Vallvidrera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Vista panorámica da Torre de Collserola, e os cumios de Sant Pere Màrtir e Turó d'en Cors, xunto ao barrio de Vallvidrera dende o cumio do Tibidabo.

Vallvidrera é un núcleo de poboación que forma parte do distrito de Sarrià-Sant Gervasi da cidade de Barcelona, concretamente dentro do barrio de Vallvidrera, el Tibidabo i les Planes. Orixinariamente foi un concello independente que en 1890 quedou integrado no de Sant Vicenç de Sarrià que, á súa vez, anexionouse ao de Barcelona en 1921. Está situado na montaña, aos pés da serra de Collserola.

Historia[editar | editar a fonte]

A igrexa de Santa Maria de Vallvidrera. Ao fondo, a Casa Museo Jacint Verdaguer.

O antigo termo de Vallvidrera estivo vinculado estreitamente coa súa igrexa, Santa Maria de Vallvidrera. Dese templo hai noticias dende o 987 nun documento no que se fai referencia á igrexa, que pertencía naquela época á parroquia de Valldoreix. No século XIII constituíuse como parroquia independente e o actual edificio construíuse entre 1570 e 1587 seguindo o estilo gótico tardío. No século XVII foi restaurada e durante a Guerra civil española foi pechada ao culto.

En 1335, a xurisdición sobre Vallvidrera e Santa Creu d'Olorda foi vendida por Pedro IV de Aragón a Pere Desllor, e volveu á coroa en 1385, aportando os habitantes de Vallvidrera o diñeiro necesario.[1] Sempre foi un núcleo moi poboado cunha poboación dispersa. A finais do século XIX converteuse en lugar de veraneo de moitos barceloneses e construíronse moitos edificios, ademais dalgúns hoteis. En 1864 inaugurouse o encoro de Vallvidrera coas funcións de reserva de auga potable para o entón concello de Sarrià, e en 1906 o Funicular de Vallvidrera. En 1890 Vallvidrera deixou de ser un concello independente para agregarse a Sarrià,[1] que en 1921 anexionouse ao concello de Barcelona.

A Vil·la Joana foi unha das masías máis importantes do termo. Documentada dende o século XVI, foi reformada a finais do século XIX. En 1902 morreu nela o poeta Jacint Verdaguer. En 1922 foi adqurida polo Concello de Barcelona, que destinouna a escola de educación especial. Dende 1962 acolle un museo dedicado á memoria de Jacint Verdaguer que depende do Museo de Historia de Barcelona.[2]

En 1991 inauguráronse os túneles de Vallvidrera que, travesando a serra de Collserola, unen a cidade de Barcelona coa comarca do Vallès Occidental.

En 2010, despois de varias discrepancias sobre a xestión do barrio por parte do Concello de Barcelona gobernado por Jordi Hereu, a Asociación de Veciños de Vallvidrera e a Asociación de Comerciantes convocaron unha consulta para a independencia de Vallvidrera respecto de Barcelona, unha consulta non vinculante que se saldou cun 98,05% de votantes a favor da separación sobre un 40% de participación.[3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 CAMÓS, L. Vallvidrera. Algunas páginas de su historia. Barcelona, 1945. Dins de Barcelona. Divulgación histórica vol. 6. Barcelona, 1958. Ed. Aymà.
  2. "Museu d'Història de Barcelona - Vil·la Joana". Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2013. Consultado o 20 de xaneiro de 2017. 
  3. A consulta en El Punt
  4. Máis de 800 persoas participan na consulta popular de Vallvidrera para independizarse de Barcelona Arquivado 17 de marzo de 2010 en Wayback Machine. La Vanguàrdia

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • BALARI i JOVANY, Josep. Orígenes Históricos de Cataluña. Barcelona: Ed. Establecimiento Tipográfico de Hijos de Jaime Jepús, 1899. 751 p.
  • SALLENT I GOTÉS, Llorenç. Història documentada del poble i parròquia de Santa Maria de Vallvidrera. Vallvidrera: Ed. Parròquia de Santa Maria de Vallvidrera, 1916. 368 p.

Coordenadas: 41°24′54.28″N 2°6′30.94″L / 41.4150778, -2.1085944