Saltar ao contido

Venera 7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Venera 7
Selo postal conmemorando Venera 7
TipoCientífico
Data de lanzamento17 de agosto de 1970[1][2]
Foguete portadorMolniya MVL[3]
Sitio de lanzamentoCosmódromo de Baikonur[4][3][5]
Obxectivo da misiónEstudo de Venus.[4][3][5]
NSSDC ID1970-060A
Masa1180 kg[4]

Venera 7 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 17 de agosto de 1970 mediante un foguete Molniya MVL desde o cosmódromo de Baikonur para a exploración de Venus. Levaba un aterrizador que se converteu no primeiro obxecto en aterrar suavemente na superficie doutro planeta e transmitir datos desde ela.[1][4][3][5][2][6]

Características

[editar | editar a fonte]

Venera 7 foi unha sonda de tipo V-70 lanzada pola Unión Soviética que debía ser acompañada uns días despois por unha sonda xemelga pero que non chegou a abandonar a órbita terrestre. Tiña unha masa duns 1180 kg e era similar ás Venera 5 e Venera 6. A misión principal era o estudo directo da atmosfera de Venus e chegar á superficie para retransmitir datos desde ela, para o cal a nave levaba un módulo de descenso de 490 kg construído masivamente máis robusto que os das Veneras 5 e 6. Para soportar a presión e o impacto contra a superficie a sonda de descenso tiña forma esférica e estaba feita de titanio, engadíndolle material para absorber o impacto, sendo capaz de resistir ata 180 atmosferas de presión e ata 540 °C. A sonda levaba un pequeno paracídas de 2,5 m2 para unha caída máis rápida e pasar menos tempo na atmosfera. Como instrumentos de a bordo levaba un termómetro de resistencia e un barómetro aneroide. A sonda alimentábase con baterías e os datos enviábanse directamente á Terra cunha antena de baixa ganancia na banda decimétrica a unha velocidade de 1 bit/s.[1][4][3][5][2][6][7]

Modelo da cápsula de descenso de Venera 7.

O bus era case idéntico ao de Venera 4, con forma cilíndrica, 3,5 m de alto e con dous paneis solares cunha superficie total de 2,5 m2 e 4 m de envergadura. As comunicacións tiñan lugar medianta unha antena parabólica de 2,3 m de diámetro na parte do cilindro oposto ao dos paneis solares. No extremo dun dos paneis atopábase unha antena cónica omnidireccional. O control de actitude conseguíase mediante pequenos propulsores, usando sensores solares, terrestres e estelares para situarse no espazo. O bus levaba o seu propio conxunto de instrumentos científicos, consistente nun detector de vento solar e un detector de partículas enerxéticas.[1][4][3][5][2][6][7]

Desenvolvemento da misión

[editar | editar a fonte]

Venera 7 engalou o 17 de xaneiro de 1970 a bordo dun foguete Molniya xunto coa súa plataforma de lanzamento orbital coa que quedou nunha órbita terrestre. A etapa propulsora acendeuse máis tarde, poñendo a Venera 7 en camiño cara Venus, cunha corrección de traxectoria o 2 de outubro e outra o 17 de novembro. O módulo de descenso arrefriouse ata os -8 °C para soportar mellor as altas temperaturas do planeta, entrando no lado nocturno do planeta o 15 de decembro de 1970 ás 4:58:55 UTC. Despois do freado atmosférico despregouse o paracaídas, a unha altura de 60 km sobre a superficie, estendéndose a antena da cápsula e comezando a enviar datos. Seis minutos despois o paracaídas rompeu, coa cápsula en caída libre durante 29 minutos, impactando na superficie ás 5:34:10 UTC a uns 17 m/s e co seu sinal debilitándose ata un 3% do seu máxima, aumentando ao máximo durante un segundo e despois aparentemente desaparecendo. Análises posteriores das gravacións das sinais de radio mostraron que a cápsula seguiu transmitindo moi debilmente, ao 3%, durante 23 minutos. Creese que debido á gran velocidade de impacto, a cápsula rebotou e acabou descansando sobre un lateral, coa antena apuntando nunha dirección distinta á da Terra.[1][4][3][5][2][6][7]

Resultados científicos

[editar | editar a fonte]

O barómetro da cápsula fallou durante o descenso, pero o termómetro rexistrou unha temperatura constante de 475 °C na superficie. Extrapolando a partir de medicións de radio mediante efecto Doppler deduciuse unha presión de 92 bares na superficie e un vento cunha velocidade de 2,5 m/s.[1][4][3][5][2][6][7]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 N2YO (2025). Real Time Satellite Tracking, ed. "VENERA 7" (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2025. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Note verbale dated 25 February 2011 from the Permanent Mission of the Russian Federation to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF). 25 de febreiro de 2011. Consultado o 4 de outubro de 2025. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Gunter Dirk Krebs (2025). Gunter's Space Page, ed. "Venera 7 (V-70 #1, 2)" (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2025. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 NASA (28 de outubro de 2022). "Venera 7" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2025. Consultado o 4 de outubro de 2025. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Mark Wade (2025). "Venera 3V-70" (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2025. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Don P. Mitchell (2003). "Plumbing the Atmosphere of Venus" (en inglés). Consultado o 4 de outubro de 2025. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 NASA (28 de outubro de 2022). "Venera 7 Descent Craft" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2025. Consultado o 4 de outubro de 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]