Varanus giganteus
Varanus giganteus | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Distribución do varano xigante
| |||||||||||||||||
Sinonimia[2] | |||||||||||||||||
Hydrosaurus giganteus, Gray |
O Varanus giganteus (xeralmente denominado varano xigante) é o maior lagarto monitor nativo de Australia. É un dos grandes lagartos vivos existentes hoxe na Terra, só superado polo Varanus komodoensis, que é o varano (ou dragón) de Komodo[3], da illa de Komodo (Indonesia), o Varanus salvator da India e sueste asiático e o Varanus salvadorii de Nova Guinea, e similar en tamaño ao Varanus niloticus de África.[4] Atópase ao oeste da Gran Cordilleira Divisoria nas terras áridas de Australia, pero raramente se deixa ver porque é moi tímido e a zona onde habita é moi remota e deserta. Segundo a IUCN o status actual da especie é pouco preocupante.
É importante en moitas culturas aborixes como é evidente nas súas relacións totémicas, e é o lagarto ancestral Ngiṉṯaka do tempo dos soños da espiritualidade aborixe. É un dos alimentos favoritos das tribos aborixes do deserto, e a súa graxa utilízase con propósitos medicinais e cerimoniais.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]O zoólogo británico John Edward Gray describiu este varano xigante en 1845 co nome Hydrosaurus giganteus, chamándolle "lagarto de auga xigante".[5] George Albert Boulenger cambiouno ao xénero Varanus.[6]
Dentro do xénero de lagartos monitores Varanus, está situado no subxénero Varanus. Os seus parentes máis próximos pertencen a unha liñaxe da que xurdiron o Varanus gouldii e o Varanus panoptes.
Descrición
[editar | editar a fonte]Pode medrar ata os 2,5 m de longo, aínda que a lonxitude típica é de arredor de 1,7 a 2,0 m e pesa ata 15 kg, e o seu peso máximo rexistrado foi de 20 kg, rivalizando co Varanus albigularis polo título do quinto lagarto máis grande. Porén, os V. giganteus son lagartos relativamente delgados e menos voluminosos que o dragón de Komodo ou o V. salvator. O V. niloticus pode tamén competir con el en tamaño, chegando en casos excepcionais aos 2,4 m de lonxitude.[4]
Veleno
[editar | editar a fonte]En 2005 investigadores da Universidade de Melbourne descubriron que todos os lagartos monitores poden ser algo velenosos. Previamente, pensábase que as trabadas inflixidas por eles era fácil que se infectasen polas moitas bacterias que tiñan na boca, pero acabou por descubrirse que os efectos inmediatos eran causados por un envelenamento leve. As trabadas nunha man de V. komodensis, V. gigantgeus, V. varius e V. scalaris) inchan en cuestión de minutos, causan a alteración da coagulación do sangue e dor ata o cóbado, que ás veces pode durar varias horas.[7]
O biólogo da Universidade de Washington Kenneth V. Kardong e os toxicólogos Scott A. Weinstein e Tamara L. Smith argumentaron que a idea de que podían ter glándulas de veleno "... tivo o efecto de subestimar os papeis variados e complexos exercidos polas secrecións orais na bioloxía dos réptiles, produciu unha consideración moi escasa das secrecións orais e tivo como resultado unha mala interpretación da evolución reptiliana". Segundo eles "... as secrecións orais reptilianas contribúen a moitas funcións biolóxicas distintas da de acabar rapidamente coa presa". Concluíron que "chamarlle a todos os deste caldo velenosos implica un posible perigo global que non existe, confunde na avaliación dos riscos médicos e confunde a estimación biolóxica dos sistemas bioquímicos dos squamata".[8]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Os V. giganteus viven en áreas desérticas moi áridas de Australia Occidental, sur de Australia, Territorio do Norte e Queensland. O seu hábitat consiste en afloramentos rochosos e gargantas, cun solo duro e comprimido e pedras soltas.
Comportamento e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Xeralmente evita o contacto humano e a miúdo retírase antes de ser visto. Como pode escavar, pode facer unha toqueira para refuxiarse en só uns poucos minutos. Coas súas longas garras pode gabear facilmente ás árbores. A miúdo ponse de pé sobre as patas traseiras e cola para ter unha mellor visión do terreo que o rodea. Este comportamento, coñecido como "facer o trípode", é bastante común nos lagartos monitor. Os V. giganteus son rápidos corredores e poden correr usando as catro patas ou só as patas de atrás.
Como é típico da maioría dos lagartos monitor, os V. giganteus quedan paralizados (deitándose planos no chan e permanecendo moi quedos ata que pasou o perigo) ou corren se son detectados. Se o molestan, este poderoso carnívoro ponse de pé e usa o seu arsenal de garras, dentes e latigazos do rabo para defenderse. Pode inflar a gorxa e asubiar como exhibición defensiva ou agesiva, e pode golpear os seus opoñentes co seu rabo muscular. Tamén pode arremeter coa boca aberta, como un ataque de farol ou como un verdadeiro ataque. A mordedela dun V. giganteus pode facer moito dano, non só polos dentes, senón tamén polas súas secrecións orais.
Alimentación
[editar | editar a fonte]Son superdepredadores que non teñen predadores naturais no seu hábitat.[9] Son carnívoros moi activos que se alimentan principalmente de réptiles, pequenos mamíferos e menos comunmente de aves como os pombos Geopelia cuneata.[10] Cazan presas vivas, mais tamén poden comer carniza. Entre as súas presas reptilianas inclúe principalmente lagartos (como escíncidos e agámidos) e máis raramente serpes, pero esta especie tamén é un notable exemplo de predación intragremial, xa que come un número pouco frecuente doutras especies de lagartos monitores como Varanus acanthurus, Varanus tristis, Varanus gouldii e mesmo Varanus panoptes.[11][12][13] Tamén comen os membros máis pequenos da súa propia especie; polo que un exemplar de 2 m pode comer a outro de 1,5 m.[14] Outros lagartos que son as súas presas son os Pogona vitticeps e Gowidon longirostris. Os individuos das costas e illas adoitan comer un gran número de ovos e crías de tartarugas mariñas, e observouse que se agochan tras vehículos para emboscar gaivotas. Entre as súas presas mamíferas están os morcegos, canguros novos e outros pequenos marsupiais e roedores. Nalgunhas ocasións víronse buscando comida en augas pouco profundas. Poden matar canguros e desmembrar os que son demasiado grandes para ser tragados enteiros usando as súas poderosas extremidades anteriores e garras.[15] Aínda que os adultos se alimentan predominantemente de vertebrados, os V. gigangeus novos comen principalmente artrópdos, especialmente saltóns e cempés.[16][14][17]
Normalmente traga as presas enteiras, pero se a comida é moi grande, arrinca cachos para tragalos.[18]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Pode poñer os ovos en montículos de térmites ou no solo.[18]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Un V. giganteus no Zoo de Perth, Australia Occidental
-
Detalle dun V. giganteus na natureza
-
En Australia central
-
Un par de V. giganteus no Zoo de Perth
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Shea, G.; Ellis, R.; Wilson, S.; Oliver, P. (2018). "Varanus giganteus". p. e.T83777786A101752310. doi:10.2305/IUCN.UK.2018-1.RLTS.T83777786A101752310.en. Consultado o 19 de novembro de 2021.
- ↑ Australian Biological Resources Study (16 de agosto de 2012). "Species Varanus giganteus (Gray, 1845)". Australian Faunal Directory. Canberra, Australian Capital Territory: Department of the Environment, Water, Heritage and the Arts, Australian Government. Consultado o 28 de xullo de 2021.
- ↑ Definición de varano no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ 4,0 4,1 "The Largest Monitor Lizards".
- ↑ Gray, John Edward (1845). Catalogue of the Specimens of Lizards in the Collection of the British Museum. Londres: British Museum. p. 13.
- ↑ Weavers, Brian (2004). King, Ruth Allen; Pianka, Eric R.; King, Dennis, eds. Varanoid lizards of the world. Bloomington: Indiana University Press. p. 335. ISBN 978-0-253-34366-6.
- ↑ Fry, Bryan G.; Vidal, Nicolas; Norman, Janette A.; Vonk, Freek J.; Scheib, Holger; Ramjan, S. F. Ryan; Kuruppu, Sanjaya; Fung, Kim; Hedges, S. Blair (16 de novembro de 2005). "Early evolution of the venom system in lizards and snakes". Nature (en inglés) 439 (7076): 584–588. Bibcode:2006Natur.439..584F. ISSN 1476-4687. PMID 16292255. doi:10.1038/nature04328.
- ↑ Weinstein, Scott A.; Smith, Tamara L.; Kardong, Kenneth V. (14 de xullo de 2009). "Reptile Venom Glands Form, Function, and Future". En Stephen P. Mackessy. Handbook of Venoms and Toxins of Reptiles. Taylor & Francis. pp. 76–84. ISBN 978-1-4200-0866-1. Consultado o 18 de xulo de 2013.
- ↑ [1]. Edited by Kari F. Soennichsen, Brett Bartek, Cody Davis Godwin, Simon Clulow, David Rhind, Christopher J L Murray and Jean Sean Doody
- ↑ Fisher, Scott (22 de abril de 2018). "Perentie and a diamond dove". Flickr.
- ↑ Macdonald, Stewart (agosto de 2007). "Observations on the Stomach Contents of a Road-killed Perentie, Varanus giganteus in Western Queensland". Biawak 1.
- ↑ Naish, Darren (18 de maio de 2012). "Goanna-eating goannas: an evolutionary story of intraguild predation, dwarfism, gigantism, copious walking and reckless thermoregulation". Scientific American.
- ↑ "Varanus Giganteus".
- ↑ 14,0 14,1 Losos, Jonathan B.; Greene, Harry W. (1988-12-01). "Ecological and evolutionary implications of diet in monitor lizards". Biological Journal of the Linnean Society (en inglés) 35 (4): 379–407. ISSN 0024-4066. doi:10.1111/j.1095-8312.1988.tb00477.x.
- ↑ "Varanus Giganteus". Biocyclopedia.com. Consultado o 11 de marzo de 2022.
- ↑ King, D.; Green, B.; Butler, H. (15 de marzo de 1989). "The Activity Pattern, Temperature Regulation and Diet of Varanus-Giganteus on Barrow-Island, Western-Australia". Wildlife Research 16 (1): 41–47. doi:10.1071/wr9890041 – vía www.publish.csiro.au.
- ↑ "Varanus Giganteus".
- ↑ 18,0 18,1 *King, Dennis; Green, Brian (1999). Goannas: The Biology of Varanid Lizards. University of New South Wales Press. pp. 18 e 33. ISBN 978-0-86840-456-1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cogger, H. (1967). Australian Reptiles in Colour. Sydney: A. H. & A. W. Reed, ISBN 0-589-07012-6
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Varanus giganteus |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Varanus giganteus |