Saltar ao contido

Venera 13

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Venera 13
Selo conmemorativo de Venera 13 e 14
TipoCientífico
Data de lanzamento30 de outubro de 1981, 6:04 GMT[1][2]
Foguete portadorProton K/D-1[3]
Sitio de lanzamentoCosmódromo de Baikonur[4][3][5]
Obxectivo da misiónEstudo de Venus.[4][3][5]
NSSDC ID1981-106A
Masa4363 kg (con propelentes)[4]

Venera 13 (en ruso: Венера-13; en galego: Venus 13) foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 30 de outubro de 1981 mediante un foguete Proton K/D-1 desde o cosmódromo de Baikonur para estudar a atmosfera e a superficie de Venus.[1][4][3][5][2][6]

Características

[editar | editar a fonte]

Seguindo un deseño similar ás Venera 9 a 12, a Venera 13, igual que a Venera 14, era tan masiva que necesitou ser lanzada mediante un foguete Proton. Venera 13 e 14 foron lanzadas cunha diferenza de cinco días e foron redeseñadas para completar os obxectivos que tiñan que ter cumplido as Venera 11 e 12. Estaban formadas por dous compoñentes: un orbitador (bus) e un módulo de descenso.[1][4][3][5][2][6][7]

O orbitador usaba o bus 4V, baseado no M-71 marciano, aínda que lixeiramente simplificado respecto dos de Venera 11 e 12. Estaba composto por un cilindro de 110 cm de diámetro acollendo os tanques de UDMH e tetróxido de nitróxeno usado polo sistema de propulsión, rodeado por un compartimento cónico con dous paneis solares e unha antena de alta ganancia de 1,6 m de diámetro. No extremo inferior do cilindro atopábase o motor KTDU-425A e na parte superior atopábase a esfera de 2,4 m de diámetro co módulo de descenso no seu interior. Rodeando a base do cilindro atopábase un toro presurizado de 2,35 m de diámetro coa electrónica e algúns instrumentos. Os paneis solares, de 1,25 x 2,10 m cada un, dábanlle á nave unha envergadura de 6,7 m. O control de actitude era levado a cabo polo motor principal direccional, propulsores de gas frío alimentados por nitróxeno, xiroscopios, sensores solares, sensores da estrela Canopus e un sensor terrestre. As comunicacións tiñan lugar mediante a antena de alta ganancia e seis antenas omnidireccionais helicoidais, catro para as comunicacións coa Terra e dúas para a comunicación co módulo de descenso. A antena de alta ganancia usaba lonxitudes de onda decimétricas e centimétricas para transmitir á Terra, mentres que os comandos desde a Terra se enviaban cara as antenas helicoidais. Os datos podían gardarse nunha cinta magnética a bordo cunha capacidade de 16 MB. Dun dos paneis solares estendíase un mastro cun magnetómetro no extremo e o control térmico acadábase mediante o uso de persianas e radiadores.[1][4][3][5][2][6][7]

O módulo de descenso, cunha masa de 1600 kg, iba acaroado á parte superior do orbitador e incluía a esfera protectora para a reentrada atmosférica. O aterrizador en si tiña unha masa de 760 kg (uns 100 kg máis que Venera 9) e estaba formado por unha esfera de titanio de 80 cm de diámetro montada sobre unha serie de puntais sobre unha plataforma de aterraxe toroidal e cun disco tamén de titanio na parte superior a modo de aerofreo, coroado por un cilindro. A esfera iba cuberta con illante térmico e un delgado recubrimento de titanio. O interior tamén iba recuberto de illante térmico, usando nitrato de litio como acumulador térmico para atrasar o quencemento e un ventilador para redistribuir o calor. A parte inferior do módulo estaba circundada por pequenos triángulos co fin de aportar estabilidade aerodinámica, xa que unha das causas do fracaso parcial de Venera 11 e 12 foron as oscilacións e xiros durante o descenso inducidos polo instrumental exposto á atmosfera, causando bruscas aceleracións que puideron danar algúns experimentos. A bordo levaba instrumentos adicionais e baterías de maior capacidade con respecto de Venera 9 e 10, os instrumentos na súa maior parte no exterior do módulo, incluíndo un sistema de imaxe panorámica, un cromatógrafo de gases e espectrómetro de masas máis precisos, varios termómetros, barómetros e anemómetros e un sensor de ondas de radio no rango dos kHz derivado do GROZA das Venera 11 e 12, denominado GROZA-2, usado como detector de descargas eléctricas. Levaba un trade para recoller mostras do solo e analizalo no interior do módulo de descenso.[1][4][3][5][2][6][7]

Instrumentos

[editar | editar a fonte]

A cápsula de descenso levaba os seguintes instrumentos a bordo:[4][6][7]

O orbitador, pola súa banda, levaba estesinstrumentos:[4][6][7]

Desenvolvemento da misión

[editar | editar a fonte]

Venera 13 engalou o 30 de outubro de 1981 a bordo dun foguete Proton K Blok D-1 cara Venus, facendo dúas manobras de corrección de traxectoria, unha o 10 de novembro de 1982 e outra o 21 de febreiro de 1982. O módulo de descenso separouse do bus o 27 de febreiro despois de ser arrefriado a -10 °C e chegou á atmosfera de Venus o 1 de marzo, co paracaídas despregándose aos 63 km de altura e liberándose aos 47 km para caer ata a superficie aerofreando. A sonda tocou terra a 7,5° S e 303° E, xusto ao leste da zona elevada coñecida como Phoebe Regio, mentres o bus sobrevoaba o planeta recollendo os datos do aterrizador durante 127 minutos (a esperanza de vida do aterrizador era de 32 minutos) ata que quedou fora da súa liña de visión. O bus continuou a súa viaxe en órbita heliocéntrica e foi usado para probar manobras de espazo profundo para as futuras misións Vega ao cometa Halley, con acendidos do motor o 10 de xuño e o 14 de outubro de 1982. A nave continuou recollendo datos do espazo interplanetario ata polo menos o 25 de abril de 1983.[1][4][3][5][2][6][7]

Resultados científicos

[editar | editar a fonte]
Panorámica da superficie de Venus obtida por Venera 13.

Venera 13 aterrizou a unha velocidade de 7,5 m/s, rebotando, ao igual que Venera 14. A análise do impacto levou a concluír máis tarde que ambas sondas caeron sobre rocha dura cunha fina capa fráxil na superficie. A temperatura era de 457 °C e a presión de 89 atm. As medicións durante o descenso atoparon unha abundancia de argon-40 (un subproducto do decaemento radioactivo do potasio) dun 25% a terrestre, atribuído a que en Venus non hai tectónica de placas ou é residual, e os elementos radioxénicos volátiles como o argon quedan atrapados baixo a codia en lugar de ser liberados durante a súa renovación, como ocorre na Terra. Na zona de aterraxe a paisaxe obtida polas cámaras estaba formada por un terreo con suaves altibaixos e solo estratificado. Estudos posteriores que incluían análises mediante sondas con radar concluíron que Venera 13 aterrizou en terreo volcánico fracturado formado por suaves serras montañosas, un dos terreos máis típicos e antigos de Venus, con 750 millóns de anos de edade. As imaxes das cámaras tomadas cunha hora de diferenza captaron tamén o movemento do po pousado na sonda durante a aterraxe, mostrando o efecto do vento na superficie. As imaxes aparecen tamén menos difusas por momentos, o que se atribúe ao movemento das nubes, creando rexións do ceo un pouco máis ou menos escuras, aínda que se cree que a capa de nubes é tan densa e a dispersión tan forte que desde a superficie nunca se chega a distinguir o disco do Sol. O micrófono da sonda mediu o son do vento e os diversos sons dos instrumentos da sonda, calculando unha velocidade do vento de 0,5 m/s. O experimento de análise do solo funcionou sen problemas. Os resultados indicaron que no sitio de Venera 13 o solo parecía estar formado por un tipo de basalto similar a un tipo terrestre pouco común (basalto leucítico) rico en potasio.[1][4][3][5][2][6][7]

  1. 1 2 3 4 5 6 7 N2YO (2025). Real Time Satellite Tracking, ed. "VENERA 13 BUS" (en inglés). Consultado o 10 de decembro de 2025.
  2. 1 2 3 4 5 6 7 "Note verbale dated 29 January 1982 from the Permanent Mission of the Union of Soviet Socialist Republics to the United Nations addressed to the Secretary-General" (PDF) (82-03603). 12 de febreiro de 1982: 2. Consultado o 10 de decembro de 2025.
  3. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 Gunter Dirk Krebs (2025). Gunter's Space Page, ed. "Venera 13, 14 (4V1M #1, 2)" (en inglés). Consultado o 10 de decembro de 2025.
  4. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 NASA (22 de outubro de 2022). "Venera 13" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de xullo de 2025. Consultado o 10 de decembro de 2025.
  5. 1 2 3 4 5 6 7 8 Mark Wade (2025). "Venera 4V-1" (en inglés). Consultado o 10 de decembro de 2025.
  6. 1 2 3 4 5 6 7 8 Don P. Mitchell (2003). "Drilling into the Surface of Venus" (en inglés). Consultado o 10 de decembro de 2025.
  7. 1 2 3 4 5 6 7 NASA (28 de outubro de 2022). "Venera 13 Descent Craft" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 6 de abril de 2025. Consultado o 10 de decembro de 2025.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]