Vera Menchik

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vera Menchik
Nacemento16 de febreiro de 1906 e 16 de febreiro de 1906
Lugar de nacementoMoscova
Falecemento26 de xuño de 1944
Lugar de falecementoClapham
NacionalidadeReino Unido e Checoslovaquia
Ocupaciónxadrecista
CónxuxeRufus Henry Streatfeild Stevenson
IrmánsOlga Menchik
PremiosCampionato Mundial Feminino de Xadrez
Na rede
WikiTree: Menchik-1
editar datos en Wikidata ]

Vera Frantsevna Menchik (ruso: Вера Францевна Менчик; checo: Věra Menčíková), nada en Moscova o 16 de febreiro de 1906 e finada en Londres o 26 de xuño de 1944, foi unha xadrecista británica-rusa-checoslovaca que se converteu na primeira gañadora do Campionato Mundial Feminino de Xadrez.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Menchik nun selo de Iugoslavia de 2001

Seu pai, František Menčík era administrador de propiedades da aristocracia rusa e natural de Bystra nad Jizerou, na Bohemia austrohúngara. Súa nai, Olga Illingworth (c. 1885-1944),[1] era unha institutriz británica. Vera naceu na capital rusa en 1906 e o ano seguinte naceu súa irmá Olga. Con nove anos seu pai regaloulle un xogo de xadrez e aprendeulle a xogar. Cando tiña 15 anos o seu club escolar organizou un torneo de xadrez e quedou segunda.

Como resultado da Revolución Rusa de 1917 a familia perdeu a casa e o muíño que tiña en propiedade e o matrimonio acabou separándose. O pai volveu a Bohemia e en 1921 a nai e as dúas fillas foron a Inglaterra e establecéronse en Hastings. Vera, que tiña como lingua habitual o ruso e falaba mal o inglés, viu a súa participación no club de xadrez local como unha actividade ideal e así entrou no club o 18 de marzo de 1923.[2] Comezou a tomar leccións, foi alumna do gran mestre Géza Maróczy e deu o paso de xogar competicións oficiais.

En decembro de 1923 xogou o seu primeiro torneo internacional, no Hastings Congress, e quedou en táboas con Edith Price, a campioa feminina británica do momento. No seguinte Hastings Congress que se celebrou no Nadal de 1924/25 volveu xogar no Grupo A, primeira clase, e terminou segunda con cinco puntos de sete. De novo enfrontouse con Price na última rolda do grupo de gañadores e outra volta quedaron en táboas.

En 1925 competiu en dous encontros con Price e gañou os dous, consagrándose como a principal xogadora do país mais ao non ter aínda a nacionalidade británica non podía participar nas competicións nacionais.

En xaneiro de 1926 gañou o primeiro Aberto Xuvenil Feminino no Imperial Club en Londres coa súa irmá Olga en terceiro lugar. En 1927 logrou manter o título e Olga foi segunda. No ano seguinte Vera por idade xa non puido participar, e Olga foi outra volta segunda[3]. En 1933 fíxose co título de campión da Unión Central de Xogadores de Xadrez de Checoslovaquia, competindo en pé de igualdade cos xogadores masculinos[4].

Campionato Mundial Feminino[editar | editar a fonte]

Gañou o primeiro Campionato Mundial Feminino en 1927, e defendeu o seu título seis veces en todos os outros campionatos realizados durante a súa vida, e totalizou unha soa partida perdida, gañou 78 e quedou en táboas en catro[5].

  • 1927, representou a Rusia no 1º Mundial Feminino en Londres e logrou o 1º lugar con (+10-0=1).
  • 1930, representou a Checoslovaquia no 2º en Hamburgo e ocupou o 1 º lugar con (+6-1=1).
  • 1931, representou a Checoslovaquia no 3º en Praga e ocupou o 1 º lugar con (+8-0=0).
  • 1933, representou a Checoslovaquia no 4º en Folkestone e ocupou o 1 º lugar con (+14-0=0).
  • 1935, representou a Checoslovaquia no 5º en Varsovia e quedou en 1 º lugar con (+9-0=0).
  • 1937, representou a Checoslovaquia no 6ª en Estocolmo e logrou o 1 º lugar con (+14-0=0).
  • 1939, representou a Inglaterra no 7º en Buenos Aires e obtivo o 1 º lugar con (+17-0=2).

Tamén gañou dous partidos contra Sonja Graf para o título mundial feminino; (+3-1=0) en Rotterdam 1934, e (+9-2=5) en Semmering 1937.

Torneos internacionais[editar | editar a fonte]

Vera Menchik durante o xogo dunha partida en 1935

A partir de 1929 participou en varios dos torneos de Hastings:

  • Hastings 1929, 9ª sobre 10 xogadores, (+2-4=3)[6]
  • Hastings 1931, empatada nos postos 5º–8º sobre 10 xogadores, (+3-4=2)[7]
  • Hastings 1932, empatada nos postos 6º–8º sobre 10 xogadores, (+2-4=3)[8]
  • Hastings 1933, 8ª sobre 10 xogadores, (+2-6=1)[9]
  • Hastings 1934, 8ª sobre 10 xogadores, (+1-4=4)[10]
  • Hastings 1936, empatada nos postos 9º–10º sobre 10 xogadores, (+0-4=5)[11]

O torneo máis importante dos xogados por Menchik foi o Torneo de Moscova de 1935 que contou cos campións mundiais Botvinnik, Capablanca e Lasker, así como un gran número de xogadores de elite entre os que estaban futuros campións mundiais como Flohr, Ragozin, Spielmann, Levenfish ou Lilenthal. Aquí, Menchik terminou en último lugar, 20ª sobre 20 competidores cunha puntuación de (+0-16=3)[12].

Outros grandes torneos internacionais nos que participou inclúen o de Karlsbad en 1929, onde rematou a última, 22ª de 22 xogadores, cunha puntuación de (+2-17=2)[13] e Lodz en 1938, no que rematou 15ª de 16, cunha puntuación de (+1-9=5).[14].

Os seus mellores resultados en torneos internacionais foron os de Ramsgate en 1929 que seguía o sistema Scheveningen con 7 xogadores dun equipo competindo contra outro equipo doutros 7. Menchik rematou invicta coa puntuación (+3-0=4)[15]. En 1934 rematou en 3º lugar de 9 xogadores en Maribor tras Lajos Steiner e Vasja Pirc, pero por diante de Rudolf Spielmann e Milán Vidmar, cunha puntuación de (+3-1=4)[16]. En 1942 gañou un partido contra Jacques Mieses (+4-1=5)[17]. Así e todo, Mieses contaba con 77 anos de idade e non era un participante activo en torneos.

«Club Vera Menchik»[editar | editar a fonte]

Cando en 1929 Menchik entrou no torneo de Karlovy Vary, o mestre austríaco Albert Becker ridiculizouna ao propoñer que calquera xogador ao que Menchik derrotara habíalle que conceder a adhesión ao «Club Vera Menchik». Mais nese torneo, o propio Becker converteuse no primeiro membro do «club».[18][19] A Becker seguíronno Conel Hugh O'Donel Alexander, Abraham Baratz, Eero Böök, Edgard Colle, Max Euwe, Harry Golombek, Mir Sultan Khan, Frederic Lazard, Jacques Mieses, Stuart Milner-Barry, Karel Opočenský, Brian Reilly, Samuel Reshevsky, Friedrich Sämisch, Lajos Steiner, George Alan Thomas, William Winter e Frederick Yates.[17][20][21]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1937 casou con Rufus Henry Streatfeild Stevenson (1878-1943) editor de subscricións da British Chess Magazine .

O 26 de xuño de 1944, no decurso da segunda guerra mundial, unha bomba V1 destruíu a súa casa no 47 de Gauden Road no distrito de Clapham, ao sur de Londres. No ataque morreron ela, súa irmá Olga e súa nai.[22] Incineránse os tres en Streatham Park Crematorium o 4 de xullo de 1944[23].

Durante toda a súa carreira competiu reprentando a Checoslovaquia. Con todo, nos resultados do primeiro Campionato Mundial Feminino de 1927 apareceu como rusa e no Campionato de Buenos Aires de 1939 como inglesa.[24] O trofeo do equipo vencedor na Olimpíada de Xadrez Feminino coñécese como a Copa é coñecido como o Vera Menchik.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. CWGC "Olga Menchik" Casualty Record, Wandsworth Metropolitan Borough.
  2. Tanner, Robert B. (2016). Vera Menchik: A Biography of the First Women's World Chess Champion, with 350 Games. McFarland. p. 10. 
  3. Brian Denman "Vera Menchik". hastingschessclub.co.uk
  4. Veselý J., Kalendovský J. e Formánek B. (1989). Malá encyklopedie šachu. Praga: Olympia. pp. 219–220. 
  5. Leontxo García (2013). Ajedrez y ciencia, pasiones mezcladas. Planeta. p. 29. 
  6. "Hastings 2930 1929 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  7. "Hastings 3132 1931 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  8. "Hastings 3233 1932 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  9. "Hastings 3334 1933 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  10. "Hastings 3435 1934 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  11. "Hastings 3637 1936 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  12. "Moscow 1935 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  13. "Karlsbad 1929 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  14. "Lodz 1938 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  15. "Ramsgate schev 1929 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  16. "Maribor 1934 – 365Chess.com Tournaments". 365chess.com.
  17. 17,0 17,1 Anne Sunnucks, The Encyclopaedia of Chess, St. Martin's Press, 1970, p. 306.
  18. Chess Notes Winter, Edward, Chess Note 3433 (sinopse de Sunnucks, Anne, Encyclopaedia of Chess (1976)).
  19. Menchik–Becker, Karslbad 1929. ChessGames.com
  20. B.M. Kazić, International Championship Chess: A Complete Record of FIDE Events, Pitman, 1974, p. 260. ISBN 0-273-07078-9.
  21. Wins by Vera Menchik. ChessGames.com
  22. CWGC Casualty Record, Wandsworth Metropolitan Borough.
  23. Robert B. Tanner (2016). Vera Menchik: A Biography of the First Women's World Chess Champion. McFarland Publications. ISBN 978-0786496020. 
  24. Turov B. I. (1983). Perly šachové tvorby. Praga: Olympia. pp. 90 e ss.