Vetëvendosje

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vetëvendosje
Logo
Tipopartido político
IdeoloxíaNacionalismo de esquerda, Nacionalismo albanés, Socialdemocracia e Democracia directa
Data de fundación12 de xuño de 2005
Fundador(es)Albin Kurti
Presidente/aAlbin Kurti (2018-) Editar o valor em Wikidata
Nº de membros36.500 (2018) Editar o valor em Wikidata
SedePristina
PaísKosovo
Na rede
http://www.vetevendosje.org/
editar datos en Wikidata ]

Lëvizja Vetëvendosje (literalmente 'Movemento de Autodeterminación', LVV ou VV) é un partido político de Kosovo de centroesquerda [1] [2] a esquerda [3] [4] que se orienta nos principios da socialdemocracia [5] [6],o populismo, [6] [7] [8] e do nacionalismo albanés[9] [10] [11] [12].

Historia[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

A súa orixe está na Rede de Acción de Kosovo (KAN) que fundaran en 1997 a escritora norteamericana Alice Mead e activistas internacionais para apoiar as protestas dos estudantes pola ocupación do campus da Universidade de Pristina pola policía iugoslava.Durante a guerra de Kosovo o KAN participou na documentación dos crimes de guerra e nos anos 1999 e 2000 KAN fixo campaña pola liberación dos prisioneiros de guerra albaneses. Un dos líderes das protestas estudantís foi Albin Kurti e so o seu liderado esta rede converteuse nunha organización de activistas locais con sede en Kosovo en 2003[13] que promovía a cidadanía activa e a participación política directa das masas [14].

Pintada co lema "Sen negociacións, autodeterminación" en Glogovac

O 10 de xuño de 2004, 1000 activistas da KAN protestaron contra da Misión de Administración Interina das Nacións Unidas en Kosovo (UNMIK), calificándoa como réxime antidemocrático e organización criminal. O KAN consideraba a UNMIK como un ocupante de Kosovo que lle estaba negando o seu dereito á independencia, ademais de conducilo á erosión económica e social. Noutras actividades, os activistas do KAN opuxéronse á descentralización do goberno local por liñas étnicas e esixiron a devolución dos corpos das persoas desaparecidas na guerra de Kosovo, con independencia da súa etnia [15].

Movemento social[editar | editar a fonte]

O 12 de xuño de 2005 activistas do KAN empregaron o slogan "Jo Negociata - VETËVENDOSJE!" ("Sen negociacións - AUTODETERMINACIÓN!") nas paredes da UNMIK, o que marcou a transformación oficial do KAN en Vetëvendosje. A continuación seguiu establecemento de sedes de Vetëvendosje na maioría dos concellos de Kosovo e en países cunha importante diáspora albanesa . O 25 de xullo de 2005, os activistas de Vetëvendosje distribuíron exemplares da Resolución 1514 da ONU ante a sede da UNMIK. Seguiron outras actividades contra a UNMIK, que Vetëvendosje consideraba unha organización que non representaba os intereses do pobo de Kosovo. Vetëvendosje estaba pola independencia de Kosovo baseada no dereito á autodeterminación dos pobos, que, segundo Vetëvendosje, estaba garantido pola Resolución 1514 da ONU[15]. Entre os obxectivos dos activistas de Vetëvendosje atopábanse vehículos da UNMIK con sinais da ONU, aos que os activistas engadiron a letra F ao principio e o D ao final dando como resultado FUND, que en albanés significa Fin . Vetëvendosje tamén organizou protestas ante a sede das Nacións Unidas tanto en Nova York como en Kosovo durante as visitas dos xefes de Estado de Serbia ou doe mediadores das negociacións. Activistas de Vetëvendosje lanzaron ovos podres contra de Boris Tadić, o presidente de Serbia, cando visitou Kosovo. Tamén puxeron pintura vermella nas rúas que conducen á residencia presidencial de Kosovo cando Martti Ahtisaari visitou Kosovo, como símbolo do sangue derramado na guerra de Kosovo, e sobre o que, segundo Vetëvendosje, Ahtisaari estaba camiñando co seu plan [15].

F UN D - Albanés para "Fin"
Manifestación de Vetëvendosje o 30 de xuño de 2007

En xaneiro de 2007 segundo datos da propia organización contaba con 18 sedes, 1000 activitas e 10000 doadores[16]. O 10 de febreiro de 2007 Vetëvendosje organizou unha gran manifestación contra do Plan Ahtisaari e do proceso de descentralización. A manifestación contou coa asistencia de máis de 60 000 persoas e tivo lugar nas rúas de Pristina. Despregouse a policía antidisturbios logo de ter indicios que, supostamente, planeaban asaltar as oficinas do goberno. Tras este despregamento, comezaron os enfrontamentos entre a policía antidisturbios da UNMIK e os manifestantes. A policía da UNMIK disparou gases lacrimóxenos e balas de goma contra a multitude, o que provocou o caos. Os axentes da policía romanesa da UNMIK mataron dous dos manifestantes disparándolles na cara con balas de goma anticuadas [17]. Morreu un dos manifestantes que estaba entre a multitude, e outro que se agachaba dos gases lacrimóxenos no interior do Hotel Iliria, e alí recibiu un disparo na cabeza. Ademais dos dous falecidos, a protesta provocou outros sete feridos graves e 73 leves [18]. Un manifestante que recibiu un disparo de carón do corazón sobreviviu tras estar durante moito tempo en coma e houbo de vivir co proxectil no peito ata a súa morte natural en 2020[19]. Unha investigación interna da UNMIK revelou que os manifestantes morreron por balas de goma anticuadas que dispararon 10 dos membros da policía romanesa, pero rexeitaron presentar cargos porque non estaba claro quen fixera os disparos mortais [17]. Por outra banda, a policía arrestou o líder de Vetëvendosje, Albin Kurti, ao que acusaron de tres delitos: liderar unha multitude para presuntamente cometer delitos penais, chamar á resistencia e interromper medidas policiais. En 2010 un xuíz da EULEX condenouno a 9 meses de prisión, mais ao levar 5 meses en prisión preventiva e máis outros 5 en arresto domiciliario, quedou en liberdade.

O 25 de agosto de 2009 Vetëvendosje organizou protestas en Pristina que se tornaron violentas, coa destrución de 28 vehículos da EULEX e un manifestante e tres policías feridos[20].

Partido político[editar | editar a fonte]

Vetëvendosje participou por primeira volta nun proceso electoral nas eleccións lexislativas de 2011 e logrou 14 dos 100 escanos posibles, os outros 20 estaban reservados ás minorías. Na Asemblea o partido mantívose na oposición. Non participou no terceiro e último intento das eleccións presidenciais e abandonou a sesión ao alegar que Behgjet Pacolli non era nin persoal nin politicamente idóneo para exercer como presidente[21].

O 31 de marzo de 2011 fusionouse co Partido Novo Espírito que recibira o dous por cento dos votos nas eleccións e non lograra representación no parlamento[22]. O seu máximo dirixente Shpend Ahmeti converteuse en vicepresidente de Vetëvendosje e gañou as eleccións locais en Prishtina en 2013 e de novo en 2017. Para substituír a Behgjet Pacolli, que dimitira o 30 de marzo, Vetëvendosje propuxo o escritor e antigo disidente Adem Demaçi, finalmente Atifete Jahjaga foi a elixida tras un acordo entre o PDK, LDK e AKR. Vetëvendosje non participou na votación e colgou carteis diante o edificio do goberno en Pristina co lema Welcome to the Banana Republic.

En xaneiro de 2012 activistas de Vetëvendosje intentaron bloquear os dous principais pasos fronteirizos entre Kosovo e Serbia. Durante as protestas foron 13 os policías feridos e 50 manifestantes, entre eles o vicepresidente de Vetëvendosje[23]. En outubro Vetëvendosje convocou unha manifestación en Pristina para impedir o comezo das negociacións entre Kosovo e Serbia, e varios centos de manifestantes intentaron asaltar o parlamento e a sede do goberno[24].

O 26 de abril de 2013 o Partido Socialista de Kosovo (PSK), liderado por Ilaz Kadolli, fusionouse con Vetëvendosje [25]. O PSK non tiña presenza na Asemblea de Kosovo, pero tiña varios representantes nas asembleas locais. Pouco despois, o 23 de xullo dese ano incorporouse o Movemento Popular de Kosovo (LPK), coas súas estruturas en Kosovo e no estranxeiro [26] [27]. O LPK fundárase en 1982 como unha agrupación nacionalista marxista de organizacións da diáspora albanokosovar en Europa Occidental con simpatías, ata a súa caída, polo réxime albanés de Hoxha[28] e considérase, tamén, a orixe do UCK [29], e xa boa parte do seu liderado unírase despois da guerra ao Partido Democrático de Kosovo, creado en 1999 por Hashim Thaçi.

En marzo de 2015 Visar Ymeri, único candidato dunhas eleccións internas, sucedeu ao líder do partido, Albin Kurti como novo presdidente do partido[30]. Nas eleccóns lexislativas de 2017 Vetëvendosje medrou significativamenante ata se converter no principal partido parlamentario co 27,5 % dos votos e 32 dos 120 escanos da Asemblea, e en votos pasou de 99 397 a 200 135[31]. Non obstante, Vetëvendosje permaneceu na oposición, xa que se formou a coñecida como coalición PANA que formaron o PDK, a AAK e Nisma que estableceu o goberno de Ramush Haradinaj co AKR e os partidos das minorías étnicas. En marzo de 2016, activistas de Vetëvendosje envorcaron dous camións que transportaban mercadorías serbias en protesta contra da decisión serbia de non aceptar libros escolares editados en Kosovo no val de Preševo, territorio habitado maioritariamente por albaneses, pero fóra de Kosovo, no sur de Serbia[32][33] [34] [35].

En xaneiro de 2018 Kurti volveu á presidencia do partido. Para evitar a votación no parlamento dun acordo fronteirizo con Montenegro os deputados de Vetëvendosje utilizaron gases lacrimóxenos e granadas de fume[36]. Non obstante, esa estratexia tronzou á formación e en marzo Vetëvendosje dividiuse, e así 12 dos 32 deputados marcharon en protesta contra do estilo autoritario e métodos radicais da dirección que encabezaba Kurti e crearon un grupo parlamentario independente[37]. Tamén deixou a formación o vicepresidente,Shpend Ahmeti, para se unir ao Partido Socialdemócrata de Kosovo (PSD). Así e todo, Kurti levou ao partido a novos éxitos nas eleccións lexislativas de 2019 ao converter a Vetëvendosje no partido máis forte do parlamento co 26,3% dos votos e 29 dos 120 escanos. Tras acordar unha coalición co conservador LDK e máis a Lista Serbia, Kurti tornouse o primeiro ministro en febreiro de 2020. Non obstante, o acordo de coalición rematou en marzo de 2020 por diferenzas na forma de xestionar a pandemia de COVID-19. En xuño de 2020 o antigo viceprimeiro ministro Avdullah Hoti, do LDK, formou un goberno sen Lëvizja Vetëvendosje, que volveu liderar a oposición. Para as eleccións lexislativas anticipadas de febreiro de 2021 a formación concorreo en coalición con Guxo, o partido que creara tras deixar o LDK a presidenta do parlamento Vjosa Osmani. Co 50,3% dos votos emitidos e 58 escanos no parlamento, a lista conxunta acadou o resultado electoral máis alto xamais conseguido por unha formación en Kosovo e Kurti pasou a ser de novo primeiro ministro.

Ideoloxía e premisas[editar | editar a fonte]

Identíficase a Vetëvendosje como de centroesquerda [38] e de esquerdas que basea o seu programa en tres eixos principais: meritocracia, estado de desenvolvemento e estado de benestar [39]. Vetëvendosje apoia a economía de libre mercado cun papel activo do estado a través da propiedade de industrias clave, a promoción das exportacións e a substitución de importacións. A meritocracia, denominada alternativamente Estado de xustiza por Vetëvendosje, consiste nunha transparencia radical, controles e equilibrios, así como a separación de poderes e ningunha interferencia do goberno na xustiza. Por último, cre que estado de benestar ha garantir a igualdade de resultados, e non só de oportunidades, que se consegue mediante unha fiscalidade progresiva e a protección das minorías e dos grupos vulnerables[40]. Ademais, Vetëvendosje adhírese ao nacionalismo e ao populismo albanés nas súas políticas sobre o futuro de Kosovo, as relacións con Albania e os albaneses étnicos nos Balcáns e a diáspora máis ampla[41] [42]. Está considerado como o principal partido nacionalista no mundo albanés contemporáneo e avogou pola protección dos albaneses no val de Presevo e Macedonia do Norte, así como por un referendo sobre a posible unificación de Kosovo coa veciña Albania[43]. Así e todo, o partido está pola plena independencia de Kosovo sen control internacional nin descentralización por orientación étnica, polo que está contra do Plan Ahtisaari e considera que a soberanía debe recaer exclusivamente no pobo kosovar.

Estado de xustiza[editar | editar a fonte]

O primeiro piar do programa político de Vetëvendosje é o estado de xustiza, a través do que busca cambiar a lexislación, combater a corrupción e aumentar a confianza dos cidadáns nas institucións estatais. Vetëvendosje quere modificar a constitución de Kosovo e eliminar, entre outras, as partes que derivan do Plan Ahtisaari, a normativa da UNMIK e a lexislación iugoslava. Tamén avoga por garantir unha clara independencia do poder xudicial e introducir máis controis e contrapesos[40].

A loita contra da corrupción é un dos piares do estado de xustiza segundo Vetëvendosje, que quere tomar medidas concretas como unha lei de confiscación de patrimonios ilegais, unha lei antimafia ou unha lei anticorrupción, que, entre outras, permitiría aos tribunais confiscar o patrimonio que se obtivera ilegalmente, independentemente de cando ou onde se conseguiu, así como investigar a conexión do crime organizado co goberno e os abusos da administración pública [40].

Estado de desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O segundo piar do programa de Vetëvendosje é o modelo de estado de desenvolvemento. A través do estado de desenvolvemento, Vetëvendosje busca desenvolver a economía de Kosovo mediante políticas fiscais e monetarias, así como o desenvolvemento da agricultura, a industria e a educación. Tamén está a prol dunha fiscalidade progresiva sobre a renda e as vendas, así como por introducir cambios nos impostos sobre beneficios e propiedade. O sistema fiscal apoiaría á clase media e aos pobres, así como ás empresas que reinvistan os seus beneficios. Ademais, Vetëvendosje está a favor de Kosovo ter unha moeda común con Albania e o abandono do euro, o que segundo Vetëvendosje encarece as exportacións de Kosovo[40] [44].

Vetëvendosje ten como obxectivo desenvolver a agricultura subvencionándoa de acordo coas directivas e regulamentos da UE, para que Kosovo sexa independente na produción de alimentos e para combater o desemprego. Ademais, quere apoiar as pemes e empresas públicas a través dun banco de desenvolvemento público [40] [45]. Vetëvendosje tamén busca aumentar a produción de enerxía e minerais construíndo unha nova central eléctrica baseada en carbón, revitalizar as minas de Trepça e apoiar as industrias relacionadas. Ademais, quere investigar alternativas verdes á produción de enerxía e aumentar a cooperación con Albania no sector enerxético [40].

No eido na educación, Vetëvendosje pretende adoptar o sistema de educación dual, que se practica principalmente en Alemaña, Austria e Suíza, países cunha importante diáspora albanesa e considera necesario o cambio ao sistema de educación dual para aumentar a calidade da educación en xeral[46].

Estado do benestar[editar | editar a fonte]

O estado do benestar é o terceiro piar do programa político de Vetëvendosje, que quere combater a desigualdade de ingresos, a discriminación das mulleres e das minorías e pretende mellorar a prestación dos servizos sanitarios introducindo un seguro de saúde baseado no Modelo Bismarck [40]. Vetëvendosje tamén etá a favor de reformar a lei laboral e permitir que os país poidan acollerse ao permiso parental, que a lexislación vixente permite só para a nai. Vetëvendosje busca ademais limitar a xornada laboral a 40 horas por semana e introducir indemnizacións para os traballadores despedidos. Ademais, quere combater o emprego informal e aumentar o poder dos sindicatos de traballadores para o que quere mudar a lei dos sindicatos [40].

Outras cuestións[editar | editar a fonte]

Vetëvendosje oponse ás relacións bilaterais con países que non respectan a soberanía de Kosovo e quere cooperar con todos os países baseándose no principio de reciprocidade[40] [47] [48]. Vetëvendosje ten criticado a posición de Kosovo nas súas negociacións con Serbia, e alega que o diálogo habería de se basear en condicións e reciprocidade. Vetëvendosje pretende que Kosovo condicione o diálogo con Serbia a que devolva os cadáveres das persoas desaparecidas da guerra de Kosovo soterrados en fosas comúns en Serbia, e que esta pague as reparacións de guerra a Kosovo e devolva os fondos de pensións e os obxectos roubados do Museo de Kosovo[49]. Vetëvendosje considera inxusto e prexudicial o diálogo con Serbia sen condicións previas e quere que Kosovo negocie primeiro coa súa minoría serbia e coa Unión Europea, e despois de acadar un consenso interno[50] negociar con Serbia. Tamén apoia os principios de democracia directa e feminismo.

Vetëvendosje tamén se identifica coma un partido nacionalista [51]que quere modificar a constitución de Kosovo para eliminar o artigo terceiro, que prohibe a unificación de Kosovo con outros países. Segundo o líder de Vetëvendosje, Albin Kurti, Kosovo deberíase poder unir con Albania de o pobo expresar esta vontade mediante un referendo[52].

Vetëvendosje considera o proceso de privatización das empresas públicas un modelo de corrupción, que contribuíu a aumentar o desemprego, arruinar a economía e frear o desenvolvemento económico do país [40] e está pola disolución da Axencia de Privatización de Kosovo[53].

A formación quere introducir o recrutamento militar obrigatorio en Kosovo, baseado nos estándares da Unión Europea e máis da OTAN e pretende armar Kosovo mediante a cooperación coa OTAN e unirse á alianza no futuro[40] [54].

Presidentes de Vetëvendosje[editar | editar a fonte]

# Presidente Nacido-Finado Inicio do mandao Fin do mandato Tempo no cargo
1 Albin Kurti 1975– 12 de xuño de 2005 28 de febreiro de 2015  
2 Visar Ymeri 1973– 1 de marzo de 2015 2 de xaneiro de 2018  
3 Albin Kurti 1975– 21 de xaneiro de 2018 Titular  

Eleccións[editar | editar a fonte]

Sede central do partido en Pristina

Eleccións lexislativas[editar | editar a fonte]

Despois de cinco anos de participar na escena política de Kosovo mediante protestas e manifestacións, Vetëvendosje tomou a decisión de concorrer ás eleccións lexislativas de Kosovo de 2010, que coincidía co seu quinto aniversario como movemento político. Despois de tomar a decisión a EULEX detivo a Albin Kurti pola súa relación coa protesta do 10 de febreiro de 2007 [55] [56] [57] Kurti sería condenado a 9 meses de prisión, pero ao levar 5 meses en prisión preventiva e outros 5 en arresto domiciliario polo ese caso, quedou en liberdade [58] [59].

En decembro de 2010 Vetëvendosje participou nas eleccións nacionais de 2010 en coalición co Movemento para a Unificación (LB) e obtivo o 12,66% dos votos, o que se traduciu en 14 escanos no parlamento[60]. Os observadores locais e internacionais detectaron moitas irregularidades, entre elas unha taxa de participación do 95% en certos concellos, que eran bastións do PDK[61] [62]. Vetëvendosje e LDK impugnaron os resultados electorais en tres centros de votación e as eleccións repetíronse en tres concellos, o que provocou un lixeiro aumento nos votos de Vetëvendosje[63] [64]. Vetëvendosje e LB puxeron fin á coalición o 20 de setembro de 2011, despois de desacordos sobre a distribución dos fondos. Os dous deputados de LB abandonaron o grupo parlamentario de Vetëvendosje, polo que se reduciu logo a 12 membros [65].

Eleccións lexislativas de 2014[editar | editar a fonte]

Nas eleccións de 2014, Vetëvendosje recibiu o 13,59% (99.397 votos), e pasou a terceira forza política da Asemblea de Kosovo con 16 escanos. A pesar da vitoria electoral do PDK, Vetëvendosje e a coalición LDK - AAK - Nisma tentaron formar un novo goberno de coalición. Unha decisión do Tribunal Constitucional de Kosovo que considerou inconstitucional a elección de Isa Mustafa como presidente da Asemblea de Kosovo, levou á ruptura da coalición LDK-AAK-Nisma e o LDK formou co PDK un novo goberno, no que Isa Mustafa asumiu ocargo de primeiro ministro[66]. Xa que logo, Vetëvendosje asumiu o papel de líder da oposición, con AAK e NISMA formando tamén parte dela; esa oposición liderada por Vetëvendosje foi moi agresiva, e opúxose á demarcación da fronteira entre Kosovo e Montenegro e tamén á formación da Asociación de Municipios Serbios. A oposición acusou ao LDK de traizoala e manter o PDK no poder e organizou manifestacións masivas nas rúas e asemade dentro do parlamento utilizou gases lacrimóxenos para bloquear as reunións[67] [68].

Eleccións lexislativas de 2017[editar | editar a fonte]

Nas eleccións de 2017 recibiu o 27,49% (200.132 votos) e converteuse no principal partido político da Asemblea de Kosovo con 32 escanos[69]. En comparación coas eleccións de 2014 duplicou os seus escanos. Malia ser o primeiro partido e grupo parlamentario mantívose na oposición ao se formar a coalición PANA. En 2018 12 deputados abandonaron Vetëvendosje e crearon o Grupo dos Deputados Independentes, que máis tarde se uniu ao Partido Socialdemócrata de Kosovo (PSD). Ademais, a deputada de Vetëvendosje Donika Kadaj-Bujupi reincorporouse á Alianza para o Futuro de Kosovo. Esta división reduciu o grupo parlamentario de Vetëvendosje a 19 escanos[70].

Eleccións lexislativas de 2019[editar | editar a fonte]

Nas eleccións anticipadas de 2019, convocadas debido á dimisión do primeiro ministro Ramush Haradinaj, Vetëvendosje recibiu o 26,27% (221.001 votos), e de novo volveu ser o primeiro partido da Asemblea de Kosovo con 29 escanos, a pesar de dividirse un ano antes ás eleccións. Os seus votos aumentaron máis dun 10% en relación ás eleccións anteriores, pero debido á maior taxa de participación, recibiu unha menor proporción de escanos no parlamento. Vetëvendosje formou unha coalición con LDK en febreiro de 2020 despois de meses de negociacións, e Albin Kurti converteuse en primeiro ministro de Kosovo. Despois dun desacordo sobre como tratar a pandemia de COVID-19, Kurti detituíu o ministro de LDK, Agim Veliu[71] e como represalia o LDK iniciou unha moción de censura contra o goberno de Kurti, que o parlamento aprobou e , xa que logo, cesou o goberno. O LDK acusou a Vetëvendosje de arruinar as relacións de Kosovo cos Estados Unidos logo dunha tirapuxa co enviado estadounidense para o diálogo Kosovo-Serbia Richard Grenell [72] [73] [74]. Vetëvendosje seguiu na oposición e Kurti e máis os antigos ministros do goberno de Vetëvendosje non puideron volver ao parlamento porque cesaran antes de asumir funcións executivas, deixándoos fóra da vida institucional de Kosovo ata as vindeiras eleccións [75].

Eleccións lexislativas de 2021[editar | editar a fonte]

Despois da caída do goberno de Kurti o LDK xunto con AAK, NISMA, a Lista Serbia e outras forzas minoritarias formaron un novo goberno o 3 de xuño de 2020 tras lograr 61 votos, o mínimo necesario para formar goberno. En decembro de 2020, o Tribunal Constitucional declarou ilegal o goberno liderado polo LDK, por estar un dos deputados que o votaron condenado por corrupción, polo que perdera a validez do seu mandato antes da votación [76]. Isto conduciu a novas eleccións, que se celebraron o 14 de febreiro de 2021. Vetëvendosje concorreu xunto con Guxo. Por mor dunha condena por lanzar gases lacrimóxenos, Albin Kurti non puido optar a un escano no parlamento [77]. Vetëvendosje gañou as eleccións e experimentou un aumento significativo na súa porcentaxe de votos, recibindo o 50,28% do total de votos. A lista común con Guxo logrou 58 escanos, con 51 para VV e 7 para Guxo [78]. Como dous membros electos de Guxo entraron no goberno e Osmani converteuse na nova presidenta, tres dos escanos de Guxo pasaron aos seguintes nomes da lista, e así aumentou o número de escanos de VV ata os 53[79]. En abril de 2021 Adelina Grainca, ex-deputada do PDK, uniuse a Vetëvendosje e a formación pasou a 54[80].

Eleccións locais[editar | editar a fonte]

Eleccións locais de 2013[editar | editar a fonte]

Vetëvendosje participou nas eleccións locais de 2013, qo ue significou a primeira participación do partido nas eleccións locais, o seu candidato, Shpend Ahmeti, gañou as eleccións na capital Pristina, un bastión do LDK, ao derrotar ao ata entón alcalde Isa Mustafa. Vetëvendosje logrou tamén postos nas asembleas locais da maioría dos municipios de Kosovo, pero non gañou ningunha outra alcaldía, e en dez concellos non entrou na súa asemblea local: Dragaš, Leposavić, Zvečan, Zubin Potok, Novo Brdo, Gračanica, Mamuša, Parteš, Klokot e Mitrovica Norte [81]. En xeral, Vetëvendosje quedou cuarto cunha diminución de votos en comparación coas eleccións parlamentarias de 2010 [82]. Consideráronse uns resultados non óptimos e o 15 de decembro de 2013 convocouse unha sesión do Consello Xeral do partido para tratar estes resultados así como as medidas necesarias para dar resposta a eles. Segundo as palabras de Shpend Ahmeti durante unha entrevista con Top Channel, tamén houbo cambios no estatuto de Vetëvendosje, que saíron da reunión do Consello Xeral.

Eleccións locais 2017[editar | editar a fonte]

Nas eleccións locais de 2017, Vetëvendosje gañou en tres municipios: logrou un segundo mandato en Pristina con Shpend Ahmeti, en Prizren con Mytaher Haskuka e en Kamenica con Qendron Kastrati. En Prizren o PDK gobernara durante 18 anos e coñecíase informalmente como a "Xerusalén" do PDK [83]. Non obstante, Shpend Ahmeti e Qendron Kastrati deixaron Vetëvendosje a principios de 2018 despois da división do movemento [84]. No verán de 2019 Agim Bahtiri, alcalde de Mitrovica, uniuse a Vetëvendosje [85]. Despois da dimisión do alcalde, Agim Veliu, celebráronse eleccións extraordinarias en Podujeva o 29 de novembro de 2020 e Shpejtim Bulliqi de Vetëvendosje gañou as eleccións e pasou a ser o alcalde ata as eleccións municipais de 2021[86].

Eleccións locais de 2021[editar | editar a fonte]

Vetëvendosje participou nas eleccións locais de 2021 e gañou 4 concellos e 193 cargos nos consellos municipais.

Seccións exteriores[editar | editar a fonte]

A primeira representación estranxeira fundouse en Dortmund (Alemaña) en 2005 e conta tamén con seccións en Londres, Bruxelas, Copenhague, Estocolmo, Esmirna, Zúric, Xenebra, Berlín, Stuttgart ou Oslo.

En abril de 2019 estableceuse a seccion de Vetëvendosje en Albania[87], que a diferenza de Kosovo non opera como un partido político, senón como unha organización civil, mais que nas eleccións lexislativas de Albania de 2021 apoiou tres candidatros independentes[88].


Controversias[editar | editar a fonte]

Controversia Madeleine Albright[editar | editar a fonte]

O 10 de decembro de 2012 a embaixadora dos Estados Unidos Tracey Ann Jacobson acusou a Vetëvendosje de enviar unha carta ameazante á exsecretaria de Estado Madeleine Albright [89]. Vetëvendosje respondeu oficialmente catro días despois, e afirmou que "estaban abraiados coas acusacións, e que Kurti nunca enviara carta ningunha á Sra. Albright, pero se alguén tivese probas debería poñelas a disposición do público" [90] e que eles instaran aos cidadáns de Kosovo a enviaren correos electrónicos ás empresas que estaban a competir pola privatización de PTK para comentarlles do dano que a privatización estaba a causar na economía do país e as prácticas incorrectas que se aplicaran durante o proceso. Ao parecer, un dos participantes era un consorcio de Portugal Telecom con Albright Capital Management [91] [92] que abandonou a competición en xaneiro de 2013 [93].

Controversia de protesta de 2013[editar | editar a fonte]

O 27 de xuño de 2013 o movemento organizou unha protesta contra da ratificación do acordo entre o primeiro ministro de Kosovo, Hashim Thaçi, e o primeiro ministro de Serbia, Ivica Dačić, durante a última rolda de negociacións políticas entre Pristina e Belgrado en Bruxelas que organizou Catherine Ashton. Vetëvendosje tentou bloquear todas as entradas ao edificio do parlamento, para impedir a entrada dos asembleístas, e evitar así que a ratificación do acordo. A protesta non tivo éxito e o acordo votouno a maioría dos membros do parlamento. Durante a protesta, a embaixadora estadounidense Tracey Ann Jacobson resultou cunha ferida no brazo dereito mentres entraba por un acceso secundario canda algúns membros da asemblea. Aínda que as probas do vídeo [94] non mostraban contacto físico entre os manifestantes e a embaixadora, confirmado tamén polo asembleísta do LDK Haki Demolli que entrou no edificio canda o embaixador, o incidente agravou a xa difícil relación entre o Departamento de Estado dos Estados Unidos e Vetëvendosje. A reacción foi rápida, tras a declaración oficial da embaixada dos Estados Unidos, a Vetëvendosje criticárono membros do goberno de Kosovo, políticos e a opinión pública. Incluso un partidario de longa data de Vetëvendosje, o antigo embaixador da OSCE Willim Walker, cualificou a acción como un "grande erro". Segundo o xornal Zëri, o Departamento de Estado dos Estados Unidos chamou ao embaixador de Kosovo, Akan Ismajli, en Washington e requiriulle explicacións oficiais, aínda que non procedeu ningún comentario de fontes oficiais de Kosovo.

A reacción de Vetëvendosje foi imprecisa, e Alma Lama, que axiña deixou a vida pública, foi a primeira en pedir desculpas persoalmente á embaixadora dos Estados Unidos. O 1 de xullo de 2013, Glauk Konjufca pediu desculpas a todos os representantes estranxeiros que visitaron ese día o parlamento de Kosovo e Shpend Ahmeti declarou que lamentaba se alguén resultara ferido, mais os efectos negativos do acordo superaban os efectos secundarios da protesta e engadiu que o goberno estaba intentando amosalos como antinorteamericanos, o que non eran. O asistente adxunto do secretario de Estado na Oficina de Asuntos Europeos e Euroasiáticos Philip Reeker, durante a súa visita a Pristina uns días despois, foi duro e moi directo con Vetëvendosje, e referiuse a eles como "pallasos que queren ser violentos". Vetëvendosje respondeu cualificando as acusacións de Reekers de "inxustas e non democráticas" e enviou unha carta de queixa ao Departamento de Estado dos Estados Unidos.

Outras polémicas[editar | editar a fonte]

Os activistas e políticos de Vetëvendosje ignoraron e impugnaron a miúdo os símbolos da República de Kosovo, como a bandeira e o himno. Visar Ymeri, presidente de Vetëvendosje nese momento, negouse a erguerse ao soar o himno cando participaba nun congreso da AKR en 2017 e afirmou que o confundiu cunha melodía de Beethoven [95]. Nunha entrevista antes das eleccións lexislativas de 2019 o presidente de Vetëvendosje, dixo que respectaría os símbolos de Kosovo como primeiro ministro, pero como presidente de Vetëvendosje o himno albanés non é só de Albania, pertence a todos os albaneses e os albaneses tiñan moitas cousas en común, como a bandeira ou a historia. A bandeira de Kosovo non tiña para el nin historia nin valor ningún que non sexa o xeográfico e afirmou que a adopción da bandeira kosovar foi un erro, pero habíaa que aceptar [96].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Kosovo election: Opposition parties claim win". BBC News. 7 de outubro de 2019. 
  2. "Navigating the Battlefield of Kosovo’s Snap Elections". Balkan Insight. 5 de xuño de 2017. 
  3. "Kosovo’s ‘war wing’ coalition wins parliamentary vote". www.euractiv.com. 12 de xuño de 2017. 
  4. "Kosovo leftist Kurti declares election victory". Deutsche Welle. 14 de febreiro de 2021. 
  5. "Kosovo". Parties and Elections in Europe. 
  6. 6,0 6,1 Yabanci, Bilge (2015). "Populism and Anti-Establishment Politics in Kosovo: A Case Study of Lëvizja Vetëvendosje" (PDF). Contemporary Southeastern Europe 3 (2): 17–43. 
  7. Andjelic, Neven. Covid-19, state-power and society in Europe : focus on Western Balkans. Springer. p. 149. OCLC 1291316144. 
  8. "Kosovo lurches to nationalism as Brussels lets down its friends". www.euractiv.com. 16 de xuño de 2017. 
  9. "Former US diplomat backs Albanian nationalist in Kosovo elections". The Guardian. 12 de decembro de 2010. 
  10. Schwandner-Sievers, S. (2013). "Democratisation through Defiance? The Albanian Civil Organisation ‘Self-Determination’ and International Supervision in Kosovo". En Bojicic-Dzelilovic, V., Ker-Lindsay, J., Kostovicova, D. Civil Society and Transitions in the Western Balkans. Palgrave Macmillan. p. 97. doi:10.1057/9781137296252_6. 
  11. Skendaj, Elton (2014). Creating Kosovo International Oversight and the Making of Ethical Institutions. Cornell University Press. p. 133. ISBN 9780801470172. 
  12. Koinova, Maria (2013). Ethnonationalist Conflict in Postcommunist States: Varieties of Governance in Bulgaria, Macedonia and Kosovo. University of Pennsylvania Press. p. 117. ISBN 9780812245226. 
  13. Sörensen, Jens Stilhoff (2009). State Collapse and Reconstruction in the Periphery. Political Economy, Ethnicity and Development in Yugoslavia, Serbia and Kosovo. Berghahn Books. p. 267. 
  14. Lellio, Anna Di (2006). The Case for Kosova: Passage to Independence. Anthem Press. p. xii. 
  15. 15,0 15,1 15,2 "Historik i ‘Lëvizjes VETËVENDOSJE!’" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de febreiro de 2021. Consultado o 28 de xaneiro de 2023. 
  16. Hannes Hofbauer (24 de xaneiro de 2007). "Nationalalbanisch und antiserbisch Kosovo heute: Politischer Alltag unter dem Kolonialregime. Die albanischen Kräfte im Kosovo". Junge Welt. 
  17. 17,0 17,1 "Kosovo: The killing of Mon Balaj and Arben Xheladini– a decade of waiting for justice" (PDF). Amnesty International. 10 de febreiro de 2017. 
  18. "Kosovo (Serbia): Vetevendosje! Activists beaten during Kurti Arrest". Amnesty International. 21 de xuño de 2010. 
  19. "Vdes aktivisti i Vetëvendosjes në Prizren". Klan Kosova. 29 de xaneiro de 2020. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2021. Consultado o 28 de xaneiro de 2023. 
  20. "Violent protests against EU mission in Kosovo". euobserver. 26 de agosto de 2009. 
  21. "Arsyet pse nuk do ta votojmë Behgjet Pacollin - fjala e Visar Ymerit në Kuvendin e Kosovës". Facebook Vetëvendosje. 22 de febreiro de 2011. 
  22. "KZGJEDHJET PËR KUVENDIN E REPUBLIKËS SË KOSOVËS 2010 IZBORI ZA SKUPŠTINU REPUBLIKE KOSOVO 2010" (PDF). kqz-ks.org. 
  23. ""Vetevendosje"-Protest von der Polizei aufgelöst". Der Standard. 14 de xaneiro de 2012. 
  24. "Nationalisten greifen Regierungssitz an". Süddeutsche Zeitung. 22 de outubro de 2012. 
  25. "Partia Socialiste e Kosovës i bashkohet Lëvizjen VETËVENDOSJE! (KSP joins VETËVENDOSJE!)". Kosovo Socialist Party. 26 de abirl de 2013. Archived from the original on 19 de xuño de 2013. Consultado o 31 de xaneiro de 2023. 
  26. "LPK joins forces with Lëvizjen Vetëvendosje!". KosovaLive360. 23 de xullo de 2013. Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2014. Consultado o 28 de xaneiro de 2023. 
  27. "Bashkim në Lëvizje!". Vetëvendosje!. 23 de xullo de 2013. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 28 de xaneiro de 2023. 
  28. Lorimer, Doug (14 de xuño de 1999). "NATO's Balkan War and the Kosova Liberation Struggle". The Activist 9 (5). Arquivado dende o orixinal o 29 de febreiro de 2016. 
  29. "Kosovo and the crisis in the Atlantic Alliance". International Committee of the Fourth International (ICFI). 1 de setembro de 1999. 
  30. "Parteiheft Nr. 445" (PDF). vetevendosje.org. 27 de febreiro de 2015-02-27. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de marzo de 2015. Consultado o 02 de febreiro de 2023. 
  31. "ZGJEDHJET PËR KUVENDIN E KOSOVËS 2017 / IZBORI ZA SKUPŠTINU KOSOVA 2017 – REZULTATET PËRFUNDIMTARE NGA QNR / KONAČNI REZULTATI IZ CPR". Komisioni Qendror i Zgjedhjeve. 2017. 
  32. "Kosovo Activists Overturn Serbian Truck in Schoolbook Protest". Balkan Insight. 3 de marzo de 2016. 
  33. "Kosovo Govt Condemns Attack on Serbian Truck". Balkan Insight. 4 de marzo de 2016. 
  34. "Kosovo Opposition Activists Overturn Second Serbian Truck". Balkan Insight. 11 de marzo de 2016. 
  35. "Radical Kosovo activists overturn truck with Serbian goods". b92. 3 de marzo de 2016. 
  36. Ivo Mijnssen (22 de marzo de 2018). "Kosovo: Opposition verwendet Tränengas im Parlament". Neue Zürcher Zeitung. 
  37. "12 Vetevendosje MPs to form independent parliamentary group". Prishtina Insight. 14 de marzo de 2018. 
  38. "Trump's Envoy Visits Kosovo in Push for New Talks With Serbia". Reuters. 9 de outubro de 2019. 
  39. "Kurti: Na duhet një tjetër lloj shteti". Telegrafi. 18 de agosto de 2013. 
  40. 40,00 40,01 40,02 40,03 40,04 40,05 40,06 40,07 40,08 40,09 40,10 "Alternativa Qeverisëse" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de xullo de 2020. Consultado o 28 de xaneiro de 2023. 
  41. Yabanci, B. (2016). "Populism and anti-establishment politics in Kosovo: a case study of Lëvizja Vetëvendosje". Contemporary Southeastern Europe 3 (2): 17–43. 
  42. Smajljaj, A. (2020). Populism in a never ending and multiple system transformation in Kosovo: the case of Vetevendosje. Journal of Contemporary Central and Eastern Europe, 28(2-3), 199-223.
  43. Strazzari, F., & Selenica, E. (2013). Nationalism and civil society organisations in post-independence Kosovo. In Civil society and transitions in the Western Balkans (pp. 117-134). Palgrave Macmillan, London.
  44. "Will the Albanian Lek become Kosovo's currency in the 'Kurti Government'?". Oculus News. 19 de decembro de 2019. 
  45. "Kurti tregon programin e Vetëvendosjes për ekonominë". Klan Konsova. 13 de xullo de 2017. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2021. Consultado o 28 de xaneiro de 2023. 
  46. "Qeveria për prioritet ka ngritjen e cilësisë së arsimit përmes sistemit dual arsimor". Ekonomia. 4 de febreiro de 2017. 
  47. "Reciprociteti, parimi themelor i Vetëvendosjes në dialogun me Serbinë". Koha. 25 de maio de 2017. 
  48. "Kuvendi nuk miraton rezolutën e Vetëvendosjes për parimet e reciprocitetit". Telegrafi. 23 de xullo de 2020. 
  49. "Politiker Kurti: "Holt uns aus der Patsche, und bringt uns in die EU!"". Der Standard. 5 de outubro de 2019. 
  50. "Kosovo's Likely PM Says Relations With Serbia Should Be Based On 'Reciprocity'". Radio Free Europe. 10 de outubro de 2019. 
  51. "Opposition Vetevendosje Party Triumphs in Kosovo Election". Balkan Insight. 7 de outubro de 2019. 
  52. "Vetëvendosja për ndryshimin e Kushtetutës". BBC Albanian (en albanés). 
  53. "Fondi Sovran i Republikës së Kosovës dhe Banka Zhvillimore". Vetëvendosje. Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2021. Consultado o 28 de xaneiro de 2023. 
  54. "Albin Kurti: Shërbimi ushtarak do të bëhet i detyrueshëm". Kallxo. 3 de febreiro de 2020. 
  55. "Kosovo: Self-Determination Leader Kurti Arrested". Balkan Insight. 14 de xuño de 2010. 
  56. Vujadinovic, Ljubica (16 de xuño de 2010). "Albin Kurti Is Getting Ready For Kosovo Elections". allvoices.com. 
  57. "Radical ethnic Albanian leader arrested". B92. 13 de xuño de 2010. 
  58. Finer, Jonathan (23 de agosto de 2007). "Kosovo Independence Activist Puts Hope in 'No Negotiation'". 
  59. Collaku, Petrit (8 de decembro de 2010). "Albin Kurti, Guardian of Flame of Kosovo Nationalism". Balkan Insight. 
  60. "Results of the last Elections". 
  61. "Kosovo election prompts EU observer fraud claims". BBC News. 13 de decembro de 2010. 
  62. "Pamje amatore nga zgjedhjet në vitin 2010, kështu u vodhën votat nga PDK-ja". Insajderi. outubro de 2010. 
  63. "Kosovo’s Vetevendosje Makes Leap From Street to Parliament". BalkanInsight. 15 de decembro de 2010. 
  64. "Kosovë: Zgjedhjet do të përsëriten në pesë komuna". Deutsche Welle. 17 de decembro de 2010. 
  65. "Deputetët e Lëvizjes për Bashkim tërhiqen nga GP i Vetëvendosjes!". 20 de setembro de 2011. Archived from the original on 26 de setembro de 2011. Consultado o 05 de febreiro de 2023. 
  66. "Kosovo forms new government". politico. 9 de decembro de 2014. 
  67. "Kosovo opposition protests turn violent in Pristina". BBC News. 9 de xaneiro de 2016. 
  68. "Kosovo Opposition Releases Tear Gas in Parliament". New York Times. 20 de febreiro de 2016. 
  69. "REZULTATET PËRFUNDIMTARE NGA QNR = 2017" (PDF). KQZ. 
  70. "Zyrtarisht formohet Grupi i Deputetëve të Pavarur". Koha. 14 de marzo de 2018. 
  71. "PM Kurti sacks Minister of Internal Affairs Agim Veliu". Prishtina Insight. 18 de marzo de 2020. 
  72. "Coronavirus Helps Bring Down Kosovo’s Government, With Nudge From U.S.". New York Times. 10 de setembro de 2020. 
  73. "Kosovo’s government just fell – but it’s down to US meddling rather than coronavirus". The Conversation. 27 de marzo de 2020. 
  74. "Trump is looking for a foreign policy coup in the Balkans". Al Jazeera. 4 de marzo de 2020. 
  75. "Votimi i qeverisë Hoti i lë jashtë Kuvendit 5 njerëzit më të votuar në LVV si dhe Lumir Abdixhikun nga LDK". Kallxo. 3 de xuño de 2020. 
  76. "Kosovo's highest court rules parliamentary vote electing government was illegal". Reuters. 21 de decembro de 2020. 
  77. "Kosovo Ex-PM Albin Kurti Barred from Running in Election". BalkansInsight. 26 de xaneiro de 2021. 
  78. "Këta janë 7 deputetët e listës “Guxo” të Vjosa Osmanit". Denica Press. Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2023. Consultado o 05 de febreiro de 2023. 
  79. "Lista e Vjosa Osmanit humb dy mandate të deputetëve". Balkani. 23 de marzo de 2021. 
  80. "Deputetja e PDK-së, Adelina Grainca kalon në Vetëvendosje". Telegrafi. 4 de abril de 2021. 
  81. "Zgjedhjet për Kryetarë të Komunave". 
  82. "KQZ shpall rezultatet përfundimtare, PDK kryeson si parti". Bota Sot. 2 de decembro de 2013. 
  83. "PDK humb “Jerusalemin” – fiton Vetëvendosje". Insajderi. 23 de outubro de 2017. 
  84. "Shpend Ahmeti jep dorëheqje nga Vetëvendosje". Telegrafi. 7 de marzo de 2018. 
  85. "Agim Bahtiri kalon në Vetëvendosje". Koha. 21 de agosto de 2019. 
  86. "Rezultatet sipas komunave" (PDF). 
  87. "Misioni". -Shiqiperi Vetëvendosje. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2021. Consultado o 05 de febreiro de 2023. 
  88. "Tre kandidatët që i mbështet Lëvizja u çertifikuan nga KQZ". Shiqiperi Vetëvendosje. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2021. Consultado o 05 de febreiro de 2023. 
  89. "Jacobson: Kurti kërcënoi ish-sekretaren Albright". Telegrafi. 10 de decembro de 2012. 
  90. "Vetëvendosje, letër ambasadores amerikane në Kosovë". Gazeta Shekulli. 11 de decembro de 2012. Archived from the original on 16 de decembro de 2012. Consultado o 05 de febreiro de 2023. 
  91. "Katër Vjet për Shitjen e PTK-së". Kallxo. 18 de agosto de 2012. 
  92. "Albright në garë për PTK-në". Top-Channel. 15 de agsoto de 2012. 
  93. "Albright company withdraws bid for PTK". B92. 27 de decembro de 2012. 
  94. Ambasadorja amerikane duke hyrë në Kuvend. youtube. 
  95. "Visar Ymeri tregon pse nuk ishte ngritur në këmbë për himnin e Kosovës". Periscopi. 22 de abril de 2018. 
  96. "Albin Kurti flet për simbolet shtetërore të Republikës së Kosovës". Gazeta Express. 16 de setembro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2019. Consultado o 05 de febreiro de 2023.