Viladequinta, Carballeda de Valdeorras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°23′13.4″N 6°52′58.7″O / 42.387056, -6.882972

Viladequinta
ConcelloCarballeda de Valdeorras
Poboación104 hab. (2014)
Entidades de poboación1

San Pedro de Viladequinta é unha parroquia situada no oeste do concello de Carballeda de Valdeorras. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 117 habitantes (59 mulleres e 58 homes), distribuídos nunha entidade de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 123 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 104 habitantes, sendo 52 homes e 52 mulleres.A maioría da súa poboación é xente maior de 50 anos e case toda ela tivo a súa principal fonte de ingresos no traballo na industria da lousa.

Localización[editar | editar a fonte]

Está comunicada coa estrada OU-122, que une as aldeas da serra do Eixe (Viladequinta, Casaio e A Portela do Trigal con Sobradelo (situado a 4 km) e co Barco de Valdeorras (a 12 km). Esta estrada tamén permite un bo acceso á Pena Trevinca, a uns 25 km. Preto da parroquia está o Teixadal, lugar de gran valor ecolóxico, onde Félix Rogríguez de la Fuente filmou un documental sobre os esquíos.

Desenvolvemento económico[editar | editar a fonte]

A parroquia, ó igual que o resto da zona, ten a súa principal fonte de ingresos nas numerosas canteiras de lousa da serra do Eixe, moitas delas ó aire libre e visibles desde a estrada. En Viladequinta a gandería é case nula, e a agricultura é só para o autoconsumo.

O fenómeno da emigración que tanto afectou a Galiza no pasado século tamén afectou á parroquia. A mediados do século XX marchou xente a países como Alemaña e Arxentina, xeralmente cun contrato de traballo xa asinado. Moitos dos emigrados retornaron co tempo.

Durante a segunda Guerra Mundial estivo aberta unha mina de volframio.

Historia e patrimonio[editar | editar a fonte]

Hai dous barrios distinguibles, divididos pola estrada principal: o Barrio de Abaixo e o Barrio de Arriba. Existe unha fonte usada como lavadoiro e como subministración de auga potable. A zona de recreo é o chamado Toural, onde se celebran as festas e onde os nenos xogan. O lugar onde os veciños se xuntan para falar e xogar ás cartas é o bar Muralla, o único aberto na actualidade.

A igrexa parroquial está a uns 300 m do núcleo urbano. O pequeno templo posúe unha capacidade dunhas 70 persoas, e está rodeado polo camposanto.

Os últimos 20 anos foron moi dinámicos no seo da aldea. Pasouse de ter tres bares a só haber un. A porcentaxe de casas deshabitadas crece, se ben estanse a rehabilitar algunhas das casas antigas e a construír outras novas. Pero a dependencia do traballo na lousa, que adoita ser de moitas horas por un salario baixo, provoca que a xuventude opte por desprazarse a núcleos urbanos máis grandes, en busca de traballo máis rendible, así como ós estudos universitarios ou superiores á ensinanza media.

A antiga escola de Primaria da parroquia xa non é utilizada, desprazándose os cativos ó Barco de Valdeorras ou Sobradelo para efectuar os seus estudos obrigatorios.

O topónimo Viladequinta ten orixe latina, debido a un antigo asentamento de quintos romanos [Cómpre referencia].

Patróns[editar | editar a fonte]

Ademais da festa do patrón, San Pedro, celébrase en outubro a festa da Virxe do Rosario. Antigamente tamén se celebraba en xaneiro o San Sebastián.

Costumes[editar | editar a fonte]

Os costumes desta vila son os característicos das zonas galegas rurais, destacando o magosto e a matanza do porco. Tamén teñen lugar as actividades relacionadas coa recollida de froitos, como a vendima, destacando pola súa calidade a uva de godello.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Viladequinta[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Viladequinta no concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense)

Viladequinta

Parroquias de Carballeda de Valdeorras[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Carballeda de Valdeorras

Candeda (San Bernabeu) | Carballeda (San Vicenzo) | Casaio (Santa María) | Casoio (San Xulián) | Domiz (San Bernabeu) | Lardeira (San Tirso) | A Portela do Trigal (Santa Ana) | Pumares (San Martiño) | Pusmazán (San Mateo) | Riodolas (Santa María) | Robledo (Santa María) | San Xusto (San Xusto) | Santa Cruz (Santa Cruz) | Sobradelo (Santa María) | Soutadoiro (Santa Isabel) | Vila (Santa María Madanela) | Viladequinta (San Pedro)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]