Vítor Manuel III

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Victor Manuel III")
Victor Manuel III en 1893.

Vittorio Emanuele Ferdinando Gennaro Maria di Savoia-Carignano, que reinou baixo o nome de Vítor Manuel III, nado en Nápoles o 11 de novembro de 1869 e finado en Alexandría, Exipto, o 28 de decembro de 1947, foi o rei de Italia entre o 29 de xullo de 1900 e o 9 de maio de 1946.

Primeiros anos de reinado[editar | editar a fonte]

Víctor Manuel III

Sucedeu ao seu pai, Humberto I, en 1900 cando este morreu asasinado en Monza. Recibiu, coma era frecuente nos príncipes da súa época, formación militar (debido á súa baixa estatura, 1'53m., houbo que cambiar a lexislación castrense a este respecto) e mostrou especial interese polos asuntos da milicia. Durante o seu reinado, Italia, coma o resto das potencias europeas, tratou de conformar un imperio colonial e aumentar o seu territorio nacional o que levou ao país a verse envolto en varios conflitos: nun primeiro momento mantivo a Guerra Ítalo-Turca en 1911-12, logo participou na Primeira Guerra Mundial (1915-18) no bando aliado, máis tarde na Guerra de Etiopía (1935-36) e tamén na Guerra Civil española en apoio do bando franquista liderado por Francisco Franco (1936-1939).

En 1929 concluíu co papa Pío XI os chamados Pactos de Letrán, polos que se creaba o estado soberano da Cidade do Vaticano e pechábase o conflito aberto en 1870 coa toma de Roma por parte das tropas do novo reino de Italia.

Vítor Manuel III foi proclamado emperador de Etiopía (1936 - 1943) e rei de Albania (1939 - 1943), ambas ocupadas por Italia, pero só foi recoñecido como tal polos aliados do fascismo italiano. Precisamente debido á conquista de Etiopía, Italia foi obxecto de sancións por parte da Sociedade de Nacións e nun xesto de desdén autoexcluíuse da mesma.

Durante as dúas primeiras décadas do seu reinado, Víctor Manuel III actuou dentro dos límites marcados pola Constitución e non interferiu na acción dos sucesivos gobernos. Pero en 1922 ante a presión exercida sobre o goberno pola Marcha sobre Roma que organizaran os fascistas liderados por Benito Mussolini, o monarca non aceptou declarar o estado de sitio que solicitara o primeiro ministro Luigi Facta e, o 30 de outubro, aceptou o nomeamento de Mussolini como primeiro ministro, vulnerando as súas atribucións constitucionais. Con Mussolini no poder, o monarca nin se opuxo nin tan só opinou sobre o desmantelamento do sistema constitucional e a imposición do réxime totalitario fascista en 1925. Víctor Manuel III tampouco se interpuxo cando Mussolini acabou coa oposición democrática e liberal e non amosou reparos á entrada de Italia xunto á Alemaña nazi na Segunda Guerra Mundial (1939-45).

Últimos anos de reinado[editar | editar a fonte]

Víctor Manuel III, de uniforme (1936).

Mussolini impediu calquera marxe de manobra ao monarca que se mantivo como Xefe do Estado con funcións representativas. Víctor Manuel III non tratou de impedir nin amosou reserva algunha cos crimes do fascismo. Cando se comprobou que a vitoria dos aliados sería segura e os líderes fascistas depuxeron ao Duce, Víctor Manuel encargou ao mariscal Pietro Badoglio a formación dun goberno que puxo a Italia no bando dos aliados en (1943) e acabou co réxime de Benito Mussolini. A corte abandonou Roma, ocupada polas tropas alemás, e trasladou a capital a Bari.

A perda de prestixio da Monarquía polo papel de Víctor Manuel durante a ditadura de Benito Mussolini provocou que, no referendo celebrado o 2 de xuño de 1946, os italianos optaran maioritariamente pola República, aínda que o resultado da consulta fora sospeitoso de fraude e que nunca fora aclarado de todo.

Sendo consciente do rexeitamento que provocaba entre a poboación italiana, Víctor Manuel III tratou de salvagardar a continuidade da Casa de Savoia abdicando, o 9 de maio de 1946, a favor do seu fillo e herdeiro Humberto II, que asumira as funcións de Xefe de Estado desde 1944 como "lugartenente do Reino de Italia". Tras a súa abdicación, Víctor Manuel de Savoia partiu ao exilio baixo o nome de Conte di Pollenzo e morreu un ano despois en Alexandría, Exipto, en cuxa igrexa de Santa Catarina foi e continua soterrado.

Familia[editar | editar a fonte]

En 1896 contraeu matrimonio coa princesa Elena Petrovich Niegos (1873-1953), filla do rei Nicolás I de Montenegro. O matrimonio tivo cinco fillos:

Predecesor:
Humberto I
Rei de Italia
1900 - 1946
Lesser coat of arms of the Kingdom of Italy (1890).svg
Sucesor:
Humberto II
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Vítor Manuel III