Ervellaca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Vicia sativa»)
Ervellaca

Plantas de Vicia sativa con flores de diferentes cores.
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Fanerógama Magnoliophyta
Clase: Dicotiledónea Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Fabales
Familia: Fabaceae (=Leguminosae)
Subfamilia: Faboideae
Tribo: Fabeae
Xénero: Vicia
Especie: V. sativa
Nome binomial
Vicia sativa
L., Sp.Pl., 2: 736, 1753 [1]

A ervellaca[1][2][3] (Vicia sativa) é unha planta da familia Fabaceae (antes Leguminosae).

Ao igual que moitas outras especies da familia, é capaz de fixar nitróxeno da atmosfera mediante unha simbiose, nas súas raíces, con bacterias do xénero Rhizobia.

Medra en zonas de cultivo como má herba, nitrificando os solos sobre os que medra e o aproveitamento principal desta planta radica no seu uso como fertilizante verde ou coma forraxe gandeira aportando aos animais unha cantidade importante de proteínas.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

Ervellaca fritida.

Planta herbácea anual erecta ou rubideira hirsuta ou glabrescente de 30 a 80 cm de altura, con talos ascendentes máis ou menos angulosos. Follas paripinnadas, de 1 a 8 pares de folíolos, pecioladas e con estípulas lanceoladas, as follas finalizan nun gabián ramificado que axuda a rubir á planta. As flores agrúpanse en inflorescencias sentadas cunha ou dúas flores cun pequeno pedicelo de 2 mm; as flores posúen un cáliz actinomorfo formado por 5 sépalos soldados formando un tubo que termina con 5 dentes estreitos e triangulares, máis longos ca o tubo. Posúe unha corola papilionácea, zigomorfa, formada por cinco pétalos ceibos de cor violeta a vermella púrpura. O androceo formado por nove estames unidos na base e un separado, todos eles con anteras oblongas. O xineceo ten un ovario glabro ou seríceo cun guecho de pelos. Os froitos son legumes coas marxes pilosas e cun número variábel de sementes no seu interior (de 4 a 9).[6]

Citoloxía[editar | editar a fonte]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Ervellaca e formiga

Orixinaria do centro e sur de Europa e da conca mediterránea. Na Península Ibérica aparece espontaneamente en case todo o territorio. O seu cultivo espallouse por todo o planeta. Aparece en Galicia.

Medra en zonas de cultivo e herbeiras, en solos nitrificados dende o nivel do mar ata os 1000 m. de altitude.

Cultura[editar | editar a fonte]

Pode establecerse como cultura monófita, mais aconséllase sementar a ervellaca cun cereal (avea, orxo) ou unha gramínea pratense (herba de Vigo) que exercen de arxón. Cultívase de preferencia en secaño, en diferentes épocas do ano. As variedades de outono seméntanse nesa estación e colléitanse a finais da primavera (maio-xuño). As variedades de primavera, axeitadas para áreas de invernos rigurosos, seméntanse a inicios da primavera e completan o seu ciclo no verán. Finalmente, nalgúns regadíos cálidos (val do Ebro) seméntase a ervellaca no verán, logo de apañar o cereal, e ségase cando a masa vexetativa é importante, a inicios do inverno, para dar en verde aos animais.

No seu uso forraxeiro, seméntase densamente, 250 kg/ha (se o cultivo é de secaño a dose de sementeira redúcese polo menos á metade). Pola contra, cando se sementa para semente, necesítase menor cantidade a usar; senón, o culivo ha ser moi vexetativo, e haberá menos flores e menor produción de semente.

Despois de sementar recoméndase pasar lixeiramente un rolo para suavizar a sucada de sementeira, e permitir o correcto paso da colleitadora. Unha vez sementado, cómpre vixiar uns días para disuadir as pombas e outras aves que poden comer a semente.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

  • Luz: penumbra.
  • Temperatura: zonas moi cálidas.
  • Continentalidade: intermedia.
  • Humidade: solos de moderadamente secos a húmidos.
  • Acidez: pH entre 5,5 e 8.
  • Nitróxeno: solos pobres ou lixeiramente ricos en nitróxeno.

Historia[editar | editar a fonte]

Forma parte da dieta humana dende a antigüidade por restos carbonizados atopados en sitios no Neolítico, en Siria, Turquía, Bulgaria, Hungría e Eslovaquia. Tamén se atopaba no Antigo Exipto e na Idade de Bronce en Turkmenistán e Eslovaquia. A definitiva evidencia de cultivo atópase só nos tempos da Antiga Roma.[8]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Vicia sativa foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum, vol. 2: 736 en 1753.[9]

Táxones infra-específicos aceptados
  • Vicia sativa var. abyssinica (Alef.) Baker
  • Vicia sativa subsp. amphicarpa (Dorthes) Asch.
  • Vicia sativa subsp. consobrina (Pomel) Quézel & Santa ex Greuter & Burdet
  • Vicia sativa subsp. cordata (Hoppe) Asch. & Graebn.
  • Vicia sativa subsp. incisa (M.Bieb.) Arcang.
  • Vicia sativa subsp. macrocarpa (Moris) Arcang.
  • Vicia sativa subsp. nigra (L.) Ehrh.
  • Vicia sativa var. platysperma Barulina
  • Vicia sativa subsp. sativa L.[10]
Sinonimia:

Nomes vernáculos[editar | editar a fonte]

Galego: ervellaca, brenza, herba da fame, nichela, veza[12]. Marcial Valladares Núñez no seu Diccionario gallego-castellano (1884) chámalle hèrba d'a fame ou herbellaca. Outros nomes son: arvellaca, verza, leriquia, liriquia, livica, herba do crego e pan do cuco[13].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ervellaca.
  2. Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004.
  3. Téñase en conta que outras especies do xénero como Vicia articulata e Vicia monanthos tamén reciben o nome vulgar de ervellaca.
  4. En Flora Vascular
  5. En Epítetos Botánicos
  6. "En Flora Ibérica" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de outubro de 2013. Consultado o 29 de setembro de 2014. 
  7. Talavera, S. & al. (1999). Números cromosomáticos de plantas occidentales, 809-812. Anales Jard. Bot. Madrid 57: 139
  8. Daniel Zohary and Maria Hopf, Domestication of plants in the Old World, third edition (Oxford: University Press, 2000), p. 119.
  9. "Ervellaca". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 20 de maio de 2013. 
  10. "Vicia". www.theplantlist.org. Consultado o 2020-01-04. 
  11. Vicia sativa en ILDIS Legume Web
  12. Sinónimos Arquivado 06 de outubro de 2014 en Wayback Machine. en Portal das Palabras da RAG.
  13. E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]