Venera 1 tiña unha masa duns 644 kg e estaba formada por un cilindro cunha semiesfera nun dos extremos, todo cunha altura total de 2,035 m e un diámetro de 1,050 m. Acaroados ao corpo principal había dous paneis solares cunha superficie total de 2 m2. As comunicacións tiñan lugar mediante unha antena de alta ganancia de 2 m de diámetro acaroada ao corpo cilíndrico e que podía transmitir en lonxitudes de onda de 8 e 32 cm. A sonda tamén dispoñía dunha antena omnidireccional de 2,4 m de longo para transmisións de 1,6 m de lonxitude de onda e unha antena en forma de T para transmisións a 922,8 MHz. A semiesfera estaba presurizada a 1,2 atmosferas e contiña unha medalla da Unión Soviética e a electrónica de control. A sonda levaba tamén un motorKDU-414, alimentado por ácido nítrico e UDMH, para correccións de traxectoria. A sonda tiña que manterse a 30 °C, o que se conseguía mediante controis térmicos en forma de persianas. Para o control de actitude usábanse propulsores de nitróxeno en función da posición calculada mediante sensores solares e estelares e xiroscopios. O plan era estrelar a sonda en Venus mentres recollía datos científicos durante o camiño e antes da entrada atmosférica.[1][2][3][4][5][6]
A Venera 1 engalou o 12 de febreiro de 1961 a bordo dun foguete Molniya xunto cunha plataforma de lanzamento orbital coa que quedou nunha órbita terrestre de 229 x 282 km e unha inclinación orbital de 65,7°. A etapa propulsora acendeuse máis tarde, poñendo a Venera 1 en camiño cara Venus. Durante os días seguintes tiveron lugar dúas sesións de comunicación, unha a 126000 km da Terra o 12 de febreiro e outra a 488900 km o 13 de febreiro. Despois a sonda programouse para comunicarse cada cinco días. Unha sesión máis tivo lugar o 17 de febreiro, a 1,89 millóns de km da Terra, coa sonda funcionando normalmente e os instrumentos científicos devolvendo datos. Nas seguintes sesións xa non se conseguiu obter datos útiles e na sesión do 4 de marzo, coa sonda a 7,5 millóns de km, as comunicacións fallaron completamente e xa non se conseguiron retomar, co que o motor de corrección de traxectoria non se puido acender. Entre o 19 e o 20 de maio, a Venera 1 pasou a uns 100000 km de Venus e entrou nunha órbita heliocéntrica.[1][2][3][4][5][6]