Vieiros (revista)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Vieiros
PaísMéxico
Fundación1959
editar datos en Wikidata ]

Vieiros, subtitulada como “Revista do Padroado da Cultura Galega de México”, é unha revista galega, cultural e literaria, creada en México en 1959 que deixou de editarse en 1968, tras publicar unicamente catro números. Tiña carácter cultural, antifascista e galeguista e o seu obxectivo era crear unha publicación galega de calidade no exilio e servir de ponte entre exiliados e galegos en España.

Historia[editar | editar a fonte]

A revista naceu en México en 1959 no seo do Padroado da Cultura Galega a través da iniciativa dun grupo de galegos exiliados e comprometidos con esta institución. O seu propósito era recoller nas súas páxinas “calquera idea literaria artística e filosófica, sempre que fose antifascista e non se apoiase na ditadura”.

Vieiros recompilou o máis destacado da cultura galega do momento, tanto do interior como da emigración. Ademais, serviu de ponte entre a xeración que sufriu as consecuencias da guerra e a resistencia antifranquista. Non obstante, tan só perdurou até 1968.

En 1989 Edicións A Nosa Terra publicou unha edición facsimilar desta revista, prologada por Margarita Ledo Andión.

Edicións[editar | editar a fonte]

Vieiros conta coa publicación de catro números que viron a luz en México e que tiveron unha periodicidade irregular: verán de 1959, outono de 1962, outono de 1965 e primavera de 1968.

Era unha revista de gran formato (33 x 23 cm), impresa en excelente papel, con variedade de caracteres tipográficos e amplas marxes brancas; polo que se pode cualificar de refinada e elegante. Estaba escrita integramente en galego, aínda que tamén contaba con algúns poemas en portugués.

A súa extensión era variable, entre 68 e 86 páxinas de coidado deseño que non contiñan publicidade. Nelas podíanse atopar ilustracións como reproducións artísticas e debuxos reivindicativos de Castelao, Luís Seoane ou Maside, así como achegas doutros debuxantes hispanoamericanos. Recompilaba artigos, poesías, ensaios, contos e debuxos e contaba con seccións fixas.

Seccións fixas[editar | editar a fonte]

  1. “Alicerce”, un espazo para editoriais.
  2. “As Ideias”, para actividades culturais de Galicia e do exilio.
  3. “Os homes”, para as persoas significadas no mundo cultural.
  4. “Os Feitos”, para acontecementos.
  5. “As Labouras”, para as celebracións e recordos.

Temática e ideoloxía[editar | editar a fonte]

A temática da revista pódese analizar atendendo aos primeiros e últimos números da mesma. Así, nos primeiros números teñen un papel dominante os temas culturais, sobresaíndo a poesía e a narrativa galegas ademais de achegas ás artes plásticas, ao cine e á música de Galicia.

Doutra banda, nos dous últimos números teñen maior peso os artigos adicados ao ensaio político, económico e cultural, especialmente de autores exiliados (Caridad Mateo, Luís Soto, Carlos Velo…).

No tocante á ideoloxía de Vieiros, cabe dicir que esta era moi aberta xa que procuraba non provocar unha ruptura entre os colaboradores. Esta característica pódese observar atendendo á súa ampla lista, na cal destacan os nomes de Ramón Piñeiro, Méndez Ferrín, Celso Emilio, Fernández-Oxea, Alberto Vilanova etc.

Dirección e colaboracións[editar | editar a fonte]

A pesar da súa curta duración, á dirección da revista destacaron personaxes como o escritor Luís Soto, o cineasta Carlos Velo e o poeta Delgado Gurriarán, que a partir do terceiro número será substituído por Caridad Mateos. Ademais, como director artístico a publicación contaba co pintor Arturo Souto.

Na súa elaboración salientaron diferentes colaboradores, ilustradores, redactores e administradores:

Relación de Vieiros cos ámbitos literario e artístico[editar | editar a fonte]

Ámbito literario[editar | editar a fonte]

A nivel literario, destaca na revista a abundancia de prosas breves, descricións, relatos curtos e mesmo diálogos costumistas da autoría de Otero Pedrayo, Cabanillas, Cuevillas, Bouza-Brey, Fole

Nela participaron unha gran variedade de escritores: desde os últimos representantes vivos da xeración Nós (Otero, Cuevillas, Cabanillas…) ata o grupo Brais Pinto, pasando polos homes do Seminario de Estudos Galegos, o grupo Galaxia e os exiliados e emigrados de América. Non obstante, nela tamén escriben, cunha óptica nacionalista, autores do interior como Ferrín ou Alberto Míguez.

Agrupaba artigos, poesías, ensaios e contos:

Ámbito artístico[editar | editar a fonte]

No campo da arte, coinciden en Vieiros os “Renovadores da Arte Galega” de antes da guerra civil (Arturo Souto, Castelao, Díaz Pardo…) e os novos artistas (Xosé Luís de Dios, Conde Corbal, Xulio Maside, Reimundo Patiño…). Non obstante, a maior contribución desta revista á arte débese ao pintor Arturo Souto como director artístico e responsable do seu deseño.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]