Saltar ao contido

Venera 6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Venera 6
Selo postal conmemorando Venera 6
TipoCientífico
Data de lanzamento10 de xaneiro de 1969, 5:51 GMT[1][2]
Foguete portadorMolniya M[3]
Sitio de lanzamentoCosmódromo de Baikonur[4][3][5]
Obxectivo da misiónEstudo de Venus.[4][3][5]
NSSDC ID1969-002A
Masa1130 kg[4]

Venera 6 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 10 de xaneiro de 1969 mediante un foguete Molniya M desde o cosmódromo de Baikonur para a exploración de Venus.[1][4][3][5][2][6]

Características

[editar | editar a fonte]

Venera 6 foi unha sonda de tipo V-69 lanzada pola Unión Soviética despois da súa sonda xemelga, Venera 5. Tiña unha masa duns 1130 kg e era similar a Venera 4, pero cun deseño máis robusto. A misión principal era o estudo directo da atmosfera de Venus, para o cal se enviou un módulo de descenso de 405 kg acaroado ao bus principal. O módulo de descenso tiña forma de esfera de 103 cm de diámetro e podía soportar deceleracións de 450 G, temperaturas máximas de 320 °C e presións máximas de 25 a 27 bares. Usaba un escudo térmico ablativo para soportar a reentrada atmosférica e levaba un paracaídas máis pequeno, de 15 m2, que o da Venera 4 para caer máis rápido na densa atmosfera venusinar e poder recoller datos de diversas partes da atmosfera ata a superficie sen esgotar as baterías. Dispoñía de dous compartimentos presurizados, un máis pequeno cos paracaídas, a antena helicoidal para transmisións e as antenas para o altímetro radar, e outro máis grande coa maior parte da instrumentación e presurizado a 2,5 bar. Levaba a bordo un altímetro radar, tres termómetros de resistencia, barómetros aneroides, once analizadores de gas, un densitómetro de ionización e sensores fotoeléctricos. Tamén levaba unha medalla co escudo de armas da Unión Soviética e un relevo de Lenin. Para illar termicamente o interior, as paredes do módulo estaban feitas de materiais sublimables, illamento téxtil multicapa, amianto e un ventilador para remexer o aire. As baterías tiñan unha capacidade de 28 amperios-hora. Os datos enviábanse directamente á Terra cunha antena de baixa ganancia na banda decimétrica a unha velocidade de 1 bit/s. O módulo descendeu na parte nocturna de Venus.[1][4][3][5][2][6][7]

O bus era case idéntico ao de Venera 4, con forma cilíndrica, 3,5 m de alto e con dous paneis solares cunha superficie total de 2,5 m2 e 4 m de envergadura. As comunicacións tiñan lugar medianta unha antena parabólica de 2,3 m de diámetro na parte do cilindro oposto ao dos paneis solares. No extremo dun dos paneis atopábase unha antena cónica omnidireccional. O control de actitude conseguíase mediante pequenos propulsores, usando sensores solares, terrestres e estelares para situarse no espazo. O bus levaba o seu propio conxunto de instrumentos científicos, consistente en detectores de partículas e un fotómetro ultravioleta. [1][4][3][5][2][6][7]

Instrumentos

[editar | editar a fonte]

Venera 6 levaba os seguintes instrumentos no módulo de descenso[6][7]:

  • Tres termómetros de resistencia de platino.
  • Seis barómetros aneroides para rangos de presión de 0,13 a 6,6, 0,66 a 26 e 1 a 39 atm.
  • Un densitómetro de diapasón para un rango de 0,5 a 40 kg/m3.
  • Un fotómetro para o resplandor atmosférico.
  • Analizadores de gas.
  • Un altímetro radar.

Desenvolvemento da misión

[editar | editar a fonte]

Venera 6 engalou o 10 de xaneiro de 1969 a bordo dun foguete Molniya xunto coa súa plataforma de lanzamento orbital coa que quedou nunha órbita terrestre. A etapa propulsora acendeuse máis tarde, poñendo a Venera 6 en camiño cara Venus, cunha corrección de traxectoria o 16 de marzo de 1969. O módulo de descenso separouse do bus o 17 de maio de 1969, a unha distancia de 25 000 km de Venus, entrando sobre o lado nocturno do planeta. Cando o módulo disminuiu a súa velocidade a 210 m/s na atmosfera venusina, despregouse o paracaídas, comezando a transmisión de datos cara a Terra. A nave enviou medicións dos instrumentos cada 45 segundos durante un total de 51 minutos antes de ser destruída pola presión das profundidades da atmosfera, que alcanzou as 27 atm do deseño da nave a unha altura de entre 10 e 12 km sobre a superficie. A temperatura do interior era duns 28 °C na transmisión final, dentro dos límites operativos.[1][4][3][5][2][6][7]

Resultados científicos

[editar | editar a fonte]

A misión confirmou as elevadas temperaturas e presións do planeta e unha composición atmosférica case completamente de dióxido de carbono (do 93% a 97% do total da atmosfera), case total ausencia de vapor de auga (11 mg/l), menos dun 2% de nitróxeno e menos dun 0,1% de oxíxeno. Venera 6 estudou a composición química da atmosfera a maiores presións que Venera 5, entre 2 e 10 atm. O fotómetro non chegou a funcionar.[1][4][3][5][2][6][7]

  1. 1 2 3 4 5 6 N2YO (2025). Real Time Satellite Tracking, ed. "VENERA 6" (en inglés). Consultado o 3 de outubro de 2025.
  2. 1 2 3 4 5 6 "Letter dated 7 April 1969 from the Permanent Representative of the Union of Soviet Socialist Republics addressed to the Chairman of the Committee on the Peaceful Uses of Outer Space" (PDF) (69-08572). 24 de abril de 1969: 2. Consultado o 3 de outubro de 2025.
  3. 1 2 3 4 5 6 7 8 Gunter Dirk Krebs (2025). Gunter's Space Page, ed. "Venera 5, 6 (V-69 #1, 2)" (en inglés). Consultado o 3 de outubro de 2025.
  4. 1 2 3 4 5 6 7 8 NASA (28 de outubro de 2022). "Venera 6" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2025. Consultado o 3 de outubro de 2025.
  5. 1 2 3 4 5 6 7 Mark Wade (2025). "Venera 2V" (en inglés). Consultado o 3 de outubro de 2025.
  6. 1 2 3 4 5 6 Don P. Mitchell (2003). "Plumbing the Atmosphere of Venus" (en inglés). Consultado o 3 de outubro de 2025.
  7. 1 2 3 4 5 NASA (28 de outubro de 2022). "Venera 5" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de maio de 2025. Consultado o 3 de outubro de 2025.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]