Saltar ao contido

Venera 4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Venera 4
Modelo da Venera 4 no Museo Memorial de Cosmonáutica
TipoCientífico
Data de lanzamento12 de xuño de 1967, 2:39 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorMolniya M[2][3][5]
Sitio de lanzamentoCosmódromo de Baikonur[2][3][5][6]
Obxectivo da misiónEstudo de Venus.[2][3][5][6]
NSSDC ID1967-058A
Masa1106 kg[2][3]

Venera 4 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 12 de xuño de 1967 mediante un foguete Molniya M desde o cosmódromo de Baikonur para a exploración de Venus. Foi a única sonda de tipo 1V en ser lanzada, derivada do modelo 3MV.[1][2][3][5][6][4][7]

Características

[editar | editar a fonte]

Venera 4 estaba formada por dous compoñentes: a sonda de transporte e a sonda de descenso. A sonda de descenso foi acoplada á de transporte toda a viaxe cara Venus para ser liberada varios días antes de entrar na atmosfera de Venus para estudala. Foi a primeira sonda en transmitir datos desde a atmosfera doutro planeta.[1][2][3][5][6][4][7]

A sonda de transporte medía 3,5 m de alto, tiña unha masa de 1106 kg e xeraba enerxía mediante dous paneis solares de 2,5 m2 cunha envergadura total de 4 m. Levaba unha antena parabólica de alta ganancia de 2,3 m de diámetro acoplada ao corpo central da sonda, de forma cilíndrica, e unha antena cónica omnidireccional montada no extremo dun dos paneis solares. As comunicacións tiñan lugar mediante dous transmisores a 922 MHz, a unha velocidade de 1 bit/s. A sonda dispoñía dun motor principal para manobras de corrección de traxectoria, propulsores máis pequenos para control de actitude, así como sensores estelares, solares e terrestres para coñecer a súa posición. A instrumentación científica de a bordo consistía nun magnetómetro, detectores de raios cósmicos, detectores de osíxeno e hidróxeno e trampas para partículas cargadas.[1][2][3][5][6][4][7]

A sonda de descenso tiña unha masa de 383 kg, tiña forma aproximadamente esférica, medía uns 103 cm de diámetro e ía protexida dentro dun escudo térmico. Internamente estaba dividida en dous compartimentos, un cos paracaídas, a antena helicoidal para transmitir datos e as antenas do radar altímetro, e outro (máis grande) levaba a maior parte da instrumentación e ía presurizado a 2 bares. Como instrumentos científicos, levaba dous termómetros, un barómetro, un radioaltímetro, un medidor de densidade atmosférica, once analizadores de gas e dous transmisores de radio. Ademais levaba unha bandeirola conmemorativa da Unión Soviética. O equipamento estaba deseñado para soportar unha deceleración de 300 G. Unha vez na atmosfera a sonda tiña unha protección térmica en forma de materiais sublimantes, illamento multicapa en panal de abella, amianto e un ventilador para remover o aire interno. A enerxía procedía dunha batería cunha capacidade de 28 Ah cunha duración duns 100 minutos. Na parte inferior a sonda levaba un amortecedor e a distribución da masa interna estaba deseñada para concentrarse na parte baixa para manter a estabilidade durante o descenso. A sonda transmitía directamente á Terra mediante unha antena de baixa ganancia a 922,8 MHz e a unha velocidade de 1 bit/s. As medicións científicas facíanse en ciclos de 48 segundos controlados por un conmutador.[1][2][3][5][6][4][7]

Instrumentos

[editar | editar a fonte]

A sonda de transporte levaba os seguintes instrumentos a bordo[7]:

  • Magnetómetro triaxial de porta de fluxo.
  • Catro trampas de ións.
  • Dous contadores de descarga de gas.
  • Dous detectores de radiación de estado sólido de silicio.
  • Espectrómetros Lyman alfa para a detección do hidróxeno e osíxeno atómicos.

A instrumentación da sonda de descenso era a seguinte[7]:

Perfil da misión

[editar | editar a fonte]

Venera 4 foi lanzada o 12 de xuño de 1967 e fixo unha corrección de traxectoria o 29 de xullo e o 18 de outubro soltou a sonda de descenso para que iniciara unha viaxe por separado ata Venus. A sonda arrefriouse ata -10 °C no momento de ser soltada e entrou na atmosfera venusina no lado nocturno e no centro do disco de Venus visto desde a Terra, ás 4:34 UTC, protexida por un escudo térmico ablativo que a freou ata que aos 1032 km/h e a 0,6 atmosfera, desprendeuse del para liberar o paracaídas de freado, de 2,2 m de diámetro. A unha altura de 52 km a sonda despregou un paracaídas máis grande, de 55 metros, e despregáronse as antenas do radar altímetro. A densidade da atmosfera foi maior que a esperada, polo que o descenso foi máis lento que o planeado. Os instrumentos científicos tomaron datos durante 93 minutos ata que a sonda deixou de transmitir, ben por esgotamento das baterías, ben polo fallo da sonda debido á presión (22 bares no momento de quedar en silencio) e á temperatura (277 °C): na época de Venera 4 aínda non se estaba seguro das condicións reais na superficie do planeta, polo que non foi deseñada para soportar os 90 bares de presión e os aproximadamente 500 °C que existen na superficie. No momento de deixar de transmitir, a sonda estaba sobre Eistla Regio, a uns 19° N e 38° E, e a uns 25 km de altura. A nave de transporte entrou na atmosfera tras facelo a sonda de descenso, destruíndose.[1][2][3][5][6][4][7]

Resultados científicos

[editar | editar a fonte]

Os detectores de raios cósmicos mediron un 25% menos de raios cósmicos que Venera 2 debido ao ciclo solar, e á súa vez Venera 5 detectou un 15% menos de raios que Venera 4. Pouco antes da chegada a Venus, a sonda de transporte detectou unha coroa de hidróxeno arredor do planeta, produto do choque do vento solar coa atmosfera de Venus. A sonda de descenso atopou unha composición atmosférica de entre o 90 e o 95% de dióxido de carbono, mentres que a nave de transporte non detectou nin campo magnético nin cintos de radiación, detectando hidróxeno atómico a 9900 km de altura. As medicións de temperatura variaron dos 31 °C a 0,75 atmosfera aos 271 °C a 18,5 atmosferas da última medición. Erroneamente, no momento pensouse que a sonda de descenso chegara á superficie, pero as sondas posteriores mostraron que as condicións da superficie eran moito peores que ás que deixou de transmitir.[1][2][3][5][6][4][7]

  1. 1 2 3 4 5 6 7 N2YO (2025). Real Time Satellite Tracking, ed. "VENERA 4" (en inglés). Consultado o 5 de agosto de 2025.
  2. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 NASA (28 de outubro de 2022). "Venera 4" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2019. Consultado o 5 de agosto de 2025.
  3. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 NASA (28 de outubro de 2022). "Venera 4 Descent Craft" (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2025.
  4. 1 2 3 4 5 6 7 "Letter dated 23 June 1967 from the Permanent Representative of the Union of Soviet Socialist Republics addressed to the Chairman of the Committee on the Peaceful Uses of Outer Space" (PDF) (67-16125). 10 de xullo de 1967: 3. Consultado o 5 de agosto de 2025.
  5. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 Gunter Dirk Krebs (2025). Gunter's Space Page, ed. "Venera 4 (V-67 #1, 2)" (en inglés). Consultado o 5 de agosto de 2025.
  6. 1 2 3 4 5 6 7 8 Mark Wade (2025). "Venera 1V" (en inglés). Consultado o 5 de agosto de 2025.
  7. 1 2 3 4 5 6 7 8 Don P. Mitchell (2003). "Plumbing the Atmosphere of Venus" (en inglés). Consultado o 7 de agosto de 2025.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]