroinvasivos importantes son o poliovirus, que é moi neurovirulento pero debilmente neuroinvasivo, e o virus da rabia, que é moi neurovirulento pero require un trauma nos tecidos (a miúdo resultado da trabada dun animal) para ser neuroinvasivo. Usando estas definicións, o virus herpes simplex é moi neuroinvasivo para o sistema nervioso periférico e raramente neuroinvasivo para o sistema nervioso central normalmente, pero tamén pode causar encefalite herpesviral e, por tanto, é considerado altamente neurovirulento. Moitos virus neurotrópicos transportados por artrópodos[4], como o virus do Nilo Occidental, que se estende ao cerebro principalmente por vía sanguínea ao cruzar a barreira hematoencefálica no que se chama diseminación hematóxena.

Exemplos[editar | editar a fonte]

Entre os virus neurotrópicos que causan infeccións están o da encefalite xaponesa, o virus da encefalite equina venezolana, o virus da encefalite de California, poliovirus, virus Coxsackie A, Echovirus, virus das papeiras, sarampelo, influenza e rabia, e os virus da familia Herpesviridae como o virus herpes simplex, virus da varicela-zóster, virus de Epstein-Barr, citomegalovirus, e HHV-6.[5]

Os que causan infeccións latentes inclúen o herpes simplex e o da varicela-zóster. Entre os que causan infeccións lentas están o virus do sarampelo, o da rubéola e o virus JC, e os retrovirus como o virus T-linfotrópico humano 1 e o virus da inmunodeficiencia humana.[5]

Uso en investigación[editar | editar a fonte]

Os virus neurotrópicos están usándose cada vez máis en experimentación ao seren utilizados como ferramentas de investigación, e polo seu uso potential no tratamento. En particular, están usándose para mellorar a comprensión dos circuítos do sistema nervioso.[6][7]

Outras infeccións neurotrópicas[editar | editar a fonte]

Varias doenzas, como a encefalopatía esponxiforme transmisible, o Kuru, e a enfermidade de Creutzfeldt-Jakob lembran as infeccións de virus neurotrópicos lentos, pero en realidade son causadas por proteínas infecciosas chamadas prións.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Merriam-Webster - Medical definition Neurotropic
  2. Medical dictionary Neurotropic
  3. Merriam-Webster - Medical definition Neurovirulence
  4. Centers for Disease Control and Prevention Arboviral diseases neuroinvasive and non-neuroinvasive. Case definition/2011
  5. 5,0 5,1 5,2 Hotta H. (Apr 1997). "[Neurotropic viruses--classification, structure and characteristics].". Nihon Rinsho 55 (4): 777–82. PMID 9103870. 
  6. Advances in Virus Research, Volume 55, Karl Maramorosch
  7. Neurovirological methods and their applications, P G E Kennedy