Viljandi
| Localización | |||||
|---|---|---|---|---|---|
| |||||
| País | Estonia | ||||
| Condados | Condado de Viljandi | ||||
| Concello urbano | cidade de Viljandi | ||||
| Capital de | |||||
| Poboación | |||||
| Poboación | 17.255 (2024) | ||||
| Xeografía | |||||
| Superficie | 14,67 km² | ||||
| Creación | 1263 | ||||
| Organización política | |||||
| • Xefe do goberno | Madis Timpson (2017–) | ||||
| Membro de | Rede de cidades creativas (2019–) | ||||
| Identificador descritivo | |||||
| Código postal | 71020 | ||||
| Fuso horario | |||||
| Outro | |||||
| Irmandado con | |||||
| Sitio web | viljandi.ee | ||||
Viljandi (en alemán: Fellin, en letón: Vīlande, en polaco: Felin e en sueco: Fellin) é unha cidade e concello do sur de Estonia cunha poboación de 17 255 habitantes en 2024.[1] É a capital do condado de Viljandi e sitúase xeograficamente entre dúas grandes cidades de Estonia, Pärnu e Tartu. A cidade mencionouse por primeira vez en 1283, tras serlle concedida a súa carta de cidade por Wilhelm von Endorpe. A cidade converteuse nun membro da Liga Hanseática a principios do século XIV, e era unha das cinco cidades estonianas da liga.
Historia
[editar | editar a fonte]Os primeiros rexistros de civilización nos arredores de Viljandi remóntanse ao V milenio a.C. O primeiro rexistro escrito da fortaleza de Viljandi foi no ano 1154 nos comentarios ao atlas mundial de Muhammad al-Idrisí.
No século XII xurdiu un asentamento permanente arredor do bastión de Viljandi, que tamén se converteu no centro económico do antigo distrito de Sakala.
En 1211, o castro dos estonianos en Viljandi foi asediado por un exército conxunto de alemáns, letóns e livonios. Os Irmáns Livonios da Espada (máis tarde a Orde Livonia) capturaron o castro en agosto de 1223 a un continxente de rutenos, que uniron forzas cos estonianos insurxentes. No lugar da fortaleza de madeira de Sakala, comezouse un poderoso Centro da Orde en 1224. Ao ano seguinte, o Gran Mestre Volquin dirixiu a construción do castelo de Viljandi no lugar do antigo castro. O castelo de Viljandi (Fellin) foi un dos máis grandes da rexión báltica. Foi unha importante fortificación da Orde Livonia e asignóuselle un comandante a partir de 1248. A fortaleza foi reconstruída e modernizada continuamente durante os seguintes douscentos anos.
No século XIII, xurdiu unha cidade medieval no lado norte da fortaleza. As ordenanzas, as terras e a poboación da cidade de Hamburgo-Riga rexístranse por primeira vez en 1283. Durante a primeira metade do século XIV, Viljandi uniuse á influente Liga Hanseática: a cidade convertérase nunha parada importante para os comerciantes que ían e volvían de Rusia. En 1365, o consello da cidade participou na sinatura de paz entre Dinamarca e a Hansa.
En 1470, Johann Wolthus von Herse, entón mestre da orde, estableceu a súa residencia no castelo. Durante a Idade Media, Viljandi era unha pequena cidade comercial típica, que obtiña os seus principais ingresos do comercio. O comercio e a artesanía locais xogaron un papel igualmente importante. En 1481, Iván III de Rusia asediou o castelo, pero non puido tomalo. O declive de Viljandi comezou durante a Guerra Livonia e, en 1560, as forzas do Knyaz Andrey Kurbsky do Gran Ducado de Moscova conseguiron tomar e demoler a cidade e o castelo.
Durante a guerra polaco-rusa do primeiro cuarto do século XVII, a cidade e a fortaleza foron destruídas. Baixo o dominio sueco no século XVII, as ordenanzas municipais de Viljandi foron anuladas.
Despois da Gran Guerra do Norte, os rusos tomaron o poder e Viljandi ficou sen estatutos ata o ano 1783, cando no curso das reformas da rexencia de Catarina II de Rusia, Viljandi converteuse nunha cidade de distrito. Isto implicou o restablecemento das ordenanzas municipais. A importancia económica e política de Viljandi comezou a aumentar. Mentres tanto, a poboación, despois de diminuír ao mínimo, comezou a crecer de novo; a artesanía, o comercio e a vida cultural foron revitalizadas.
Clima
[editar | editar a fonte]| Datos climáticos para Viljandi (normais 1991–2020, extremas 1824–presente) | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Anual |
| Temperatura máxima en °C | 9,6 | 10,5 | 17,4 | 27,3 | 31,1 | 33,6 | 34,2 | 34,5 | 29,0 | 21,5 | 13,7 | 11,4 | 34,5 |
| Media máxima en °C | −1,7 | −1,5 | 3,2 | 10,9 | 17,2 | 20,8 | 23,3 | 21,8 | 16,4 | 9,2 | 3,3 | 0,1 | 10,2 |
| Media diaria en °C | −4,0 | −4,4 | −0,7 | 5,6 | 11,4 | 15,3 | 17,9 | 16,5 | 11,7 | 5,9 | 1,2 | −2,0 | 6,2 |
| Media mínima en °C | −6,4 | −7,3 | −4,2 | 0,9 | 5,6 | 10,1 | 12,9 | 11,9 | 7,9 | 3,1 | −0,8 | −4,1 | 2,5 |
| Temperatura mínima en °C | −35,2 | −35,7 | −29,1 | −18 | −5 | −0,9 | 3,6 | 1,5 | −4,4 | −13 | −21,9 | −34,7 | −35,7 |
| Precipitación media mm | 60 | 47 | 40 | 39 | 47 | 84 | 76 | 89 | 61 | 79 | 63 | 62 | 747 |
| Media de días con precipitacións (≥ 1.0 mm) | 13,3 | 10,4 | 9,2 | 8,1 | 8,2 | 10,6 | 10,0 | 11,4 | 10,2 | 12,6 | 11,9 | 13,8 | 129,7 |
| Humidade relativa media (%) | 90 | 87 | 79 | 69 | 66 | 71 | 75 | 79 | 83 | 88 | 91 | 91 | 81 |
| Fonte: Estonian Weather Service[2][3][4][5][6][7] | |||||||||||||
Galería
[editar | editar a fonte]- Vista panorámica da cidade.
- Igrexa de San Paulo (Pauluse kirik).
- Festival de Música Folk de Viljandi que se celebra anualmente dentro das ruínas do castelo.
- Área de conservación do patrimonio da cidade de Viljandi.
- Edificio principal da Academia de Cultura da Universidade de Tartu.
- Edificio principal do pazo Viljandi.
- Grande Hotel Viljandi.
- Edificio principal do Viljandi Gümnaasium.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Statistikaamet". Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2019. Consultado o 10 de outubro de 2019.
- ↑ "Climate normals-Temperature". Estonian Weather Service. Consultado o 2 de febreiro de 2021.
- ↑ "Climate normals-Precipitation". Estonian Weather Service. Consultado o 2 de febreiro de 2021.
- ↑ "Climate normals-Humidity". Estonian Weather Service. Consultado o 2 de febreiro de 2021.
- ↑ "Rekordid" (en estoniano). Estonian Weather Service. Consultado o 7 de abril de 2021.
- ↑ "Kliimanormid-Sademed, õhuniiskus" (en estoniano). Estonian Weather Service. Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2012. Consultado o 1 de febreiro de 2021.
- ↑ "World Meteorological Organization Climate Normals for 1991-2020" (en inglés). National Oceanic and Atmospheric Administration. Consultado o 21 de decembro de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Viljandi |
| A Galipedia ten un portal sobre: Estonia |

