Victor Edvard Lilienberg
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 7 de abril de 1839 Escania. Suecia |
| Morte | 24 de outubro de 1916 (77 anos) Suecia |
| Cargos | |
| Presidente da Sociedade Numismática Sueca | |
| Período | 1906-1916 |
| Antecesor | Johan Otto Wedberg |
| Sucesor | Axel Wahlstedt |
| Datos persoais | |
| País de nacionalidade | |
| Educación | Universidade de Lund. Escola Superior de Artillaría de Marieberg. |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Enxeñaría civil, numismática. |
| Familia | |
| Cónxuxe | Sophie Augusta Svärdström (1884) |
| Pais | Nils Lilienberg |
Victor Edvard Lilienberg, nado en Kristianstad o 7 de abril de 1839 e finado en Estocolmo o 24 de outubro de 1916, foi un enxeñeiro civil e numismático sueco.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Victor Edvard Lilienberg naceu en Kristianstad, condado de Escania, o 7 de abril de 1839, o terceiro dos seis fillos de Ingeborg Fredrika Augusta Ljungberg e de Nils Lilienberg.[3]
Despois de concluír a súa educación secundaria en 1853, Lilienberg comezou os seus estudos superiores na Universidade de Lund, e graduouse na Escola Superior de Artillaría de Marieberg en 1861. Xa como enxeñeiro, no corpo de Construción de Estradas e Augas acadou o rango de tenente en 1864 e posteriormente ascendeu a capitán en 1878 e a comandante en 1897.[1]
Enxeñeiro civil
[editar | editar a fonte]Lilienberg formouse tamén como enxeñeiro na Compañía Estatal de Construción de Ferrocarrís en 1857, e traballou nesta compañía como nivelador nos períodos 1857-1859 e 1861-1863. Logo exerceu como enxeñeiro na liña de conexións ferroviarias que atravesan o centro de Estocolmo (Sammanbindningsbanan) entre 1863 e 1872. Seguidamente foi enxeñeiro de estación na construción da compañía privada sueca de ferrocarrís Bergslagernas Järnvägar entre 1872 e 1875; xefe de construción do porto e da ponte da cidade de Estocolmo entre 1875 e 1905, e enxeñeiro asistente na Xunta Nacional Sueca de Estradas e Obras Hidráulicas, a partir de 1906.[1]
Lilienberg exerceu tamén a docencia como profesor interino de Teoría Xeral da Construción no Instituto Real de Tecnoloxía en Estocolmo, entre 1871 e 1872. Tamén foi enxeñeiro consultor na construción do peirao de Vaxholm en 1887 e realizou inspeccións de estruturas hidráulicas entre 1879 e 1896.[1]
Numismático
[editar | editar a fonte]Paralelamente ao seu labor profesional no ámbito da enxeñaría civil, Lilienberg foi tamén un recoñecido numismático. Foi o conservador encargado da colección de moedas e medallas da Orde dos Carpinteiros de Estocolmo.[4]
Entre 1906 e 1916 exerceu a presidencia da Sociedade Numismática Sueca,[5] e a partir dese último ano foi nomeado membro honorario da entidade.[6]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Victor Edvard Lilienberg casou en 1884 con Sophie Augusta Svärdström.[1]
A súa morte produciuse o 24 de outubro de 1916 en Estocolmo, aos 77 anos.[1]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma dos traballos monográficos de Lilienberg máis salientables publicados ao longo da súa traxectoria:
Enxeñaría
[editar | editar a fonte]- (1891). Om strömmarna i Stockholm, undersökn:r och beräkn:r ["Sobre as correntes en Estocolmo, investigacións e cálculos"].
- (1906). Om Stockholms hamn ["Sobre o porto de Estocolmo"].
Numismática
[editar | editar a fonte]- (1905). Minnespenningar öfver enskilda svenska män och kvinnor, 1 ["Moedas conmemorativas de homes e mulleres suecos individuais, 1"] (con B. E. Hyckert).
- (1910). Den Odelbergska samlingen af idrotts-märken och medaljer: Ett bidrag till svensk medaljförteckning efter år 1889 ["A colección Odelberg de insignias e medallas deportivas: unha contribución ao medalleiro sueco posterior a 1889"].
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 6 "Lilienberg, Victor Edvard". En Biografisk Uppstagsbok (4). Estocolmo, 1955. Páxina 573.
- ↑ Hildebrand, A. (1905).
- ↑ "Victor Edvard Lilienberg (1839 - 1916)". Geni.com
- ↑ Gnecchi, F.; Gnecchi, E. (1903). Guida numismatica universale. 4ª ed. U. Hoepli, Milán. Páxinas 455, 458.
- ↑ "SNF:s ordföranden genom tiderna". Svenska Numismatiska Föreningen (Numismatik.se)
- ↑ "SNF:s hedersledamöter". Svenska Numismatiska Föreningen (Numismatik.se).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Hildebrand, A. (1905). "Victor Edvard Lilienberg". En Svenskt porträttgalleri. XVII: Ingeniörer. Estocolmo. Páxina 161.
- "Lilienberg, Victor Edvard". En Biografisk Uppstagsbok (4). Estocolmo, 1955. Páxina 573.