Venus de Predmost

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Interpretación do gravado da figura feminina de Predmost, segundo Obermaier, 1924

A Venus de Predmost é unha representación esquematizada dunha figura feminina, gravada sobre un cairo de mamut, atopada no lugar de Predmost (ou Předmostí), no centro de Moravia, no que hoxe é a República checa, entre os anos 1895 e 1896. A peza exhíbese na actualidade no Museo Nacional de Praga.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi descuberta por Martin Kriz nunha campaña entre os anos 1895-1896, no sitio de Predmost (checo Předmostí), preto da cidade de Prerov (checo Přerov).

O gravado da muller atopouse nunha defensa de mamut de 29 cm de longo. A figura ten unha altura duns 108 mm[1].

O primeiro que interpretou os trazos incisos como unha figura foi Hugo Obermaier, en 1924, é dicir case trinta anos despois da descuberta da peza.

A súa datación non é nada segura. O asentamento está composto por depósitos de loes, e foi un dos primeiros en ser escavado na antiga Checoslovaquia, desde 1880, sen que sempre se tomasen as precacucións axeitadas para fixar os estratos. Obermaier clasificouno como unha peza solutrense, mais certos investigadores[2] opinan que pode ser máis antiga, talvez gravetiense (25.000 a 18.000 anos a.n.e.).

Descrición[editar | editar a fonte]

A muller está figurada cunha cabeza triangular, cun queixo puntiagudo que lembra o da Venus de Vestonice[3]; os peitos están representados por óvalos, insinuándose que sexan quizais seos caídos; os brazos son trazos paralelos; a parte ventral está esbozada por unha sorte de círculo e máis un óvalo, nos que hai unha serie de incisións; das pernas apenas se conserva a dereita, que se insinúa cunha serie de trazos verticais.

Foto da peza que contén o gravado da Venus de Predmost, Museo Nacional de Praga

Valoración[editar | editar a fonte]

Esta figura feminina é diferente ao que se coñece sobre as representacións femininas paleolíticas, aínda que si hai figuracións do mesmo estilo. Para Giedion a cabeza talvez sexa unha máscara ou unha cabeza de ave esquematizada, e pona en relación con figuras femininas representadas na cova de Pech-Merle (na Sala dos Xeroglíficos), en Francia e outras de antropomorfos da cova de Addaura (Sicilia). Giedeon incluso, desde un punto de vista estético, coida que o anónimo artista prehistórico simplificou, eliminando o superfluo, até o extremo do que na era contemporánea farían Paul Klee ou Pablo Picasso[4].

Para Giedion todas as Venus prehistóricas son evidentes ídolos da fertilidade, claro que André Leroi-Gourhan ante idea tan evidente e outras máis criticables terminará por dicir que non sabemos nada sobre o sentido profundo das denominadas Venus[5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Henri Delporte, La imagen de la mujer en el arte prehistórico, px. 152; porén Sigfried Gidion dalle unha altura de 15,5 cm (cfr. El presente eterno, px. 493).
  2. Karel Zebera, p. ex., Delporte, op. cit., px. 152; e Henri Breuil segundo Giedion, op. cit. px. 494.
  3. Delporte, op. cit., ibid.
  4. Gidion, op. cit. px. 497.
  5. Leroi-Gourhan, Las religiones de la Prehistoria. 1987, px. 114, trad. dun orixinal francés de 1964.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Delporte, Henri, La imagen de la mujer en el arte prehistórico. Madrid. Ed. Istmo. 1982, trad. española de L'image de la Femme dans l'Art préhistorique. París 1979.
  • Giedion, Sigfrid, El presente eterno: los comienzos del arte: una aportación al tema de la constancia y el cambio. Alianza. Madrid 1981, trad. española de The Eternal Present: The Beginnings of Art (1958).